El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

En marcha unha certificación para montes de xestión pública

Impulsada por Medio Rural, ten por obxectivo reforzar a calidade do sector forestal galego

ECG   | 13.06.2019 
A- A+

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, mantivo onte un encontro de traballo con representantes do sistema de certificación forestal FSC para analizar a situación actual do mercado da

madeira e dos produtos transformados en Galicia. Nesta xuntanza, o director xeral avanzou que se vai poñer en marcha nas vindeiras semanas un proceso de certificación en montes de xestión pública co fin de reforzar a calidade do sector forestal galego. O representante de Medio Rural destacou a importancia destes selos de acreditación para garantir o acceso da madeira dos nosos montes aos mercados, á vez que garante tamén a propia sustentabilidade e xestión dos montes.

 

MÁIS SUPERFICIE. De aí, segundo sinalou, que sexa necesario realizar "un esforzo conxunto por incrementar as superficies forestais certificadas na comunidade galega, co fin de asegurar a viabilidade dos aproveitamentos forestais en xeral e dos madeireiros en particular".

O director xeral insistiu en que esta certificación serve como medida de concienciación medioambiental, posto que informa ao consumidor da procedencia dos produtos en venda que proveñen de montes xestionados de forma sostible. Convértese, polo tanto, nunha ferramenta de mercado que favorece a exportación dos produtos forestais, ao conter un valor engadido que beneficia a súa demanda. Neste senso, lembrou que Galicia é a comunidade autónoma coa maior taxa de aproveitamento madeireiro, con máis do 50 % do volume de cortas no conxunto de España.