El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Néstor Rego pide ao Goberno que adiante as fragatas F-110

P. H.   | 15.02.2020 
A- A+

Ferrol. Na súa ruta por Galicia, o deputado do BNG Néstor Rego fixo parada onte na estación de ferrocarril de Ferrol. E alí anunciou que a vindeira semana presentará no Congreso unha proposición non de lei para solicitar ao Goberno que adiante o inicio das fragatas F-110. Os cinco buques construiranse nos estaleiros de Navantia-Ferrol, con data de corte de chapa para febreiro de 2022.

Segundo indicou Néstor Rego, "rexistraremos unha proposición non de lei completa cunha serie de medidas para garantir traballo en Navantia, que o Goberno adiante a construcción das fragatas e busque simultáneamente a forma de fornecer de carga de traballo ata ese momento aos estaleiros". E recalca que no acordo de investidura entre BNG e PSOE "conseguimos que polo menos na fase declarativa se inclúa que Navantia debe transformarse nun complexo industrial integral e que a súa actividade se base na construcción naval civil".

Os traballadores do naval reclaman o encargo dun buque de apoio loxístico tipo AOR para a Armada española, e teñen o apoio do BNG. Pero Rego tamén destaca que "o naval civil está en auxe en todo o mundo", polo que insta ao Goberno a aproveitar este sector. Acompañado por alcaldes e outros representantes políticos da zona, recordou ademáis que "o BNG leva históricamente traballando para que se lle dé impulso e se aproveite toda a capacidade operativa de Navantia en Fene e Ferrol".