El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Nove mil cirurxías en so seis meses en Ferrol

Delas 4.875 foron no Complexo Hospitalario Universitario e 4.033 nos centros da saúde da área sanitaria // Só no 20 % houbo ingreso

IAGO ANTÓN SANTIAGO   | 25.08.2019 
A- A+

Profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol realizaron un total de 8.908 intervencións cirúrxicas nos centros sanitarios da área, no primeiro semestre do ano. Delas 4.875 realizáronse no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e só o 38% (1.860) precisaron un ingreso hospitalario. O resto foron de carácter ambulatorio.

Nun comunicado explícase que a estas cifras hai que engadir as 4.033 intervencións de cirurxía menor que realizan os profesionais dos centros de saúde, no sistema máis achegado ó paciente. Se temos en conta a totalidade, só o 20 % require ingreso hospitalario hoxe en día. Cabe sinalar que esta modalidade inclúe cirurxía maior ambulatoria (CMA) máis complexa e que en moitas ocasións require a presenza dun anestesista, pero sen ser necesario ingreso. A de menos impacto (cma)sálvase na súa maioría con anestesias locais.

Do total de 4.875 intervencións no gran hospital público de Ferrolterra 767 tiveron que realizarse con carácter urxente, e o resto (4.108) foron intervencións programadas, Do total, 3.015 producíronse sen que fose necesario ingresar, fronte a 1.860, só o 38 %, onde foi imprescindible.

Volvendo aos centros de saúde, as intervencións foron realizados tanto polos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria e de Pediatría como pola Enfermaría e os profesionais de Odontoloxía.

Explica a Xerencia que nesta área dase "maior comodidade e accesibilidade" do paciente ó ámbito sanitario. Ofréceselle unha opción máis favorable, posto que "non ten que ingresar, e pode ir para a súa casa trala intervención".

Os e as profesionais valoran distintos aspectos da patoloxía e do paciente, e optan -en base a criterios, protocolos e catálogos de procedementos establecidos- pola inclusión do mesmo no ámbito da cirurxía menor ou da Cirurxía Maior. Na decisión inflúen o diagnóstico, a complexidade do procedemento, o perfil do paciente -idade, patoloxías asociadas, medicación, ou contexto social, entre outros-, e tamén, as esixencias do coidado postoperatorio. A cirurxía menor soe requirir unha anestesia local, mentres que a maior pode precisar anestesia local, rexional, xeral ou sedación.