El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Luciano Méndez Naya / Profesor universitario

“Non son un violento, nin son un maltratador, nin son un machista”

"A sociedade é tremendamente inxusta comigo", di a EL CORREO. "A vida é dura para todos, pero na miña loita estou bastante solo. O que ensino, a miña devoción pola razón e pola lóxica, fai que poida afrontar con certa serenidade esta situación. A razón sérveme para manter a fe en min mesmo. Son moi responsable co meu traballo e impórtame moito que os alumnos estean ben atendidos. Cando consigo transmitir nas miñas clases, quédame un regusto de satisfacción para todo o día".

Luciano Méndez Naya
Luciano Méndez Naya

MARÍA ALMODÓVAR SANTIAGO   | 17.11.2019 
A- A+

Luciano, non é a primeira vez que che ves envolvido en polémica. Incluso os medios puxéronche o nome do 'profesor do escote'. Por que crees que pasa isto?

A primeira vez supoño que foi algo fortuito, neste caso todo apunta a que foi unha encerrona. Eu estaba encantado impartindo as miñas clases, cuns alumnos receptivos, os coñecementos fluían. Creo que había unha dinámica boa, sen ningún problema desta índole. E de repente un día aparéceme esta rapaza cun escote absolutamente desproporcionado (eu de pé, na tarima, ela sentada en fronte de min). Descoñezo as motivacións últimas destes feitos, pero paréceme que algunha debe haber.

Entón, desde a túa perspectiva, vías aínda que non quixeses.

Evidentemente. Era algo inevitable. Aquilo despistaba a calquera, fose home ou fose muller.

Polo que me dis, non ía adecuada para ir a clase.

Na miña opinión non, e aínda que non hai normas obxectivas sobre o tema, nin eu sabería escribilas nun papel, do que estou convencido e de que ese escote era absolutamente inapropiado. E non teño eu problema ningún co desnudo, nin coa pel feminina, nin problemas de tipo moral, o que eu quero é dar as miñas clases en boas condicións, tanto por min mesmo como polo que a miña comodidade repercute no resto dos alumnos.

Fallaron as túas formas? Xa sabes que moitas veces pérdese a razón non polo fondo...

As formas non foron incorrectas. Eu díxenlle á rapaza: "Ao final da clase falas comigo", pero estábame sentindo moi incómodo polo que estaba vendo e díxenlle: "Mira, se fas o favor, ponte aí atrás onde eu non te vexa, ou senón tápate o escote", nun tono amable. E se fose un home o que vai vestido de xeito inapropiado, por exemplo lucindo os seus atributos, sería corrixido da mesma maneira. O machismo aqui non pinta nada en absoluto.

Que opinión che merecen as declaracións da alumna?

Foi correcta no que manifestou a prensa salvo nunha cousa: que eu pretendía humillala. Iso non é verdade, non é o meu estilo ­humillar a nadie e moito menos os meus alumnos.

Que valoración che merece a actuación da USC neste asunto?

Pois eu diría que de momento deixa bastante que desexar. Os feitos aconteceron o 22 de outubro, fun cesado o 23, e ata o 13 de ­novembro a USC non me preguntou a miña versión dos feitos. Dubido moito da legalidade desta decisión da USC.

Considérasche machista?

Non. Habería que definir con precisión ese concepto, pero non. Eu creo na igualdade de dereitos e obrigas entre homes e mulleres, e creo tamén que o feminismo radical fai moito daño ao feminismo honesto, porque en moitos homes está creando unha reacción de rexeitamento cara todo o feminino, e iso non me parece xusto. Tamén creo que se esta crispando a sociedade de xeito gratuíto e oportunista con estes temas, e iso pareceme profundamente deshonesto.

Eu quero ter as mesmas oportunidades que un home, pero hai que facerlle ver á xente que o home e a muller somos diferentes. E na loita pola igualdade temos que estar todos xuntos.

É así. Eu sempre fun un tío de esquerdas, pero nese tema o que lle oín defender a Cayetana Álvarez de Toledo pareceume impecable porque reflicte perfectamente o que eu penso sobre a problemática da relación entre home e muller. Ninguén obvia que hai un problema de violencia machista, ninguén defende a violación, e eu, sen ser tan radical como os de Vox, opino que hai que ser moi duros con estes temas, pero cando as cousas estean perfectamente probadas.

