El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

‘Gallaecia Petrea’, unha exposición para percorrer a historia de Galicia

Permanecerá no Museo da Cidade da Cultura ata o 15 de decembro // Será un escaparate do patrimonio galego

FOTO: ECG
FOTO: ECG

REDACCIÓN SANTIAGO   | 13.06.2012 
A- A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunica que o vindeiro venres 15 de xuño terá lugar a inauguración da exposición Gallaecia Petrea, unha das mostras máis ambiciosas organizada na nosa Comunidade. A mostra será a primeira exposición do Museo da Cidade da Cultura de Galicia e, a través dela, o visitante poderá percorrer a historia da construción da cultura e da propia Historia de Galicia a través dun elemento tan emblemático e propio da nosa identidade como é a pedra.

Comisariada por Miguel Fernández-Cid, Gallaecia Petrea ocupará os 6.600 metros cadrados dos que dispón o Museo dividida en seis áreas: Xeoloxía, Prehistoria, Roma, Medieval, Moderna e Contemporánea. Cada unha delas está comisariada, á súa vez, por destacados expertos nesas áreas como son o Profesor Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Geología Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña; Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; Antonio Rodríguez Colmenero, profesor ad Honorem da Universidade de Santiago; Ana Goy Diz, profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago; e Miguel Fernández Cid, director da Fundación Torrente Ballester.

Mércores, entrada libre e de balde
Gallaecia Petrea permanecerá aberta ao público dende o 15 de xuño ao 15 de decembro. Ata o 31 de agosto, o Museo permanecerá aberto todos os días en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas. Durante esta primeira fin de semana, todos os galegos terán a oportunidade de visitar a exposición totalmente de balde. A partir do luns 17 de xuño, a entrada terá un custo xeral de 4 euros, beneficiándose dunha reducida (2 euros) estudantes, familias numerosas, discapacitados, posuidores do carné xoven e grupos de máis de vinte persoas. Ademais, Gallaecia Petrea será de balde para menores de 18 anos, desempregados e xubilados e todos os mércores terá entrada libre e de balde para que ninguén perda esta oportunidade para ver unha das mostras máis ambiciosas de Galicia.

Ademais, a Cidade da Cultura de Galicia ofrece un servizo de visitas guiadas de balde, que terán lugar todos os días en dúas quendas: 12:30 e 16:30 horas. No caso de grupos, é preciso realizar unha reserva a través do correo visitasmuseo@cidadedacultura.org ou no teléfono 881 99 51 72.

Proxecto colectivo: 91 entidades e 76 investigadores
As pezas que integran esta exposición, algunhas de ata dez toneladas de peso, proceden de diferentes partes de Galicia, España e de Portugal, coa colaboración dun total de 91 institucións culturais, concellos e coleccionistas aos que a Xunta de Galicia quere manifestarlle o seu agradecemento. Gallaecia Petrea supón, polo tanto, un proxecto colectivo que conlevou unha exhaustiva investigación científica a cargo de 76 expertos, investigadores e profesores universitarios que dá como resultado non só a propia mostra, senón tamén un catálogo de máis de 600 páxinas que representa unha minuciosa investigación sobre o patrimonio galego.

Viaxe de séculos para Historia de Galicia
Na exposición, a pedra estará presente como elemento identitario, como elemento artístico e arquitectónico pero tamén como elemento de desenvolvemento, materia base dunha das industrias máis puxantes de Galicia (granito, lousa…). Inclúe unha aproximación dende a xeoloxía, na que, a través de presentación didácticas, explorase a Gallaecia como territorio onde se poden atopar algunhas das rocas máis antigas da Península. Ademais, a mostra englobará dende un petroglifo, como elemento exclusivo que en todo o mundo só se ten atopado en Galicia, ata pezas que os grandes da escultura galega contemporánea están a preparar para esta exposición como Francisco Leiro, Manolo Paz ou Silverio Rivas.

Escaparate do patrimonio galego
Gallaecia Petrea, ademais dunha plataforma de excepción para dar a coñecer o patrimonio galego aos milleiros de visitantes que se agarda que pasen polo Museo de Galicia, funcionará como distribuidor de visitantes, derivando o turismo aos diferentes puntos representados na exposición, de forma que o visitante descubra onde ir se quere saber máis sobre algún dos períodos ou territorios representados.

Mais Gallaecia Petrea non é só unha mera mostra expositiva, senón que conleva a rehabilitación, limpeza e posta a punto dalgunhas das obras para poder exhibilas ao público na mellor das condicións, converténdose, deste xeito, nun proxecto de rehabilitación patrimonial e cultural. Así, rehabilitaranse, por exemplo, obras da Catedral de Santiago de Compostela, do Museo Provincial de Lugo, da Catedral de Modoñedo, da Catedral de Lugo, da Catedral de Tui e do Museo Provincial de Pontevedra.