El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

A Irmandade da Sanidade Galega rende homenaxe a García-Sabell

Inauguran un busto do galeguista na rúa compostelá que leva o seu nome // Benvida a 28 novos membros

Elena, esq., e Teresa, as fillas de García-Sabell, na homenaxe - FOTO: Fernando Blanco
Elena, esq., e Teresa, as fillas de García-Sabell, na homenaxe - FOTO: Fernando Blanco

CLARA ESPIÑO SANTIAGO   | 16.02.2020 
A- A+

A Irmandade da Sanidade Galega tributou este sábado unha homenaxe ao médico galeguista Domingo García-Sabell no marco da súa IX asemblea anual. Os actos comezaron co descubrimento dun busto do ilustre médico galeguista homenaxeado realizado polo escultor José Morais nos xardíns da rúa compostelá que leva o seu nome.

Ao acto acudiron, entre outros, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a edila de Educación compostelá, Noa Díaz; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; Darío Villanueva, membro da Real Academia Española e exreitor da USC, e Carlos Pajares, exreitor compostelá e profesor da facultade de Física, ademais de familia e amigos do homenaxeado.

A continuación, o Salón Nobre do Pazo de Fonseca acolleu o acto da incorporación de 28 novos membros a Irmandade da Sanidade Galega e onde o profesor Ramón López Vázquez, estudoso das achegas científicas do doutor García-Sabell, disertou sobre a súa figura.

A Irmandade da Sanidade Galega é unha plataforma de profesionais do eixo da saúde na comunidade que ten como obxectivo fortalecer o galeguismo e o humanismo como instrumento para comprender a idiosincrasia do paciente, facendo fincapé na valoración positiva e uso da lingua galega na relación cos usuarios dos seus servizos.

Durante a homenaxe, Valentín García recordou a figura de García-Sabell como "un firme defensor do uso do galego na atención médica porque se decatou da importancia que tiña para un bo diagnóstico e para a calidade da asistencia sanitaria en xeral o falarlle ao paciente no seu idioma".

Nacido en Compostela en 1908, o doutor García-Sabell, ademais de na súa faceta como médico, destacou no apartado intelectual e político, ocupando cargos como a presidencia da Editorial Galaxia e da Real Academia Galega (RAG) ou a Delegación do Goberno en Galicia durante case 20 anos.