El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

'jalisia search'

E 'lojo', ¿que vén sendo Jujel?

Novo fenómeno autóctono: un experimento en colaboración con Google Inc. para atopar as referencias galegas // Un hácker que opta por manterse no anonimato é o impulsor da iniciativa // O dominio Jujel.com xa se atopa á venda no mercado líder europeo

PATRICIA HERMIDA • FERROL   | 12.02.2008 
A- A+

Kiko Delgado
Un usuario manexando o exitoso buscador celta www.jujel.es
FOTO: Kiko Delgado

Un personaxe ten máis éxito cando se rodea de misterio. ¿Por que J.D.Salinger non escribiu máis libros? ¿Jack O Destripador pertencía á Familia Real Británica? ¿Quen se esconde detrás do novo buscador que causa furor en terras celtas: www.jujel.es O proxecto nace en cooperación con Google Inc. cun triplo obxectivo: "Limitar as búsquedas ás referencias galegas, chamar a atención dende unha páxina simpática e pór en liña dous fenómenos manifestos como a gheada e o seseo en Galicia".

Un exemplo: se buscas Songoku na rede non atoparás como entradas páxinas internacionais, falando de Dragon Ball. O protagonismo se reserva para o éxito do heroe das Bolas do Dragón en Galicia. Ou se poñes tortilla no buscador, ofreceranche as mellores receitas con patacas ou restaurantes nas nosas terras. A URL (Localizador Uniforme de Recursos) atópase rexistrada dende unha promoción de dominios na modalidade .es, no mes de novembro.

Pero, ¿quen se esconde detrás de Jujel? Temos a Mr.Jujel: un hácker ou experto informático que de momento opta por manterse no anonimato. O seu éxito é innegable, con centos de enlaces facéndolle publicidade en webs como www.chuza.org ou www.xeracion.com, ademáis de numerosos blogs de todos os currunchos de Galicia. E as boas rachas hai que aproveitalas. No Sedo, o mercado líder en Europa na venda e rexistro de dominios e proxectos web, xa se atopa á venda o dominio jujel.com.

O creador do buscador galego tamén pon a disposición dos interesados unha serie de banners ou formatos publicitarios. Por exemplo, nalgunhas páxinas galegas xa atopamos o logo I Love Jujel: co eterno corazón que serve para expresar a nosa devoción tanto por Nova York como por Sarkozy. E mesmo se prevé o deseño de camisetas de I Love Jujel, ó máis puro estilo deses niquis nos que aparece un porco baixo as letras Bahía de Cochinos.

Acadamos o correo electrónico de Mr.Jujel e mandámoslle un e-mail, tentando saber un pouco máis deste fenómeno autóctono. A resposta segue as pautas da ironía galega: un depende, do que non sabemos se o creador sobe ou baixa. Mr.Jujel saúdanos e finxe sorpresa ante o furor da web: "¿Motivos do éxito? ¿Está a ser un éxito logo?".

Explícanos que "Jujel é un servizo público no comezo dunha serie de servizos en galego para a comunidade galega en internet". E anuncia novos proxectos: "Non nos perdades de vista, estamos a preparar moitas máis cousas". Neste caso, non importa a persoa: importa a súa mensaxe. Entremos no seu servidor, coas letras de cores imitando a Google, e un lema que varía segundo actualizamos a páxina: O buscador máis sesi, O buscador máis cul, E lojo... ti que ves buscando?, Sempre jujel... E así, ata o infinito e máis alá.

'MOLA MASO!"

Empresa O experto e anónimo informático elaborou Jujel nun momento libre, entre os diversos encargos da súa empresa.

Millonario Loxicamente, Mr.Jujel podería converterse en millonario se algunha grande compañía se interesa por mercar o seu proxecto. Por exemplo: unha empresa da web 2.0.

Ferramentas Jujel emprega o Custom Search Engine de Google, que permite especificar os sitios buscados. Futuras modificacións fomentarán unha maior presenza dos resultados galegos.

Publicidade Algún dos lemas empregados en Jujel lémbranos a unha coñecida campaña que reforza a nosa autoestima: Vivamos como jalejos!!! Xa saben.

Só aquí Só neste buscador atopas ao instante centos de referencias curiosas: arre demo, meigas fóra, nabizas, Narahío... O promotor confía en obter pronto subvencións .

¿ONDE EMPEZOU TODO?

Na 'Barbansa'

O responsable explica en Internet que viu a luz a través dun feliz trauma: "Coñecín a un rapaz de Ribeira no traballo que me deixou marcado de por vida, escribía estou en Santiajo e todo así". Pensou en chamar á web O Buscador de Barbansa. Pero ó final optou só por Jujel .