Pero claro, non ten a mesma repercusión se saes absolto dunha acusación por violencia de xénero. E iso habería que destacalo, non cres, Luciano?

Eu creo que os medios de comunicación venden ao Luciano mala persoa, ao Luciano bandido, ao Luciano machista, descontrolado, ao Luciano loco que se medica. Iso é a carnaza que queren, o que lles vende, e eu, que son un tipo tranquilo e razonable, miro estupefacto o que de min din periodistas sen escrúpulos. Despois do que fixeron coa Manada, po-den facer iso comigo ou con calquera. Éche o que hai. En calquera caso dende este micrófono que se me concede quero deixar claro que si fun absolto da acusación de violencia de xénero.

Cres que o feminismo radical está pervertendo ao sistema? Parece que a sociedade e os poderes públicos están amedrentados coa lacra da violencia machista e a lei, que 'criminaliza' aos homes que son inocentes.

A lei pretendía resolver un problema, que o conseguise ou non é outra cousa. Para resolvelo estase poñendo en tela de xuízo algo gordo, que é a presunción de inocencia e a igualdade ante a lei. Claro, se polo menos conseguimos resolver o problema, podo aceptalo. Pero se inda enriba non mo solucionas...

Como calquera ideoloxía radical o feminismo radical funciona a base de dogmas de fe: "Isto foi violación e punto, no caso da Manada". E non se fala máis do tema. E pretendemos exemplificar os castigos contra as violacións usando un caso de falsa violación, e a chapuza é maiúscula. Entón pervértese a xustiza e como consecuencia ­pervértese a sociedade.

Algúns din que es unha mente prodixiosa con mala cabeza (e que necesitas volver tomar a medicación). Tes algo que dicir?

(Risas). Falamos do artigo de ABC, non si? Eu non me considero tan xenio e non estou tolo. Se dixese que estou tolo, ao mellor retirában- me os da Universidade cunha paguiña, e se cadra, era o mellor para min. Pero son demasiado honesto para facer iso.

Desde logo os que din que estou tolo discrepan dos maiores especialistas das mellores revistas científicas do mundo. Eu estou publicando e traballando a un nivel moi alto. Considero que iso non o fai alguén que non teña unha perfecta saúde mental.

É certo que teño loitado moi duro polo meu benestar e a miña serenidade. Que sen base ningunha se explicite un expediente psiquiátrico plagado de mentiras paréceme unha cousa aberrante e que se permite só nunha sociedade enferma.

O artigo de ABC parécenme tal cúmulo de despropósitos que só responderei xudicialmente.

Que opinas de que te comparen co premio Nobel John Nash?

Ao meu lado era un aprendiz (risas). É un honor para calquera que traballe en teoría de xogos que o comparen con John Nash, pero non estou eu ao seu nivel na investigación, e moito menos na loucura que a película di que sufría o bo do home.

Nas redes sociais es moi activo e tes comentarios a favor e en contra. Ademais, interactúas coa xente. Realmente váleche a pena aguantar insultos pola rede?

Paréceme unha boa pregunta. Pasa como con todo nesta vida, un cócese. Obviamente aos insultadores profesionais non lles fago o máis mínimo caso. Cando vislumbro algo de intención de argumentar algunha cousa entón si contesto e incluso entro o trapo.

Dirías que fas apoloxía nas túas clases dalgún tipo de ideoloxía?

Absolutamente non, nas miñas clases fálase só de Matemáticas. En trinta anos que levo dando clase, dediquei quince minutos da presentación da asignatura deste ano a falar un pouco de min mesmo e das polémicas nas que estiven envolto. Máis que nada porque coa imaxe que deu de min a prensa, igual os alumnos tiñan medo de vir a clase. Díxenlles: "Ei, que non son unha persoa violenta, nin son un maltratador, nin son un machista".

 

Suspendido de emprego e soldo temporalmente

EN PRIMEIRA PERSOA. Profesor de Modelos Matemáticos para a Economía e de Matemáticas para Economistas na USC, considérase unha persoa cumpridora cos seus horarios, “coas miñas titorías, preocupado pola docencia, respectuoso cos alumnos e coa miña actividade”. Houbo unha época en que non estivo tan ben valorado polo estudantado, “e creo que xustamente. Non estaba motivado, nin animado e non era quen de conectar con eles”. Desde hai algúns anos, si.