El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

orzamentos

Plurilingüismo e Universidade constitúen os maiores esforzos en Educación para o 2012

A pesares da crise a maioría dos capítulos experimentan incrementos e Educación volve a gañar peso no conxunto das contas autonómicas // A Xunta reafirma o peso da educación nos orzamentos, á que lle dedica máis de 1 de cada 4 euros

SANTIAGO. REDACCIÓN  | 31.10.2011 
A- A+

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe no Parlamento de Galicia uns orzamentos centrados en evitar que a crise económica afecte á calidade do ensino do que se están a beneficiar as familias galegas, “co fin de blindar para este novo exercicio o gasto educativo entendido, por suposto, como investimento para o noso futuro”, sinalou.

Vázquez Abad reafirmou o compromiso do Goberno galego coa educación, que volve gañar peso no conxunto das contas autonómicas do 2012, cun 25,5% do total, o que supón que se destinarán máis de 2.256 millóns de euros ao ensino. Deste xeito, confórmanse uns orzamentos nos que unha maioría experimentan incrementos, fundamentalmente naquelas áreas ás que a Consellería está a dar prioridade na súa aposta por un sistema educativo da máxima calidade, como son a loita contra o abandono, a formación do profesorado ou a atención ás universidades. O obxectivo é conformar un ensino moderno que ofreza a cada galega e galego as máximas oportunidades, co fin de formar unha xeración de cidadáns preparados para construír unha Galicia baseada no coñecemento.

Idiomas para todos
O Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras é un dos programas fundamentais da  Consellería para ofrecer a todo o alumnado igualdade de oportunidades, neste caso no acceso a un ensino trilingüe, co apoio ademais de auxiliares de conversa nativos. No marco dese compromiso, os Orzamentos 2012 supoñen un incremento dun 7,8% nas axudas aos auxiliares de conversa nos centros educativos – Rede galega de Centros Plurilingües e de Seccións Bilingües-, e do 4,8% nas axudas nos que prestan o seu apoio nas Escolas Oficiais de Idiomas; reforzando así un Plan que ten amosado resultados máis que satisfactorios no que vai de lexislatura.

Neste mesmo sentido, tal e como explicou o conselleiro, as axudas directas para a aprendizaxe de idiomas cambian de modelo para chegar a un maior número de alumnado. Coas actuacións deste Plan búscase que todo o alumnado galego teña a opción de mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras cuns recursos educativos e humanos dos que durante moitos anos non se puido dispoñer no ensino.

Atención a cada alumno
As contas do vindeiro exercicio fan ademais un esforzo na atención ás necesidades específicas de cada estudante. Así, increméntase un 18,4% no programa de prevención do abandono escolar, con reforzo en todas as partidas de formación de profesorado en linguas, prevención do abandono temperá e mellora do éxito escolar; ao tempo que se manteñen os fondos destinados a equipos informáticos nos centros e a bibliotecas escolares, que se teñen amosado como boas ferramentas para a consecución do éxito escolar.

Ademais sobe un 45,7% o capítulo destinado a programas de orientación profesional, acreditación e competencias profesionais, colaboración coas empresas en Formación Profesional, avaliación de calidade dos programas formativos e proxectos de I+D en FP.

A formación do profesorado constitúe, nesta liña de actuación, unha prioridade, polo que se incrementa un 12,3% a partida dedicada á formación e perfeccionamento do profesorado, e un 39,2%a destinada de forma específica ao plan de formación de profesorado de FP.

Doutra banda, e co fin de construír un sistema educativo moderno e en continua evolución, os investimentos inmateriais destinados á ordenación e innovación educativa, avaliación e acompañamento ao profesorado de idiomas experimentan unha subida do 26,55%.

Unha sociedade da investigación e o coñecemento
“O orzamento da Secretaría Xeral de Universidades –dixo o conselleiro- reflicte de novo o compromiso deste Goberno coas universidades públicas da nosa comunidade”. Non en balde, o 98,5% do orzamento deste departamento inclúese en partidas do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011-2015, e achegarase directamente ás universidades.

O aumento do 81,4% que experimenta o Capítulo VII das contas do 2012 ten reflexo especialmente nas partidas da Secretaria Xeral de Universidades –en parte pola asunción de competencias en materia de I+D, permitindo que pase dos 31,4 millóns que tiña presupostados neste capítulo no 2011 aos 62,1 do próximo exercicio.

Este incremento do 97,5% permite constituír parte do novo programa de gasto dedicado á investigación universitaria, que contará cunha dotación de 46,7 millóns de euros. O acento especial que os orzamentos da Consellería de Educación poñen no impulso destas actividades complétase cunha subida do 55,1%  no financiamento de mellora da calidade en I+D, que pasa de 18 a 27,9 millóns.

Con estes fondos, “que medran en plena crise”, explicou o conselleiro, “queda clara a aposta do Goberno galego polas Universidades, para manter e mesmo incrementar nas súas posibilidades”. Un compromiso manifesto desde o inicio da lexislatura en base ao que o Goberno da Xunta procura a construción dunha sociedade galega do futuro sostida sobre os alicerces do coñecemento, a investigación e a innovación científica.

Axuda ás familias
Durante a súa intervención o conselleiro recordou o contexto de crise económica que está a afectar ás familias galegas. Con todo, Vázquez Abad insistiu na necesidade de asumir a responsabilidade de presentar uns presupostos cos que “cos niveis de financiamento do ano 2004 obtemos unha capacidade de gasto equivalente ao ano 2006 e prestamos uns servizos do ano 2011”. “Pese a todas as circunstancias adversas- engadiu- a Consellería de Educación  está a consolidar os pasos dados cara á excelencia educativa na nosa terra”.

Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia reiterou o compromiso da Xunta de Galicia coa política social, inherente ao ensino. Para potenciala, de forma especial no contexto actual, a partida destinada a bolsas universitarias nas contas de 2012 superan os 3,1 millóns, un 3% máis que o ano pasado; ao tempo que se incrementan nun 40% o conxunto das partidas dedicadas a axudar ás familias para a compra de libros de texto no marco do programa de ‘Gratuidade Solidaria’.

Da mesma forma, Vázquez Abad confirmou a continuidade na prestación dos servizos educativos complementarios, fundamentais para garantir o acceso a educación ao alumnado do rural e de importancia crecente no que atinxe á conciliación da vida laboral e familiar. Así, e malia ao esforzo que o transporte escolar supón – o 1% do total dos orzamentos da Xunta- Educación fai un importante labor de xestión, contención e sostenibilidade para conseguir transportar diariamente  a máis de 91.000 usuarios. 6.000 máis dos que se transportaban cos mesmos recursos no ano 2007, un total de 119,8 millóns de euros, incluíndo o incremento previsto do índice de Prezos de Consumo (IPC).

Este mesmo bo facer permite ademais incrementar o número de comensais que acceden ao servizo de comedor escolar, ao que se destina o mesmo orzamento que en 2011 (24,2 millóns) e, a maiores, unha partida de 178.400 euros para as entidades locais

Dinamización do galego
Ao igual que a mellora da calidade educativa, a dinamización, fomento e promoción exterior da lingua galega son outros dos obxectivos aos que a Xunta de Galicia non debe renunciar, a pesares de que o contexto económico obriga ao decrecemento de pouco máis de 1 millón nas contas deste departamento. “Vivimos tempos de crise –explicou o conselleiro-, pero aínda que teñamos que baixar o ritmo non imos renunciar á esencia”.

Os Orzamentos 2012 aseguran, conforme a este compromiso, o soporte xeral da política dinamizadora do galego, mantendo simultaneamente as transferencias a concellos para formación de persoal e normalización lingüística, para os lectorados en universidades de fóra de Galicia, os convenios coas universidades ou a transferencia nominal á Real Academia, que xa se tiña incrementado o ano pasado nun 125%.

Especial atención recibe neste departamento a recén creada Rede de Dinamización Lingüística, que se potencia cun incremento do 30,7%, “ata superar o medio millón de euros”, da contía destinada a financiar as actividades de fomento do galego desde os concellos. A isto súmanse ademais as axudas previstas para formación e normalización lingüística, que se manteñen na mesma cifra do ano pasado, así como os fondos que se dedicarán ao fomento social do idioma.

No que respecta ao fomento do uso do galego entre a cidadanía en novos ámbitos, contémplase unha partida de 1 millón de euros para desenvolver un completo plan de formación, que inclúe cursos preparatorios para acadar a certificación do Celga, os de linguaxe administrativa e xurídica e os de extensión cultural. Ademais destínanse 400.000 euros ás axudas para fomentar o uso do galego nos centros educativos, ao que se engaden tamén as actividades formativas para os equipos de dinamización da lingua galega e os premios de innovación da dinamización lingüística educativa.

Mantemento e mellora das instalacións
A pesar de que os momentos de crise afectan especialmente ao investimento, a Consellería non renuncia a afrontar a creación de novos centros educativos e a ampliación doutros existentes para garantir a escolarización. Así o incremento na partida de obras de infantil, primaria e ESO aumenta un 16,7%, e na de ensino secundario e FP o aumento é dun 28,7%.

Mantéñense os orzamentos destinados a informática dun xeito equivalente ao ano 2011, “o que nos permite situarnos en 7 millóns de euros para dar continuidade á nosa aposta tecnolóxica”. Grazas a este investimento, explicou, será posible a construción ou ampliación de centros e educación infantil e primaria, ademais de institutos de educación secundaria, co fin de dar resposta á demanda educativa dalgúns concellos. Ademais os orzamentos contemplan unha partida para o inicio da construción da nova Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela.

O recorte do Ministerio
Vázquez Abad quixo aproveitar a súa comparecencia no Parlamento para dar conta das medidas adoptadas polo departamento que dirixe para axustarse ao cambios derivados da falta de financiamento territorial por parte do Ministerio de Educación. Así, lembrou que o Goberno central deixou de achegar no ano 2011 as axudas que viña prestando para financiar o persoal do ensino infantil de 3 a 6 anos, un recorte enmarcado na minoración do 23,7% da contía destinada polo Ministerio ao ensino non universitario.

Desta forma, e para garantir a sostenibilidade do sistema, procedeuse á reincorporación de liberados sindicais, á reestruturación do horario lectivo para contar con máis horas de atención ao alumnado, e á modificación de unidades..

Neste sentido o conselleiro instou a evitar a demagoxia, tanto no que respecta aos gastos de persoal como á totalidade das contas do departamento educativo. “Non se pode acusar a un goberno por recortar o gasto social cando o peso segue aumentando”, aclarou.

Nesta comparecencia Vázquez Abad chamou á responsabilidade: “Actuamos así para asegurar a prestación pública dun ensino de calidade, pero non ocultamos que temos que adaptarnos ás circunstancias. Por iso, pídolles que sexan responsables e asuman a realidade: non estamos en tempos de pedir que se gaste máis, estamos en tempos de esixir que se gaste mellor”.