El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Quedaron prazas baleiras en 51 graos das universidades galegas

Das 20 dobres titulacións, 18 delas pecharon en xuño e só unha quedou sen cubrir // Enfermaría completou o aforo nos 7 campus

FOTO: ECG
FOTO: ECG

CHARO BARBA   | 12.11.2018 
A- A+

As tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) ofertaron no seus sete campus este ano un total de 169 graos -cinco deles por primeira vez-, dos que quedaron sen cubrir o seu aforo 51 deles (son os do gráfico que está debaixo destas liñas), aínda que non están repartidos na mesma proporción.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) non pechou matrícula en 15 carreiras, mentres a de Vigo (UVigo) e a da Coruña (UDC) non completaron 18 delas. O comportamento dos campus si que marca diferencias notables, sobre todo nos principais de cada institución académica. E é que mentres en Santiago quedaron 4 títulos sen cubrir, no de Vigo e de Coruña quedaron 12 en cada un. A outra cara da moeda está nos seus campus periféricos, pois Lugo non puido pechar matrícula en 11 graos dos 18 que ofreceu, mentres que Ourense e Pontevedra deixaron prazas baleiras en 3 cada un e 6 en Ferrol.

Ao botar unha ollada ao conxunto, a conclusión é que os dobres graos teñen moita demanda, xa que dos 20 que teñen en marcha as tres universidades, só un na Coruña comezou o curso sen cubrir o aforo -simultaneidade dos graos de Español e de Galego e Portugues- e outro do mesmo campus tivo que esperar a setembro para pechar matrícula -dobre grao de Galego e Portugués-. Os outros 18 remataron a súa oferta en xuño.

É curioso tamén comprobar que os dous grupos de inglés que a UVigo ofreceu noutros tantos graos -Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais- non alcanzaron o cheo, aínda que as prazas dispoñibles eran 20 en cada un. Quizais habería que reconsiderar se paga a pena impartir un grao integramente en inglés en vez de unha ou dúas materias cada ano. A USC puxo en marcha tamén este ano un grupo dun grao en inglés, pero non se reflicte nos datos facilitados pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

Pola contra, as tres universidades galegas dispoñen nos seus sete campus do grao de Enfermaría -aínda que se pode cursar en oito centros porque en Vigo ofértase no Hospital Meixoeiro ou en Povisa-, e pechou matrícula en todos eles. Entre todas, puxeron no mercado un total de 558 prazas de primeiro curso.

Tampouco foron desencamiñados os responsables das tres universidades galegas e da Consellería de Educación ao trazar o mapa de ruta das titulacións, xa que das 5 que se estrean este ano unicamente unha deixou prazas baleiras, o grao de Paisaxe, o primeiro interuniversitario ao impartir os dous primeiros cursos no campus de Lugo da USC e os dous últimos no da UDC. Os outros catro son Criminoloxía e Biotecnoloxía en Santiago, Enxeñaría Biomédica en Vigo e Xestión Industrial da Moda da UDC no campus de Ferrol. Todos pecharon matrícula en xuño e algún deles con notas de corte altas, como Biotecnoloxía con 12,024 e Enxeñaría Biomédica con 10,410, ademais de Criminoloxía, que pasou de ser un título propio da Universidade de Santiago a converterse en grao oficial, no que o último matriculado tiña unha nota, trala Abau, de 9,070.

Outra cousa é Administración e Dirección de Empresas, presente en 5 campus galegos, e mentres que Santiago e A Coruña pecharon matrícula, Lugo, Vigo e Ourense non o fixeron. Dase a circunstancia de que as propias universidades compiten consigo mesmas coa oferta en dous dos seus campus. Este grao, de feito, é un dos que falaron de modificar na última reunión do mapa de titulacións, na que tamén participou a nova conselleira, Carmen Pomar, e na que se decidiu redefinir 10 carreiras e adaptalas á demanda de alumnado e ás necesidades sociais.