El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Morre en Barcelona Ramón Chao Rego aos 83 anos de idade

O intelectual, escritor, músico e xornalista nacido en Vilalba era o pai de Manu e Antoine Chao, fundadores da banda de punk-rock Mano Negra

Ramón Chao en Compostela en 2015 - FOTO: ACIVRO STUDIO 15
Ramón Chao en Compostela en 2015 - FOTO: ACIVRO STUDIO 15

MONCHO PAZ  | 21.05.2018 
A- A+

Na tarde deste domingo deixounos en Barcelona o noso prezado Ramón Chao. Para min foi moito máis que un referente, foi un amigo e un confidente, do cal aprendín grandes leccións de saber estar, na profesión xornalística e tamén na vida.

Ramón naceu en Vilalba (Lugo) en 1935 e criouse tocando o piano na pensión que rexentaban os seus pais, onde adoitaban hospedarse figuras como Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Díaz Castro. Recibiu unha bolsa do Concello de Vilalba e outra da Deputación de Lugo, coas que se trasladou a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato.

En 1955 foi finalista do Premio Nacional de Virtuosismo e desde Madrid foise a París, con outra bolsa do Goberno español de dous anos, que completou cunha estancia similar a cargo do Goberno francés. Perfeccionou o piano con Lazare Lévy e Magda Tagliaferro, e Composición con Nadia Boulanger. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesaba hai anos nunha entrevista, “pois buscaban un locutor que soubese música e portugués”.

En 1968 foi nomeado xefe do servizo cultural en español e portugués, e en 1980, redactor xefe de todas as emisións, culturais e informativas, en ambos idiomas. Desde París sempre mantivo o contacto con Galicia, facendo unha permanente reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua, como quedou patente no conxunto da súa obra. En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas en lingua galega, que serían prohibidas polo ditador Franco, e foi correspondente da revista Triunfo.

Na Europa de posguerra houbo pouca xente cos accesos directos que tivo Ramón á intelligentsia de América Latina e tamén do exilio español. Pablo Neruda, Juan Carlos Onetti, Miguel Ángel Asturias, Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, García Márquez, Cortázar -e moitos outros autores- foron para Chao a lección aprendida de cada día.

Ramón Chao foi colaborador habitual durante décadas na prensa e na televisión francesa e foi nomeado Cabaleiro das Artes e as Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Contou no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías. Nos seus derradeiros anos, promoveu a iniciativa cultural Amigos de Prisciliano.

Chao foi o creador e impulsor do premio Juan Rulfo, un galardón outorgado por Radio France Internationale desde 1982 e coorganizado polo Instituto Cervantes de París, Casa de América Latina, Instituto de México en París, Colexio de España, Le Monde Diplomatique (edición española), Unión Latina e FondaChao.

En 2015 recibiu unha homenaxe popular en Vilalba, o seu pobo natal, cunha escultura conmemorativa –un piano de pedra denominado Prisciliano- que quedará para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dous Soños. Ramón Chao deixounos unha novela póstuma, un texto autobiográfico baixo o suxestivo título O Fillo Pródigo, de próxima publicación. Tamén foi coñecido internacionalmente por ser o pai de Manu e Antoine Chao, fundadores da banda de punk-rock Mano Negra. Hoxe quedámonos orfos do noso pai intelectual, perdemos ao noso amigo, con maiúsculas. Nunca te esqueceremos.