El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Catedrático de Historia Moderna da USC

Isidro Dubert García: “A emigración non é un fracaso do que marcha, senón do que queda”

{ Muros, 1961} Isidro Dubert García, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago (USC) e membro do consello de redacción de Annales de Démographie Historique, é autor de diversas obras e editor de ‘Historia das historias de Galicia’

LUIS POUSA SANTIAGO  | 12.06.2016 
A- A+

Como se pode interpretar a d­esaparición do servicio doméstico no rural galego nos séculos XVIII e XIX?
En Galicia temos a idea de que aquí nada cambia e todo permanece igual. Quereriamos un modelo de urbanización a la inglesa. E nós temos constatado que os camiños á modernización, ao benestar, á  complexidade social, son moi variados: o que vale para Inglaterra non ten porque valer para Galicia, e o que vale para Cataluña non ten porque valer para México. Non son iguais, son desenvolvementos históricos distintos. A desaparición do servizo doméstico coincide cun momento de transformación social en Galicia enorme: na sociedade rural o poder da Igrexa faise moito máis feble e hai contestación social ás relacións feudais...

A emigración é unha maneira de rebaixar a presión demográfica sobre a familia?
É algo máis complexo ca iso. En Francia tense comprobado que nunha mesma rúa, co mesmo nivel social e na mesma situación económica, hai familias que emigran e familias que non emigran. Por que se da esa disimilitude? Descubriuse que un papel moi importante son as historias familiares: hai unha especie de historia familiar interna na que un individuo emigra, iso reporta un certo beneficio e esa idea de certo beneficio incorpórase á propia historia familiar. E como cando nas familas hai un médico e nas xeracións posteriores se asume que tamén ha de haber un médico.

En parte os movimentos migratorios internos en España explícanse polo efecto chamada?
Si, son as cadeas migratorias: ti vas, te instalas, tes un relativo éxito e chamas a outros. É o efecto chamada. Esa cadea emigratoria non é material, prodúcese en base á información de xente que vai e ven. Por iso digo que a emigración ten un chisco máis de complexidade. É algo máis cun feito automático de que si ti es pobre, emigras. Non é moi normal que durante douscentos anos, nun  territorio como Galicia, a emigración seña un elemento continuo, específico, que aparece en momentos determinados de crise, porque iso quere dicir que  entre onda e onda migratoria nada cambia no aspecto económico e social. As élites, ou quén lle corresponda, nada fan por cambiar as circunstancias que promoven a emigración. O grande reto en historias da emigración en Galicia é explicar cómo é posible que seña unha variable despois de douscentos anos.

E como se explica o éxodo do rural galego cara as cidades?
É un proceso concordante pero diferente da emigración. Non somos carne de emigración, pero a xente non emigra porque sí. Emigra porque hai unhas circunstancias que fan cas súas expectativas vitais, familiares ou sociais non se vexan cumpridas na terra. No XIX emigrábase, nas décadas dos coarenta e cincoenta emigrábase, nos anos setenta medio millón de galegos emigran, o que avellenta a poboación, fai caer a taxa de fecundidade e perder capital humano. Hai individuos que nas peores condicións posibeis son capaces de facer vida, gañar cartos e moitos deles trunfar social e económicamente, e  resulta que iso non o poden facer na terra. Por que? Entramos na Unión Europea e trinta anos despois e con millóns de euros invertidos volve  a haber miles de persoas fóra do país. 
Por que? Ónde están os cartos; qué industrialización, qué expectativas se lle deron á xente do agro para se modernizar?

Faltan expectativas?
As expectativas hainas que crear. Hai unhas élites, uns políticos que son nomeados polo pobo para que xestionen... A emigración non é un fracaso do que marcha senón un fracaso do que queda. Cómo é posible que esteamos agora perdendo as xeracións mellor formadas porque non atopan acubillo aquí. Quén se beneficia social e políticamente desa marcha. Disto non se fala na prensa. Os fillos das clases medias e baixas foron á universidade nos noventa, e quen xestionaba o mercado de traballo adicábase a especulación inmobiliaria, Un mercado de traballo baseado nunha man de obra pouco cualificada e sen facilidades para se reciclar laboralmente. A pregunta é quén gañou nese proceso e qué responsabilidades se lles pide ás persoas que estaban ao fronte da xestión económica e política.

A baixa taxa de fecundidade da muller galega se explica por problemas de desigualdade efectiva de xénero e de moi difícil acceso ao mercado de traballo ?
Hai un estudio dunha demógrafa francesa, que morreu no atentado da sá Bataclan en París, sobre o caso de Francia e de Italia. Dúas poboacións avellentadas, con problema de renovación demográfica e economías semellantes amosan unha fecundidade diferente, marcada pola estructura de traballo femenina. Nos últimos trinta anos a estructura do mercado de traballo en Francia mudou en beneficio da muller. En Italia, a cultura é absolutamente distinta: o mercado de traballo femenino é moi precario. En consecuencia, hai unha taxa de fecundidade moito máis baixa en Italia que en Francia. Isto mesmo pasa en Galicia pola estructura dun mercado de traballo que perxudica absolutamente ás mulleres e xera como resposta unha baixa taxa de fecundidade.

O fenómeno do avellentamento da poboación está a ser usado perversamente?
Ca xente viva máis anos  e teña calidade de vida nos anos finais é síntoma de progreso e desenvolvemento. O gran problema do avellentamento da poboación en Galicia é precisamente a emigración e non a caída da fecundidade. Elas non son as responsabeis da emigración, dunha situación dada, na que nada se fixo por resolver cos cartos europeos recibidos nos últimos trinta anos. Non hai mocidade porque a que tiña que estar aquí está na emigración. A visión negativa do avellentamento en España coincide cos procesos de mercantilización da atención social. Con fenómenos de privatización, de recortes no gasto social... En Galicia se fan culpables ás mulleres e non ao mercado de traballo e á emigración.  

APUNTAMENTOS PARA UN GLOSARIO

PLAN BOLOÑA “Eu non son  negativo-negativo nin positivo-positivo. Vexo nos alumnos habilidades que eu non tiña, pero Boloña fía todo á boa vontade tanto do profesor como do alumno. E esa imaxe tampouco responde á realidade”

UNIVERSIDADE “Vexo á universidade expectante. Viviu un proceso de falsa realidade en paralelo ao progreso indefinido alimentado pola burbulla inmobiliaria. Todos aqueles que reclamaban calidade e excelencia, de repente despareceron nestes momentos difíciles, nos que se mide o liderado da xente. Non saben ben qué facer”
PROFESOR “Con algúns aspectos de Boloña cambiou a responsabilidade do profesor cara a formación dos alumnos. Unha parte importante do profesorado está involucrada nas tarefas docentes e en renovar e adecuarse.  Quizáis o maior problema sexa a falta de perspectiva”

ALUMNO “É feitura do sistema educativo, polo tanto non só hai unha responsabilidade del.  En todo caso é evidente que estamos nun cambio xeneracional na socialización de valores sociais, políticos e familiares respecto a fai vinte anos. Ese cambio continuo da sociedade galega percíbese nas aulas”