El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Poligal: a loita que non cesa de Narón

O Igape recalca que hai unha firma industrial e un inversor interesados na planta // Pero os operarios lamentan a falta de apoio do Ministerio de Industria

Protesta onte ante a Xunta, en Ferrol - FOTO: ECG
Protesta onte ante a Xunta, en Ferrol - FOTO: ECG

PATRICIA HERMIDA   | 13.06.2019 
A- A+

Cada vez que pecha unha fábrica en Ferrolterra, morre un pouco a comarca. Con mágoa aprobaban os traballadores de Poligal o preacordo do ERE de extinción, o pasado sábado. O futuro desta planta de polímeros de Narón só depende agora da aparición dun comprador. E segundo indicou onte o Igape ao comité, estarían interesados un grupo inversor e unha firma industrial española. Pero a Xunta non aporta nomes nin datas sobre cando poderían visitar a fábrica. Os operarios mobilizábanse de novo este mércores en Ferrol, "para presionar ao Goberno autonómico e ao Ministerio de Industria, porque non nos damos por vencidos".

A loita que non cesa continúa para estes 112 traballadores. Falta a firma definitiva do xuíz, ante o ERE extintivo. Segundo o presidente do comité, Rafa Souto (UGT), "esperemos que a xustiza bote atrás o expediente, pero será complicado". Mentras tanto, todos continuarán asistindo ao centro de traballo. Queda un mes por diante para que un inversor garanta a viabilidade das instalacións. Segundo Hixinio Adega, voceiro do persoal, "nós non abandonaremos a planta, desde o 22 de febreiro que se presentou o concurso de acreedores houbo tempo para que alguén visitase a fábrica e readmitise á plantilla".

A vindeira reunión co Igape será o 26 de xuño. E haberá máis mobilizacións. Entre os afectados, hai especial malestar co Ministerio de Industria. Bernardo Cabezal (CIG) lamenta que "non teñamos noticias desde esa área nin do delegado do Goberno, pese a que hai tres meses que se ofreceron... non teñen coordinación coa Xunta". Rafa Souto tamén incide en que "a Xunta non aporta nomes dos posibles inversores, só di que falará esta semana ou a vindeira co administrador concursal para que os interesados visiten a fábrica". Esa data xa se fixaba nun principio para antes do 15 de xuño, pero agora queda desbotada como recoñece a responsable do sector químico de UGT en Galicia, Paula Alves.

Tamén rexeitan os empregados a formación dunha cooperativa, como fixeron en Narón noutras extintas empresas: "A compañía xa se quedou co bloque de clientes". O secretario comarcal da CIG, Manuel Grandal, califica a situación como "esperpéntica, dá a impresión de que xogan cos traballadores da comarca". E incide en que "a Xunta non foi capaz de presionar ao administrador para evitar o ERE ou que só fose temporal". Por último, fai a seguinte comparación: "En Alcoa fíxose un ERE, non pechou e coñecemos aos compradores... e aquí do Ministerio non sabemos nada".