El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Eterna asignatura pendente?...

Dende hai anos o coñecemento de idiomas estranxeiros vén sendo un cabalo de batalla en España, aínda que o sistema educativo tenta mellorar os seus métodos de ensinanza // Chegan os mozos e mozas á universidade cun bo nivel noutras linguas ou aínda hai moito que facer?

Estudantes no exterior dunha biblioteca universitaria - FOTO: ECG
Estudantes no exterior dunha biblioteca universitaria - FOTO: ECG

SILVIA CASTIÑEIRAS  | 12.06.2019 
A- A+

A decisión tomada pola Universidade de Santiago de eliminar a necesidade de que os seus estudantes acreditaran o coñecemento dunha lingua estranxeira para poder obter o seu título vén reavivar unha vella cuestión sobre o dominio dos idiomas.

O alumnado da USC podía xustificar este requisito coa obtención do B1, un certificado oficial que se pode conseguir cun exame no Centro de Linguas Modernas e que, en principio, non debería supoñer moita dificultade porque estaría acorde co nivel co que se presupón que os mozos e mozas saen do instituto. Pero o certo é que esta cuestión xerou moita polémica. Incluso hai unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que dá a razón a unha persoa que pediu que se lle expedira o seu título de grao sen ter que demostrar as súas aptitudes nunha lingua foránea.

Debates aparte sobre se é positivo ou un atranco que a Universidade compostelá puxera en marcha esta medida dende o curso 2013-2014, a pregunta que nos podemos facer é a seguinte: Por que ese medo entre a xuventude a demostrar as súas capacidades neste eido? Seguen as novas xeración a dubidar da súa preparación en canto ao estudo de idiomas no sistema educativo?. Hai quen asegura ter certas dificultades e quen cre que ao final fai falta unha formación extraacadémica para chegar a ter un bo nivel de inglés ou algunha outra lingua. David, que estuda 4º de Económicas, asegura que "durante o instituto non me xeraron ningún interese porque durante moitos anos sempre insistían no mesmo. Cando cheguei á universidade dinme conta da importancia de saber un idioma e entráronme as présas. Axudoume ir a clases e a miña estancia de Erasmus en Polonia".

Pola súa parte Ángela recoñece que o inglés "sempre o tiven atravesado". É unha frase moi típica que invita a reflexionar sobre o por que ás veces non se nos dá ben a aprendizaxe dunha lingua.

César e Manuel son dous rapaces de 2º de Bacharelato que hoxe mesmo comezan os exames de selectividade. Os dous coinciden en que traen mellor preparación neste campo que xeracións anteriores porque levan estudando dende Primaria e tiveron materias en inglés. Sen embargo, Rebeca, en 2º de Filoloxía Galega, fai a seguinte reflexión sobre os métodos de ensino: "En xeral creo que non están ben porque seguen a ser por repetición. No colexio estudamos por un libro, con exercicios básicos, sen practicar o speaking, que é o importante. Así, estamos acostumados a facer redaccións pero iso non é suficiente para dominar unha lingua".

O de esixir pode ser unha estimulación tamén. "Eu saquei o B1 nun principio porque o pedían, pero tamén porque quería telo", asegura Raquel.

REACCIÓNS

Raquel

4º Química

"Os idiomas son moi importantes para comunicarse con todo o mundo. Eu hai pouco que saquei o B1, porque o esixían e porque tamén quería telo"

César

2º Bacharelato

"A miña xeración xa sae do instituto mellor preparada que antes. Creo que por conta propia xa deberíamos ter un bo nivel ao chegar á universidade"

Manuel

2º Bacharelato

"No meu caso creo que saímos con bo nivel porque estudamos en inglés asignaturas, como naturais, dende Primaria, pero poderíase fomentar máis"

Ángela

1º Filoloxía Galega

"O inglés sempre o tiven atravesado, domino máis o francés. Creo que se podían promover máis os idiomas, aínda que o nivel básico creo que está ben"

David

4º Económicas

"Creo que nos institutos insisten moito no mesmo durante moitos anos e non xeran interese. A min entráronme as présas ao chegar á universidade"

Rebeca

2º Filoloxía Galega

"Os métodos de ensino por repetición non están ben. Estamos acostumados a facer redaccións e exercicios básicos pero non dominamos a fala"