El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

A I+D+i galega aposta polo talento coa contratación de novos investigadores

O programa Principia apoia a incorporación de menores de 35 anos a empresas e centros tecnolóxicos // Galicia triplica o esforzo en I+D do resto do Estado

O Goberno galego fomenta a contratación de investigadores menores de 35 anos co programa Principia
O Goberno galego fomenta a contratación de investigadores menores de 35 anos co programa Principia

REDACCIÓN SANTIAGO   | 17.02.2019 
A- A+

A incorporación e retención de talento mozo galego é un dos eixes de actuación da Xunta de Galicia e marca moitas da iniciativas postas en marcha entre os diferentes departamentos autonómicos.

Co obxectivo de impulsar a contratación de persoas menores de 35 anos cualificadas para desenvolver actuacións en investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i), a Administración autonómica pon en marcha por cuarto ano consecutivo o programa Principia, unha iniciativa de grande éxito nas súas pasadas edicións.

As axudas do Principia 2019, publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 11 de xaneiro, están destinadas a impulsar a contratación de persoal mozo e cualificado por parte de empresas e organismos de investigación, para abordar actuacións de I+D+i. O obxectivo é conseguir que os centros tecnolóxicos poidan incorporar talento e novos investigadores ao seu cadro de persoal.

Cun orzamento de 1,1 millóns de euros, o obxectivo é favorecer a contratación de 110 persoas durante un período mínimo dun ano, para o que se outorgarán axudas de 10.000 euros por cada contrato efectuado cunha duración mínima de 12 meses, aboada nun único pagamento unha vez se realice a contratación. O prazo de solicitude comezou o 12 de xaneiro e rematará o próximo 11 de abril.

Novidades 2019 Como principais novidades da convocatoria deste ano, destacan que se diminúe o número máximo de contratos a conceder por cada entidade. O número máximo de contratos a solicitar son 5, aínda que na primeira volta só se concederán un máximo de dous por entidade; se existen remanentes poderán concederse máis contratos por orde de puntuación, ata un máximo de 5. En anos anteriores podía chegar a un máximo de dez por entidade. Deste xeito, a Xunta pretende incrementar o número e variedade de tipoloxías de entidades beneficiarias.

Ademais, mellórase o reparto porcentual de beneficiarios entre empresas e organismos de investigación; auméntase a puntuación en aspectos como formación e capacitación de persoal ou por contratación de mulleres.Terán máis puntos as microempresas, as iniciativas emprendedoras, IEBTs e organismos de investigación. Así mesmo, amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata tres meses.

Edicións anteriores Nas tres edicións anteriores este programa pioneiro lanzado en 2016 xa ten permitido a contratación de 366 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. Así, a Xunta promove a incorporación, atracción e retención de talento en Galicia, e asegura unha capacitación integral das persoas especializadas en I+D+i que reforce a absorción do coñecemento, a empregabilidade e dinamice a capacidade do sistema innovador galego.

RIS3 No marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), a Xunta continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento, como unha das ferramentas principais para aumentar a capacidade innovadora do tecido produtivo galego e con ela a competitividade da comunidade, obxectivo recollido, tamén, no Plan Galicia Innova 2020.

A Consellería de Economía, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten posto en marcha varios programas cun gran impacto na retención de talento en Galicia. Entre eles destacan iniciativas como os contratos-programa -que apoian aos centros tecnolóxicos e ás fundacións sanitarias e que en 2018 acadou un orzamento de 1,8 millóns-, as Unidades Mixtas de Investigación, o programa Oportunius ou a iniciativa Talento Sénior, reforzando así a capacidade de innovación de Galicia e tendendo pontes entre os organismos públicos de investigación e o tecido empresarial.

Esta aposta pola I+D permitiu que Galicia fora en 2017 a segunda comunidade onde máis creceu o gasto de I+D no eido empresarial, triplicando o esforzo que está a facer o resto do Estado. Tamén destaca o crecemento, nun 9,6%, de traballadores dedicados a actividades de I+D.

Apoios á dixitalización A Consellería de Economía conta, ademais, con axudas á dixitalización das pemes ás que este ano se destinan 5 millóns. A primeira das convocatorias aínda ten aberto o prazo de solicitude ata o 15 de marzo. En xuño estímase publicar unha segunda.

O reto é fortalecer con estes programas unha maior colaboración entre todos os actores do sistema para que Galicia poida liderar proxectos innovadores. Para a Xunta é preciso seguir impulsando un maior aliñamento do traballo que realizan os centros tecnolóxicos coas necesidades do tecido industrial, xa que hoxe en día actúan como auténticas unidades de I+D+i para os sectores estratéxicos da economía e para as pequenas e medianas empresas que non poden dispoñer destes medios por si mesmas. Neste campo a Xunta conta tamén cos apoios do Interconecta e Conecta Peme nos que se levan investidos 34,5 millóns en 213 proxectos; ou co traballo de estudo que a Xunta desenvolve en colaboración con Atiga no Observatorio Industria 4.0. En total, desde 2009 a Xunta leva apoiado aos centros tecnolóxicos galegos con máis de 131,5 millóns.

DATOS PRINCIPAIS

366 CONTRATOS Desde o ano 2016, en que comezou o programa Principia, contratáronse 366 investigadores mozos con estas axudas. Na presente edición 2019 serán 110 máis.

1,1 MILLÓNS DE EUROS É o orzamento para este ano do programa. Cada empresa ou centro recibirá 10.000 euros por cada contratado un mínimo de 12 meses.