El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Está no punto de mira de Xunta e Fegamp o auxe do turismo de autocaravanas

Ambas administracións apostan pola regulación de espazos para estes vehículos // Causan conflitos nalgúns concellos

Autocaravanas estacionadas nas inmediacións do pavillón Multiusos Fontes do Sar, en Santiago - FOTO: Fernando Blanco
Autocaravanas estacionadas nas inmediacións do pavillón Multiusos Fontes do Sar, en Santiago - FOTO: Fernando Blanco

SILVIA CASTIÑEIRAS SANTIAGO  | 21.08.2019 
A- A+

Os cámpines figuran como a terceira opción de aloxamento turístico máis demandada en Galicia, por detrás de hoteis e pensións. Ademais, este tipo de modalidade é a segunda que oferta máis prazas na nosa comunidade, un 24 % do total, por detrás só das habitacións hoteleiras. Son tradicionalmente recintos para acampar con tendas de campaña, pero tamén con caravanas ou autocaravanas, aínda que parece que o auxe deste tipo de viaxeiros nos últimos tempos no noso territorio está deixando estas instalacións á marxe ou escasas.

Cada vez son máis as zonas ocupadas por estes vehículos, sobre todo na costa, preto das praias, nos aparcamentos habilitados para acudir aos arenais, en explanadas ou mesmo en paraxes naturais. Trátase dunha práctica que está a traer algúns conflitos con veciños e usuarios e que tamén afecta ás cidades. Por exemplo, o aparcadoiro do Multiusos de Sar, en Santiago, soe ser un punto de parada para estes excursionistas. A cuestión está en delimitar onde poden estacionar simplemente e en qué lugares poden facer vida no exterior da autocaravana os seus ocupantes.

Este foi un dos temas principais que onte abordaron nunha reunión o conselleiro de Turismo e o presidente da Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias). Neste sentido, o primeiro, Román Rodríguez declarou que "pedimos á Fegamp que elabore unha ordenanza tipo, xenérica para todos os municipios, para que poidan regular este tipo de actividade". Pola súa parte, Alfredo García engadiu que "hai que atopar espazos para as autocaravanas porque a xente vén a Galicia a desfrutar da paisaxe e non podemos deixalos detrás duns edificios". Aclarou tamén que é unha problemática que afecta a uns 20 ou 30 concellos, onde a convivencia se fai difícil ás veces cos propios usuarios dalgu­nhas zonas do litoral. "Ímoslle dar a palabra a cada un para que entre todos poidamos atopar solucións", puntualizou García.

É unha clase de turismo en auxe e moitas áreas costeiras xa intentan adaptarse á súa presenza, como sucede en Carnota, Porto do Son, Boiro ou A Pobra. Aínda así queda moito por facer porque as irregularidades seguen á orde do día con respecto a esta nova forma de viaxar que xa leva anos extendida por Europa e que agora chega con forza a Galicia.

Festas e feiras. Outro dos puntos que se trataron no encontro foi o referido á posta en marcha de accións encamiñadas a mellorar a calidade das festas e feiras galegas declaradas de interese turístico, tanto autonómico, como nacional ou internacional.

"Supoñen un auténtico escaparate do noso territorio, un reclamo, e temos que transmitir unha imaxe positiva cunha boa estética que sexa común entre todas as que se celebran", explicou Román Rodríguez. Será unha tarefa na que tamén traballen xuntas as dúas partes a partir do vindeiro mes de setembro.

Escasa preocupación polos pisos de uso turístico

Xa o afirmara estes días e o conselleiro de Turismo volveuno ratificar onte, no seu encontro co presidente da Fegamp, que as vivendas de uso turístico en Galicia non teñen unha actividade preocupante. Iso sí, o tema estivo sobre a mesa nesa xuntanza para tratar de impulsar medidas que melloren a ordenación destes aloxamentos.

"É unha opción que chegou para quedarse e o que queremos é xerar maior transparencia e seguridade e elaborar unha radiografía fiel da existencia destes pisos e combater o intrusismo", dixo Román Rodríguez. No caso de Santiago, moitos estudantes aseguran ter dificultades serias para alugar, achacando o problema á existencia destas vivendas. Pero o conselleiro ten outra visión. "Na capital galega hai uns 250 pisos deste tipo rexistrados no casco histórico, e uns 500 en xeral. Se miramos o parque inmobiliario da cidade é un número moi cativo. En Galicia ese parque é de 1,6 millóns de inmobles, dos que 300.000 están baleiros e menos de 10.000 adícanse ao uso turístico. Non son polo tanto o elemento que xustifica o cambio de tendencia nin se lle pode cargar a esta tipoloxía o problema", aclarou.

Para o presidente da Fegamp, o funcionamento deste tipo de establecementos incluso pode ser "un bo recurso para algúns concellos onde non hai moita oferta hoteleira. Iso sí, temos que organizalo ben".

O obxectivo da Xunta é que estes visitantes figuren nos datos de ocupación.