El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo entrega as medallas de Galicia a Fernández e Herrera

FOTO: ECG
FOTO: ECG

REDACCIÓN  | 22.07.2019 
A- A+

Un socialista e un popular e os dous xa expresidentes das súas comunidades, Javier Fernández, que o fora do Principado de Asturia, e Juan Vicente Herrera, de Castela e León, recibirán o vindeiro mércores, día 24 de xullo, as súas Medallas de Galicia. Estes nomes, que xa foran anunciados polo titular do Goberno autonómico a pasada fin de semana, foron aprobados definitivamente no Consello da Xunta do último xoves. Feijóo anunciou que convidara ao evento aos novos presidentes destas comunidades, Adrián Barbón (Asturias) e Alfonso Fernández Mañueco (Castela e León).

O mandatario galego explicou que a "máxima distinción" de Galicia a Fernández e Herrera débese ao seu traballo pola "defensa dos intereses" do noroeste español, sinaladamente na reivindicación de investimentos ao Executivo central para impulsar o corredor atlántico ferroviario. E é que, para Feijóo, a traxectoria destes dous políticos "ao servizo dos cidadáns" pon de manifesto "que o entendemento entre diferentes administracións e gobernos non só é posible, senón que é necesario para buscar solucións comúns a problemas e oportunidades".

"Entendemos que Javier Fernández e Juan Vicente Herrera foron defensores do Estado das autonomías, defensores das súas comunidades autónomas e defensores dos intereses de Galicia", sentenciou Núñez Feijóo.

 

OS GALARDOADOS. O xa expresidente asturiano socialista Javier Fernández naceu en Mieres en 1948. Enxeñeiro de minas é funcionario de carreira do corpo especial de enxeñeiros de minas desde 1984. Exerceu de director xeral de Minería e Enerxía e conselleiro de Industria, Comercio e Turismo desta Comunidade. Ademais foi deputado no Congreso e senador. En 2012 foi investido presidente de Asturias, cargo que ostentou durante dúas lexislaturas, ata 2019. Pola súa banda o tamén expresidente popular de Castela e León Juan Vicente Herrera naceu en Burgos en 1956. Estudou Dereito en Navarra, exerceu como avogado entre 1987 e 1992 e foi deputado nas Cortes autonómicas. Foi secretario xeral da Consejería de Economía y Hacienda da Junta, cargo que desempeñou ata 1995. En 2001, foi investido presidente do Goberno castellanoleonés e revalidou catro mandatos sucesivos, ata que nas eleccións do 26 de maio non repetiu como candidato.