Domingo 20.10.2019 Actualizado 00:18
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

PPdeG e PSdeG aproban no Parlamento a nova Lei de Ordenación Farmacéutica

En Marea e BNG abstivéronse na votación lamentando que se trata dunha normativa "mellorable" e "que se queda curta"

Atención a un cliente na dispensación de medicinas nunha oficina de farmacia en Galicia - FOTO: ECG
Atención a un cliente na dispensación de medicinas nunha oficina de farmacia en Galicia - FOTO: ECG

MATEO GARRIDO  | 26.06.2019 
A- A+

O Parlamento galego vén de aprobar definitivamente a nova Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia que substitúe á normativa vixente na comunidade autónoma dende o ano 1999.

O texto concluíu este martes a súa tramitación parlamentaria ao superar a votación dos grupos sobre o ditame da Comisión de Sanidade da Cámara e as emendas presentadas pola oposición. Así, recibiu o respaldo dos parlamentarios do PPdeG e do PSdeG, mentres que tanto En Marea como o BNG optaron por absterse sobre unha normativa que consideran "mellorable" porque "queda curta" e supón unha "oportunidade perdida" para lexislar "en beneficio" dos pacientes.

Despois de dous meses de que Goberno galego dese luz verde ao anteproxecto, a nova normativa recibe o visto e prace definitivo da Cámara tras superar o período de emendas dos grupos. A deputada do PPdeG Marta Rodríguez-Vispo agradeceu o "diálogo" co resto de forzas, especialmente ao Grupo Socialista, que viu como 23 das súas emendas ao texto foron aceptadas e outras seis, transaccionadas. Con todo, Julio Torrado (PSOE) lamentou a "oportunidade perdida" cunha lei que os socialistas ven "minimamente aceptable" despois de ser incorporadas parte das súas emendas.

Os grupos da oposición coincidiron en que a normativa que renova a ordenación do sector farmacéutico en Galicia ten un enfoque "máis empresarial e fiscal" que "sanitario". "A lei queda curta e non fai honra ao seu nome", afeou Eva Solla, de En Marea, grupo do que só foron incorporadas dúas emendas no texto. Por parte do Bloque Nacionalista Galego, un total de 13 propostas foron incluídas na lei final, entre elas, a vinculación dunha botica secundaria en casos de instalacións non adaptadas para persoas con discapacidade.

A deputada frentista Montse Prado tamén considera unha "oportunidade perdida" a modificación do marco normativo do sector impulsada pola Xunta e bota en falta que "non se garanta" a asistencia farmacéutica no rural, como recomendou o Consello Económico Social (CES) nun informe.

 


NOVIDADES DA LEI Entre outras novidades, esta lei inclúe que as farmacias poderán abrir establecementos anexos en poboacións sen boticas ou de difícil acceso, a posibilidade da venda de medicamentos sen prescrición e de produtos de parafarmacia a través de Internet, ademais da regulación por primeira vez da entrega a domicilio en situacións excepcionais (véxanse persoas que non poidan desprazarse).

Eleva, ademais, o período mínimo para poder transmitir as farmacias cuxa titularidade se adquira por concurso público, que pasa de tres a 15 anos. Así mesmo, desaparece a caducidade das autorizacións administrativas ao cumprir os titulares os 70 anos.

A adxudicación de novas farmacias farase con procesos "máis áxiles". Outro cambio é a convocatoria dun concurso previo de traslados ao que só poderán concorrer os farmacéuticos titulares ou cotitulares dunha botica en Galicia. Unha vez acoden ao concurso, as que eran súas ata o momento inclúense na convocatoria de vacantes.

Do mesmo modo, a reforma legal pedirá que estes establecementos respecten unha distancia mínima de 250 metros dos centros de saúde -salvo en zonas cunha única farmacia- e negará a cesión de espazos dos locais a terceiras persoas e tamén a entrega de agasallos considerados de cortesía aos clientes.