El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Feijóo invita a toda España a construír "o mellor Xacobeo na mellor Galicia"

"É un dos acontecementos culturais máis relevantes dos vindeiros anos", di o titular da Xunta// Destaca as facilidades económicas para os que patrocinen o evento, a través do programa de beneficios fiscais

Feijóo recibe al gobernador de la prefectura japonesa de Wakayama, Yoshinobu Nisaka, acompañado por Rodríguez y Nava.  - FOTO: ECG
Feijóo recibe al gobernador de la prefectura japonesa de Wakayama, Yoshinobu Nisaka, acompañado por Rodríguez y Nava. - FOTO: ECG

VICTORIA ROJAS   | 26.01.2019 
A- A+

Celebrar o mellor Xacobeo na mellor Galicia da nosa historia é a aspiración do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que recordou onte que non é só un proxecto de Galicia, senón de toda España: "Estamos a falar dun dos acontecementos turísticos e culturais máis relevantes que vivirá o conxunto do país nos vindeiros anos", aseverou, ­invitando a todas as comunidades e ao Goberno central a cooperar no gran proxecto.

Durante a presentación de Turismo de Galicia en Fitur, o titular da Xunta asegurou que o Xacobeo 2021 será un punto de inflexión na historia turística da comunidade, como o foi o primeiro gran Xacobeo celebrado en 1993, e, con ese obxectivo, dixo: "Galicia xa empezou a preparalo e a ­celebralo".

Nesta liña, salientou que a Xunta conta cun departamento de Cultura e Turismo traballando a pleno rendemento; co compromiso de que a alta velocidade será unha realidade na comunidade para o vindeiro ano santo; cun novo plan de mellora de aloxamentos turísticos para seguir facendo de Galicia un destino máis competitivo, que aposta pola calidade e a excelencia como selo de identidade; e con facilidades económicas para todos aqueles que queiran apoiar o evento, a través do programa de beneficios fiscais para patrocinadores, despois de que fose declarado ­acontecemento de excepcional interese público.

Así mesmo, e como recolle a nota enviada pola Xunta, resaltou que se está a traballar tamén no acondicionamento dos Camiños que levan a ­Compostela, dotándoos con máis servizos e facéndoos máis accesibles, "convencidos de que as rutas xacobeas son unha experiencia para todos, na que non exista ningún tipo de barreira", asegurou, subliñando o acordo coa ONCE que ­facilitará a peregrinación ás persoas invidentes.

 


O Son do Camiño: datas. Ademais de avanzar no impulso de toda ­unha ­programación cultural que inclúe a segunda edición do festival O Son do Camiño, que se ­celebrará os días 13, 14 e 15 de ­xuño en Santiago.

Por outra banda, e para todos aqueles galegos que queiran sentirse partícipes, a Administración autonómica ten deseñado o ­Programa Tu Xacobeo, coa finalidade de que poidan realizar as súas achegas.

 


Un destino diverso e posible todo o ano. Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo galego incidiu en que a estratexia turística que se está a preparar para o Xacobeo baséase no Depende: "Depende do cando. Do quen. Do con quen. Incluso do canto", afirmou, destacando que os visitantes poden elixir entre o turismo máis relixioso que ofrecen Viveiro ou Ferrol, coa súa Semana Santa recoñecida internacionalmente; o turismo máis contemplativo que hai detrás das tres candidaturas coas que Galicia opta a Patrimonio da Humanidade -a Ribeira Sacra, o Parque Nacional das Illas Cíes-Illas Atlánticas e o Ferrol da Ilustración-; ou as festas máis pagás como os entroidos, incluído o de Xinzo, declarado esta semana como festa de interese turístico internacional. De feito, Nava Castro salientou a riqueza etnográfica dos entroidos galegos como gran atractivo para impulsar o turismo no inverno.

Neste mesmo sentido, referiuse a un turismo máis activo que garanten novos produtos como os percorridos polos centros históricos; un novo itinerario que se suma aos minicruceiros polas Rías Baixas e que permitirá aproximarse por mar a gran parte dos vestixios fenicios que se conservan; ou a primeira ruta atlántica de turismo de submarinismo que comeza a tomar forma -un proxecto conxunto entre Galicia, Portugal, Reino Unido e Irlanda-.

"Poden decantarse tamén por un turismo musical que queremos reforzar a través da marca Fest Galicia; por un turismo histórico e tradicional; ou por unha Galicia moderna con novas e ambiciosas apostas de futuro como a Cidade da Cultura", engadiu, facendo fincapé no obxectivo de converter Galicia nun destino diverso e posible todo o ano.