El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

O Goberno das Illas Comores quere implantar o modelo de reciclaxe que utiliza Sogama

Visita o ministro de Economía o Complexo Medioambiental de Cerceda que agarda acadar en 2020 o vertido técnico cero

Membros da delegación de Illas Comores, de Panafrican Green Energy e de Sogama
Membros da delegación de Illas Comores, de Panafrican Green Energy e de Sogama

REDACCIÓN SANTIAGO   | 17.11.2019 
A- A+

O modelo Sogama traspasa fronteiras e as súas bondades chegan mesmo ata o Índico. Unha delegación política das Illas Comores, estado insular ubicado entre as costas de Madagascar e Mozambique, e encabezada polo Ministro de Economía, Investimentos e Enerxía, Msaidie Houmed Comorienne, visitou o Complexo Medioambiental de Cerceda co fin de coñecer o seu cometido e os procesos industriais que se levan a cabo no mesmo. A comitiva estivo acompañada por representantes da empresa senegalesa Panafrican Green Energy, promotor africano de plantas de valorización de residuos que conta con máis de oito instalacións destas características en desenvolvemento.

A cita ten lugar precisamente cando a Sociedade Galega do Medio Ambiente atópase pechando os últimos flocos do proceso de ampliación desta infraestrutura, que contemplou a construción e equipamento dunha nova planta de recuperación dos materiais contidos no lixo convencional e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Ambas instalacións atópanse neste momento en fase de coordinación, reforzando así o espírito da Sociedade, que non é outro que dar prioridade ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e complementalo coa recuperación enerxética da fracción non reciclable, en plena sintonía coas directrices europeas e a economía circular.

Coa ampliación, o Complexo de Sogama incrementou a súa capacidade dun 81%, podendo tratar en condicións óptimas 1 millón de toneladas de residuos cada ano, é dicir, todos os refugallos domésticos xerados en Galicia se así fose necesario.

A nova planta, concibida en liña coa industria 4.0, logra separar automaticamente (lectores ópticos, electroimáns, correntes de Foucault, etc) ata 11 tipoloxías de materiais (distintos plásticos, papel e cartón, vidro, etc) procedentes do contedor verde xenérico, contribuíndo desta forma a incrementar as taxas de reciclado e a diminuír o uso do vertedoiro de Areosa.

Con esta mellora, o vertido baixará en 2020 ao 10%, o que se coñece como vertido técnico cero, conformando esta fracción, única e exclusivamente, aqueles refugallos que non poden ser reciclados nin valorizados enerxeticamente. Desta forma, Sogama cumpre, con 15 anos de antelación, as directrices europeas na materia.

Trala recepción por parte da Direcció, a delegación efectuou un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o Complexo cercedense a fin de coñecer de primeira man o circuíto que segue o residuo desde que se recepciona en Sogama ata que se converte en recurso, ben mediante a súa remisión á industria transformadora, onde é reciclado, ben mediante a súa conversión en enerxía eléctrica, no caso da fracción non reciclable.