El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Alcalde de Pontevedra

Miguel Fernández Lores: "A deterioración dos servizos públicos xerará desigualdades no futuro"

Miguel Fernández Lores. Alcalde de Pontevedra
Miguel Fernández Lores. Alcalde de Pontevedra

ALES ORETO PONTEVEDRA   | 11.09.2019 
A- A+

Licenciado en Medicina e portavoz do BNG no cencello de Pontevedra desempeñou por primeira vez súa tarefa como alcalde no ano 1999, sendo o BNG a segunda forza máis votada. No 2003 convertiríase na primeira forza en números de votos. Aínda que chegou a perder escanos nas elección do 2007 seguiu gobernando co apoyo do PSdeG. No ano 2013 recibiu o Premio Nacional Pablo de Tarso ao mellor alcalde pola súa boa xestión pública. Pasou a gobernar en solitario grazas ós 12 escanos que obtivo nas elección do ano 2015. Na actualidade segue ao frente da alcaldía logo de conseguir 12 escanos frente aos 9 do PP.

Acaba de tomar posesión da Alcaldía, como encara os catro anos de mandato?

Con moita ilusión. Temos en carteira proxectos e retos moi importantes para Pontevedra que ten uns veciños e veciñas cun elevado nivel de esixencia. Buscaremos a excelencia dos espazos públicos e impulsaremos dous proxectos totalmente novedosos no país: a reutilización dos biorresiduos en orixe e a creación dun transporte a demanda a gran escala. Polo tanto, moito traballo.

Naturalmente non poderá alegar "herdanza recibida" porque foi reelixido. Que debía facer e non puido?

O Concello ten avanzando moito como o demostra a proxección exterior que está a ter a nosa cidade, como ningunha outra de toda Galiza. Aínda así, quedan cousas por facer, como reclamar doutras administracións o que a Pontevedra lle corresponde: circunvalación, novo hospital, paseo a Marín... Grandes proxectos, propostos en mandatos pasados pero que serán impulsados neste.

Cales son os tres proxectos estrela que abordará inmediatamente?

Temos que pór en marcha proxectos moi importantes para Pontevedra como axustar a administración ás peticións dunha sociedade moi esixente; impulsar a cooperación coas administracións como xa teño dito; conseguir a excelencia dos espazos públicos nos que nos relacionamos a cotío; desenvolver o novo contrato do lixo no que estará enmarcado o novo sistema de tratamento dos biorresiduos; a creación dun transporte a demanda para os barrios periféricos e as parroquias...

É partidario de que desde os municipios se contribúa a frear unha das grandes preocupacións de Galicia como é o descenso de poboación?

Pontevedra ten contribuído a frear esa situación. De feito, durante moitos anos foi a única capital galega que tiña un saldo vexetativo positivo. Pero para evitar esta tendencia non so valen os esforzos locais, hai que pór en marcha políticas de activación do tecido económico galego. Temos un país rico en moitas cousas e é obrigado aproveitar todas as posibilidades que nos ofrecen os recursos do país. A Xunta de Galicia, competente nas políticas económicas galegas, ten que diagnosticar debidamente o que está a suceder e pórse ao fronte das solucións.

O CIS desvela a decepción dos cidadáns pola clase política. É dos que entenden que unha boa xestión pode romper esa tendencia?

Eu tamén coincido con esa decepción vendo o que hai ao arredor: corrupción, políticos na cadea por meter a man na caixa... Pero eu creo na política con maiúsculas, na política pensada como interese xeral, no ben común, no avance da sociedade, na equidade social, na cohesión... Iso é a política.

Unha enquisa sinala que os mozos vivirán peor que os seus pais... Aínda que non sexa unha competencia específica, as corporacións teñen algo que dicir e facer neste terreo?

Eu coincido en que se deterioraron moitos servizos públicos: sanidade, ensino, universidade... unha serie de servizos básicos que están perdendo calidade. Iso me preocupa moito porque xerará desigualdades no futuro, igual que a falta de expectativas e de desenvolvemento económico, que xera desemprego.

Canto tempo adica a mirar aos ollos aos cidadáns e a escoitar as súas queixas?

Non só escoito queixas, tamén suxestións, e incluso parabéns! Non podería cuantificalo en horas, pero si que me movo moito pola cidade e as parroquias do rural. Intentamos priorizar o que consideramos imprescindible, o máis importante e o que afecta ao interese xeral que ás veces non coincide co interese particular, pero, humildemente, creemos que coñecemos os problemas que existen a todos os niveis, outra cousa é que a nosa capacidade de resolvelos é limitada (por motivos orzamentarios, de competencia...), e temos que priorizar, porque a política é priorización.

E cales son as súas principais demandas?

En xeral as demandas dos veciños e veciñas son relativas ao estado dos espazos públicos (calzadas, beirarrúas, xardíns...), á atención do Concello ao que hai que darlle máis axilidade, e tamén existe certa sensibilidade sobre o transporte a demanda que estamos estudando seriamente. Tamén me piden que non paremos a compostaxe tanto no rural como na zona urbana, e niso estamos.

Preocúpalle a inestabilidade no goberno de Madrid? Pode influír no funcionamento dos municipios?

Eu creo que é mellor que exista un goberno no Estado baixo un control parlamentar con presenza do nacionalismo galego xa que esta situación crea disfuncións en todas as administracións, tamén na municipal, por exemplo, na política económica. Ademais teríamos un interlocutor claro co que poder abordar asuntos vitais para Pontevedra, como a continuidade da circunvalación, xa que é a única capital do Estado que carece dela.

En Galicia vivimos nun país fermoso e envexable, ou nos queda aínda moito por mellorar para estar ao nivel doutras autonomías?

As dúas afirmacións son certas. Vivimos nun país fermoso e envexable. Eu sempre digo que vivimos no mellor país do mundo coa mellor xente; pero tamén temos moito que mellorar para estar ao nivel doutras partes. Ten que ser un dobre crecemento: temos que empezar a crer en nós mesmos, nas nosas potencialidades, a tomar as rendas do noso país; e en segundo lugar, tamén nos teñen que deixar desenvolver os nosos sectores produtivos lastrados historicamente por medidas tomadas fora de Galicia contra os nosos intereses.

Cal é o mellor consello que recibiu na súa vida e de quen?

Que hai que matizar e madurar as decisións importantes, xa que o "a bote pronto" só vale para o deporte. E outro bo consello é que as decisións deben ser colectivas pensando no interese xeral, que moitas veces non coincide no particular.

"O máis importante e o que afecta ao interese xeral que ás veces non coincide co interese particular"

"É mellor que exista un goberno no Estado baixo un control parlamentar con presenza do nacionalismo galego"