El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Parálise muscular sen que se vexan afectados os sentidos nin o intelecto

21.06.2011 
A- A+

A ELA é unha enfermidade dexenerativa de tipo neuromuscular pola cal as motoneuronas –neuronas que interveñen no movemento voluntario dos músculos– diminúen gradualmente o seu funcionamento e morren, provocando unha parálise muscular progresiva que causa a inmobilidade total e mesmo a imposibilidade de respirar. A enfermidade non afecta os sentidos nin ó intelecto. Non existe tratamento curativo, só se poden tratar os síntomas para mellorar a calidade de vida. O único farmaco aprobado é o riluzole, que atrasa a evolución do mal.

A Esclerose lateral amiotrófica é a terceira enfermidade neurodexenerativa máis frecuente, logo da enfermidade de Alzheimer e da enfermidade de Párkinson. Aínda que se inclúe dentro das denominadas enfermidades raras é unha enfermidade que os neurólogos diagnostican con certa frecuencia xa que ten unha incidencia entre 1 e 2 casos novos por cada 100.000 habitantes e ano, e unha prevaleza de 4 casos por cada 100.000 habitantes.

 

55 novos casos ó ano

Aínda que non existen estudos epidemiolóxicos específicos, calcúlase que en Galicia se diagnostican cada ano uns 55 novos casos. En España, calcúlase que hai uns 4.000 pacientes con ELA e que se diagnostican entre dous e tres novos casos cada día. Nos últimos anos describiuse un aumento do número de pacientes con esclerose lateral amiotrófica, debido probablemente a unha mellora no diagnóstico e ao incremento da esperanza de vida da poboación xeral.

A idade media de inicio é aos 60 anos (entre 40 e 70), aínda que un 10% comeza antes dos 40 e un 5% antes dos 30. É un pouco máis frecuente en homes e a gran maioría de casos son esporádicos. As formas familiares son raras e representan só un 5%.

 

O CHUS, referencia

O Clínico de Santiago é, desde hai xa unha década, centro de referencia para a segunda opinión diagnóstica. A Unidade de enfermidades neuromusculares atende cun enfoque multidisciplinar, contando entre outros, coa colaboración de especialistas en respiratorio, dixestivo, nutrición, logoterapia, atención domiciliaria, primaria e psicoloxía.