El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Historiador e profesor da Uned

López Carreira: “A intelectualidade debe estar á altura e non consentir atentados contra o galego”

“Non creo que haxa que establecer ponte nengunha” // “Aqui hai unhas posturas que defenden a propia supervivencia de Galicia e outras que parecen empeñadas en negala” // ”Hai que tomar partido claramente”

XAIME LEIRO • PONTEVEDRA  | 26.08.2009 
A- A+

Anselmo López Carreira e historiador, profesor tutor da Uned e catedrático de secundaria

Anselmo López Carreira (Vigo, 1951), profesor tutor da Uned en Ourense, catedrático de secundaria e historiador ligado a Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, inaugurou onte en Pontevedra as xornadas de historia que preceden a Feira Franca, que este ano lembra as cantigas de amor, escarnio e maldicer. López Carreira estima posible e preciso un pronunciamento da intelectualidade sobre os mínimos para o idioma galego, ó que considera cerne da existencia de Galicia e ve en estado crítico.

_ Vostede defende que na época do arcebispo Xelmírez, en plena Idade Media, Galicia acadou unha brillantez cultural no románico, na literatura latina e nos cancioneiros galego-portugueses, que foi a expresión da maduración económica, social e política do Reino de Galicia. ¿Qué papel xogaba o galego daquela?

_ Efectivamente, durante a Era Compostelán, nos secúlos XII-XIII, Galicia experimenta a súa madureza. Pero, se produce a paradoxa que cando se contextualiza esa situación, Galicia se nos presenta como un territorio marxinal doutros reinos. Eso non ten explicación cabal nin lóxica.

_ ¿A que se debe?

_ Esa maduración cultural vai da man dun florecemento económico, máis tamén dunha grande estabilidade institucional e política, que se expresa na existencia do Reino de Galicia. So así se entende que o idioma galego se atope en situación de plena normalidade, de máximo florecemento e mesmo de predominio cultural nun ámbito tan extenso. Se realmente Galicia fora un territorio marxinal sería inexplicable a preponderancia do galego como lingua culta naquel momento.

_ Vostede mantén que a historiografía dominante silenciou ese feito ¿Cal foi o motivo?

_ Eu teño esa maneira un tanto brusca de decilo, pero as culpas hai que repartilas porque a historiografía galega non foi suficientemente capaz de facer frente aos paradigmas que se trataban de imponer. Eso non pasou en Cataluña, por exemplo. No obstante, hai que reivincicar a importancia de Viceto, Murguía e López Ferreiro, que fixeron o que pudieron no seu momento.

_ ¿Que pasou entón?

_ Ocurre que na constitución do Estado liberal español a mediados do século XIX, acúdese a un historicismo que ten un marcado carácter ideolóxico. Trátase de xustificar históricamente a existencia do Estado español que nese momento se construe. Entón, a secuencia histórica que se constrúe deixa completamente de lado a Galicia porque era disonante nese proxecto que había. E decir, querese xustificar que o Estado liberal español ten que ser católico, estar fortemente unido baixo un centralismo castelán e ter uns elementos democráticos liberais. A historia da Galicia medieval non permitía asignarlle esa atribución de unidade, baixo o prodominio castelán. Entón, o que se fai é ignorar a historia propia de Galicia.

_ ¿En que outros períodos históricos se pode decir que Galicia voltou a acadar esa brillantez?

_ Otero Pedraio decía que Galicia era céltica, románica e barroca. Creo que recollía bastante ben os momentos de brillantez cultural. Sin embargo, a min paréceme que un período posterior como é todo o rexurdimento (non só o literario do XIX) senón o global da identidade galega desde o XIX ata o momento actual, é un período de enorme importancia porque é como un rescate da propia identidade.

_ ¿En que punto cre que se encontra o galego hoxe?

_ Na estricta actualidade atópase nun momento crítico. Eu persoalmente ignoro que saída vai ter porque os camiños polos que poden evolucionar as situacións históricas son inescrutables. Os historiadores podemos facer ciencia do pasado máis non do futuro. Sin embargo, hoxe é indubidable que as medidas que se están adoptando políticamente representan a saída a flote de todos os peores elementos que máis poden perxudicar a recuperación da identidade galega e do idioma galego. É como se houbese unha revancha e todo o pouco e lento que se fixo nun período anterior se quixese anular.

_ ¿Cree que deben falar alto e claro os referentes da intelectualidade galega como poden ser a Real Academia o Consello da Cultura ou o Instituto Padre Sarmiento, entre outros, para que se fixen unhos mínimos respecto o galego?

_ Non só creo que é posible senón que o vexo necesario. A intelectualidade representa a conciencia racional da identidade dun país. Entón, penso que en todos os ámbitos culturais de Galicia, respetando toda a pluralidade posible, hai unhos elementos mínimos nos que si deben coincidir, porque ademais non é falar de algo extraño, senón que se trata de non consentir atentandos contra aqueles elementos que son o cerne da existencia nacional de Galicia. Ahí, a intelectualidade ten por definición un papel de altísima responsabilidade e ten que estar a altura.

_ ¿Pode xogar a intelectualidade ese papel de ponte entre os dous bloques políticos enfrontados?

_ Non creo que haxa que establecer ponte ningunha. Aquí hai unhas posturas que defenden a propia supervivencia de Galicia e outras que parecen empeñadas en negala. Hai que tomar partido claramente. A negación do país non se debe consentir.

_ ¿Que lle parece a segregación idiomática nas aulas, se finalmente se produce?

_ Perniciosa. Non quero decir que noutros lugares, con unha realidade lingüística moi distinta a nosa, se poida dar, como é o caso do País Vasco. En Galicia, como non hai ningún problema para a comprensión do idioma e tampouco unha segregación territorial do uso dun idioma ou doutro, eu creo que é responsabilidade do ensino transmitir como lingua de cultura e relación o galego, que é a lingua propia.

n xleiro@elcorreogallego.es