Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os nacionalistas avogan por facerse co bastón en solitario en Barreiros

Buscan obter o que será o primeiro executivo municipal de esquerdas

A candidata do BNG á Alcaldía de Barreiros, Ana Hermida, mostrouse partidaria de gobernar en solitario "en minoría e con acordos puntuais" cos socialistas para a lexislatura que comezará este sábado, a primeira na que esta vila terá un goberno de esquerdas.

En concreto, os nacionalistas foron a forza máis votada o pasado 26M, aínda que empataron a cinco edís co Partido Popular -a maioría absoluta está en seis-. Pola súa banda, os socialistas fixéronse cun representante.

Hermida confirmou que iniciou "conversacións" co PSdeG nas que segundo indicou, ambos expuxeron a súa "situación de partida". Por iso, acordaron emprazarse a outra reunión antes da constitución da corporación o vindeiro sábado.

A candidata nacionalista considerou que, tendo en conta as cuestións programáticas, "pódense chegar a acordos" se se "poñen por diante os intereses xerais e o mandato que saíu das urnas". "O lóxico é que o sábado haxa un cambio de goberno en Barreiros que é o que maioritariamente decidiron os veciños", proclamou.

En canto a si se incorporaría a un futuro goberno á concelleira socialista, Hermida incidiu en que parte dun "goberno en minoría" e "con acordos puntuais de cuestións que poden ser prioritarias para o PSOE".

Con todo, asegurou que "non" pecha "ningunha porta" tendo en conta que incide en que teñen a "responsabilidade" de darlle a Barreiros o goberno que "a xente quixo".

A alcaldable mostrouse precabida acerca das manobras que puidera realizar o PP para evitar un goberno frentista: "farán o de sempre, para eles deixar a cadeira é moi duro".

12 jun 2019 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito