El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Impulso á vocación científica entre os alumnos de instituto

A través dunha xornada celebrada na Facultade de Medicina da USC, o Unistem Day, estudantes de Bacharelato de toda Galicia puideron achegarse ao coñecemento das células nai, espertando o seu interese.

Momento da inauguración do Unistem Day 2019 na Facultade de Medicina da USC - FOTO: ECG
Momento da inauguración do Unistem Day 2019 na Facultade de Medicina da USC - FOTO: ECG

SILVIA CASTIÑEIRAS  | 16.03.2019 
A- A+

Achegar a ciencia aos máis novos e espertar o seu interese pola investigación a través das células nai. Con ese obxectivo se celebrou na Facultade de Medicina da USC o Unistem Day, unha xornada dirixida aos potenciais profesionais, concretamente a estudantes de secundaria de varios institutos de toda Galicia. Nesta iniciativa participan 99 universidades de 15 países e 4 continentes, reunindo tan só en Santiago a 350 persoas, entre alumnos e profesores.

E que saben deste tipo de células estes mozos e mozas? En principio non parece que moito, pero para iso se creou este evento, para impulsar esa curiosidade pola ciencia. Así o destacaba na inauguración o decano de Medicina. Julián Álvarez dirixiuse ao auditorio facendo fincapé en que "dá igual a que vos adiquedes no futuro porque seguro que acabaredes traballando xuntos de maneira transversal no desenvolvemento científico. Moitos de vós estou convencido de que volveredes a estas instalacións para iniciar a vosa formación neste campo".

Entre os asistentes algúns tiñan máis claro que outros este futuro que lles agoiran dende as altas esferas. Así, Carla e Alejandra, alumnas do Instituto García Barros da Estrada e do Compañía de María de Santiago, respectivamente, sí que teñen inclinación por este eido. Unha cre que estudará pediatría e outra que se decantará por algo como odontoloxía. Iso sí, as dúas aclaran que lles falta moito coñecemento. De feito, aínda non estaban preparadas para definir a cuestión do día, o que son as células nai. De facer algunha pincelada sobre o tema encargouse o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC. Vicente Pérez Muñuzuri explicou de maneira cercana que "se podemos trapichear con algo que permite ao corpo humano medrar, repararse e renovarse imos conseguir avances tales como paliar o avellentamento, recuperar órganos danados ou evolucionar na loita contra o cancro".

No extremo oposto á motivación por todo o que teña que ver coa medicina atopamos a Yago, que pensa optar por unha enxeñaría, aínda que tiña moi en conta que non está de máis vivir a experiencia desta xornada. El, ao igual que Daniel, que a priori tampouco está moi implicado neste ámbito, poden ser dous dos exemplos da teima da transversalidade que sostiña o decano. "Nunca se sabe se algún de vós, sendo arquitecto, vai deseñar o quirófano onde se teña que acabar operando alguén dos que estamos aquí presentes", contemplaba Álvarez.

Unistem é un centro de investigación italiano creado en 2003, con base en Milán, especializado nas células nai. Dende o 2009 a entidade iniciou este tipo de charlas destinadas aos ocupantes das aulas de instituto coa intención de incentivar vocacións temperás. Na Universidade compostelá o encargado de recoller o testemuño por sétimo ano consecutivo foi o profesor José Luis Labandeira. O director do Grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular da Enfermidade de Parkinson cre fielmente na realización deste tipo de actividades porque, di, "son esenciais para que toda a sociedade se involucre e teña presente a importancia da investigación, sobre todo entre a xuventude, que é a que nun futuro podería acabar adicando a súa vida a isto". De feito, a participación nesta proposta aumentou considerablemente dende que nos seus comezos só tomaban parte unhas poucas institucións académicas europeas, sobre todo españolas e italianas. Agora exténdese a todo o mundo.

 


Vexa o vídeo en

www.correotv.es

 

 

Alejandra

2º bacharelato compañía de maría

"A verdade é que non sei moito sobre células nai, aínda que son de ciencias, así que a ver se aprendo algo aquí hoxe.Gustaríame estudar algo da saúde, creo que odontoloxía"

Yago

2º bacharelato compañía de maría

"A priori non me entusiasma a rama da saúde, probablemente me decante por unha enxeñaría, pero creo que esta experiencia está ben e nunca se sabe o que pode pasar"

Carla

1º bacharelato ies garcía barros

"Teño aínda moito descoñecemento sobre estes temas pero interésame estar aquí porque sí que me gusta a medicina. De feito, a miña intención é chegar a ser pediatra"