El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Petición á UE para loitar contra o envellecemento

Galicia descenderá a rexión en transición a partir de 2021 // Isto pode ocasionar unha perda no orzamento de cohesión

Jesús Gamallo durante a súa comparecencia ante o Comité Europeo das Rexións
Jesús Gamallo durante a súa comparecencia ante o Comité Europeo das Rexións

REDACCIÓN SANTIAGO   | 07.12.2018 
A- A+

"Non queremos unha Europa a dúas velocidades: a das grandes cidades que é cada vez máis dinámica e competitiva, e a das zonas máis afastadas que envellecen, perden poboación e, en definitiva, dinamismo en todos os sentidos", explicou Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e representante da Xunta, durante o transcurso da sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións que tivo lugar onte en Bruselas. Ante a comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, Gamallo reclamou que ningunha rexión que descenda de categoría, como Galicia, reciba menos fondos que no actual periodo. Os líderes locais e rexionais aprobaron 19 ditames, entre eles os relativos á reforma da Política Agraria Común.

A sesión plenaria comenzou cun debate sobre o futuro da Política de Cohesión, unhas medidas tomadas para paliar as diferencias entre as rexións máis e menos desenvolvidas de Europa. Jesús Gamallo interviu para solicitar que o orzamento previsto para Galicia no período 2021-2027 non sexa menor que na actualidade. Galicia, xunto con outras oito rexións europeas, pasará de ser considerada rexión máis desenvolvida a rexión en transición. Gamallo expuxo que non ter en conta esta situación sería contrario á esencia da Política de Cohesión. O obxectivo é que esta reclamación tamén conste no informe do Parlamento Europeo sobre a Política de Cohesión.

Outra petición do representante galego foi ter en consideración no método de reparto as variables demográficas, en referencia ao problema do envellecemento da poboación. Galicia conta con case un cuarto da súa poboación por riba da idade de xubilación, tendencia que agrava as diferencias rexionais. O mantemento do orzamento destinado á cooperación transfronteriza, importante para manter as relacións entre Galicia e o Norte de Portugal, foi outra das demandas propostas.

O debate finalizou tratando o futuro da Política Agraria Común. Aprobáronse 19 ditames nos que avalían as propostas lexislativas da Comisión Europea para o período 2021-2027. O texto final, resultado de analizar máis de 304 enmendas, resalta a importancia de que estas políticas manteñan un presuposto forte que fortaleza as rexións rurais de Europa.

FUTURO EUROPEO

debate sobre o brexit

Os líderes locais e rexionais analizaron con Michel Barnier, xefe europeo negociador do Brexit, os escenarios posibles no proceso de retirada do Reino Unido da UE e as consecuencias para os entes rexionais. Barnier informou do compromiso de chegar a un acordo pesqueiro antes do 1 de xullo de 2020 sobre, entre outros aspectos, o acceso ás augas e aos mercados. Neste sentido, Galicia reclama un acceso recíproco a ambos. Se o acordo de retirada se ratifica antes do 30 de marzo de 2019, o Reino Unido estará fora da UE despois do periodo transitorio, en xaneiro de 2021.