El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

CAMPO

Indignación ante o peche de Copagro, cooperativa fundada en 1973

ERE extintivo para os 16 traballadores desta empresa agrícola de Valdoviño // "O traballo de 45 anos acabou dinamitado en 24 horas"

Os afectados marcharon desde Copagro ata a cooperativa de Meirás, con pancartas e silbatos - FOTO: KIKO DELGADO
Os afectados marcharon desde Copagro ata a cooperativa de Meirás, con pancartas e silbatos - FOTO: KIKO DELGADO

PATRICIA HERMIDA. VALDOVIÑO  | 25.04.2019 
A- A+

Naceu coa ilusión das cooperativas do rural galego, no xa lonxano 1973. Pero agora Coprago morre en Valdoviño, tal e como dicía onte o seu xerente. "Copagro morreu, non hai nada que facer", indicaba ante os 16 traballadores que quedarán na rúa. Aplícase un ERE de extinción co peche desta empresa especializada na fabricación de piensos, que depende das cooperativas de Meirás, Lago e Vilaboa. E os seus xestores indican que non poden realizar máis inversións (chegan ao 1,4 millóns de euros nos últimos tempos). Precisamente, os operarios denuncian que "houbo unha forte aposta económica, con aumento do persoal (pasaron de 11 a 16 contratados), compra de maquinaria e tres camións". E lamentan que "o traballo de 45 anos acabe dinamitado en 24 horas".

Os afectados marchaban onte desde Copagro ata a cooperativa de Meirás, con pancartas e silbatos. Segundo Rafael Caamaño, delegado a través de USO, "os xestores están dispostos a tirar os cartos dos socios, o máis fácil para eles é despedirnos e pechar, deixan de dar servizos aos gandeiros e acaban co rural". O coordinador de USO-Industria, Francisco Cousillas, afirma que "non se aportan solucións, pedimos as contas dos anos 2017 e 2018, máis o balance de 2019... pero só nos dan as cifras de hai dous anos". O sindicato "teme unha mala xestión ou inconsciencia". Ademáis, a empresa tiña previsto abrir unha nova liña de negocio coa fabricación de piensos multiespecie a base de fariña de peixe. "Seríamos dos poucos en lograr a licencia e tíñamos clientes en espera, pero tirouse todo pola borda, quedamos sen actividade e os clientes marchan a outros sitios porque as vacas comen todos os días", explicaba Rafael Caamaño.

A preocupación aumenta ante os operarios de máis idade, "con xente que traballaba aquí desde 1986, hai que ter decencia cos que xa teñen 60 anos, necesitan un recoñecemento".