Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Grandes reflexións entre os máis 'peques'

A Xunta vén de entregar os premios do concurso escolar de carteis do 8M. Coñecemos a visión sobre a igualdade dos alumnos e alumnas dos centros galegos.

Coa idea de que os máis novos reflexionen sobre a igualdade a Xunta convocou un concurso entre alumnos e alumnas de colexios e institutos de toda Galicia. Os bos resultados quedaron á vista no acto de entrega dos premios, celebrado onte na Cidade da Cultura, aos mellores carteis elaborados polos estudantes de diversos centros.

O presidente da Xunta destacou a gran "oportunidade que supón este certame para que sexan os máis pequenos os que nos fagan ver a situación na que nos atopamos e os retos que nos quedan aínda por conseguir". Neste sentido, tanto Núñez Feijóo como a conselleira de Educación, Carmen Pomar, fixeron fincapé no papel que desenvolven os mestres na concienciación para a erradicación das diferenzas entre homes e mulleres. A responsable desta área no goberno galego sinalou que "estamos investindo moito en formación nos centros educativos para levar a cabo plans enfocados na convivencia e no respecto". Pomar tamén quixo destacar a importancia deste tipo de concursos para "visibilizar o gran traballo que se está a facer nas entidades escolares e a implicación do persoal docente".

Este bo labor quedou presente nas distintas propostas que elaboraron os rapaces e rapazas tanto nas clases de plástica, como na de ciencias... Calquera materia é boa para poñer en marcha o pensamento e plasmar as ideas sobre unha situación que se vive hoxe en día e que seguirán tendo que mellorar no futuro estes mozos e mozas que, nun principio, parecen a xeración máis preparada neste sentido. De feito, o propio xefe do executivo galego dixo ter "absoluta confianza neles para que o que estamos a tratar acabe sendo unha realidade conseguida".

"Represento a miña visión da muller como alguén forte, gañadora e con ganas de deixar atrás o prexuízos que nós, a propia sociedade, creamos". Así explicaba a súa obra un dos premiados.

Elas poden!, Impúlsate, Bota unha man á igualdade... Son algúns dos lemas que puidemos ver nas creacións presentadas e que veñen resumir esas reflexións que se pretendían conseguir con esta exitosa convocatoria.

Os centros que recibiron recoñecementos foron o Nosa Señora do Rosario (A Coruña), IES Ribeira do Louro (Porriño), IES Río Cabe (Monforte), Colexio Santo Ánxel (Ourense), CEIP PíoXII (Santiago), e IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras).

Sara

IES Ribeira do Louro (Porriño)

"A igualdade é que todos teñamos os mesmos dereitos, sexamos o que sexamos. No noso instituto traballamos moito sobre isto"

Jacobo

Colexio Santo Ánxel (ourense)

"Todos somos iguais. As mulleres teñen dereito a ser tratadas igual que os homes. Nós no colexio non temos diferenzas, xogamos xuntos a todo"

Daniela

CEIP Pío XII (Santiago)

"Todos temos dereito a todo. Se os nenos xogan ao fútbol, nós por que non imos poder facelo?. No cole coñecemos a figura da científica Rita Levi-Montalcini"

27 feb 2019 / 21:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito