El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

GALICIA XXI // aCtores do cambio

Ramón Varela: “A ordenación do país debería facerse nesta lexislatura”

“Mentres non substitúan as enerxías clásicas contaminantes, a eólica e a solar non serán enerxías alternativas”

LUIS POUSA• SANTIAGO  | 03.01.2008 
A- A+

RAMÓN ESCUREDO
Ramón Varela Díaz, catedrático de Bioloxía e Xeoloxía, ex presidente de Adega
FOTO: RAMÓN ESCUREDO

Ramón Varela Díaz (Escairón, 1952; catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e doutor en Bioloxía), segue sendo unha das referencias do ecoloxismo galego, pese a que xa van alá doce anos que deixou a presidencia de Adega. Loitador incansable, Varela fixo a súa tese doutoral sobre a choiva ácida, que non pudo ler na Universidade de Santiago e si foi aceptada pola Universidade Autónoma, como el di "a máis prestixiosa en estudos ambientais", obtendo a máxima cualificación. Celebrada recentemente a cumbre de Bali, este é un momento acaído para falar con Ramón Varela encol de cuestións das que a súa opinión é voz experta.

_ ¿Este Goberno ten maior sensibilidade que o anterior polo ambiente?

_ Hai luces e sombras. Segue habendo problemas da época anterior, e eran moitos, que non están solucionados. Quizais lle pidamos demasiado, pois dous anos non son nada para solucionar problemas tan importantes como a cuestión das rías, a contaminación atmosférica, a contaminación industrial. Pero hai algúns ós que non só non se enfrontaron, senón que afondaron na problemática que xa traían.

_ ¿Cales?

_ Os plans eólicos, por exemplo, que consideran que a enerxía ­eólica é complementaria, e non unha enerxía alternativa. É dicir, alternativa a algo, porque se nós producimos gran cantidade de electricidade vía aeroxerador, se suporía que, pouco a pouco, se irían pechando algúns dos grandes grupos contaminantes. Así que por un lado seguimos co que xa tiñamos, e polo outro ­aumentamos a produción, consumimos máis, a sociedade segue demandando máis produción e seguimos producindo máis.

_ ¿Demanda a posta en marcha dun proceso de substitución das enerxías máis contaminantes?

_ Deberíase facer progresivamente. Se nós temos enerxía hidraúlica, térmica, etc, e, ademais, enerxía eólica, enerxía solar, etc, estas deberían ir substituíndo progresivamente e nunha porcentaxe determinada ás enerxías clásicas contaminantes. Mentres isto non se faga, non se pode falar de enerxías alternativas.

_ ¿Que opina do posible desembarco en Galicia do grupo chinés Chint, dedicado á enerxía solar fotovoltaica?

_ Polas noticias que eu teño, quere construír unha gran planta para producir grandes ­paneis solares, dun tamaño que non se fabrica en Europa, de maior dimensión e máis eficientes, e exportalos a outros países. Desde ese punto de vista está ben que exista, porque nos temos o silicio e cuarzo, e o normal sería que esas materias se transformen en Galicia e non noutros países. Agora se só é instalar aquí grandes paneis solares para unha produción importante de electricidade, non creo que sexa unha iniciativa moi boiante, porque esos mesmos paneis postos en Andalucía producirían moito máis, debido ás horas de sol e demais.

_ ¿Galicia podería ser unha zona punteira de Europa en tecnoloxías de enerxías renovábeis?

_ Si, si, e non só podería ser punteira, podería estar vendendo as novas tecnoloxías das enerxías renovábeis. Non só é importante poñer a funcionar algo, senón logo poñelo no mercado europeo e mundial. Desde esta perspectiva, poderiamos estar potenciando a tecnoloxía da enerxía mareomotriz, da enerxía solar, da enerxía eólica... O Goberno galego está desaproveitando unhas oportunidades case únicas.

_ ¿A distribución funcional do territorio é un acto previo á aplicación dunha estratexia de ­desenvolvemento sostible?

_ Este é un dos problemas que o Goberno galego aínda non afrontou: a ordenación do terriorio.

_ Pois o presidente Touriño é partidario de ir a un pacto político polo territorio.

_ Vaia, eu o que sei é que Galicia necesita unha planificación do territorio e que esta sexa levada á práctica duha forma coherente. O que non podemos facer é sacarnos da noite para a mañá que a costa hai que protexela en 500 metros, cando todo o que a está a rodear está sen protexer. Non podemos ter os montes da forma en que os temos. Non podemos ter aeroxeradores en sitios protexidos. Todo isto non pode ser, e sucede tódolos días. En Galicia estamos moi faltos dunha ordenación do territorio que non existe.

_ ¿Iso é o principio?

_ É por onde había que empezar. Este Goberno non debería acabar esta lexislatura sen ter organizado perfectamente o país, para que non se volvan dar as cousas que estamos a vivir. Xa sufrimos caos dabondo ata agora, e non o podemos seguir sufrindo. Todo o mundo se lamenta cando vai pola estrada e ve unha urbanización nun sitio insospeitado. Estes días achegueime a Mugardos, e vin unha urbanización en pleno monte, e pregunteime, ¿como é posible isto? É posible porque non hai planificación territorial e porque os concellos permiten que cada un vaia ó seu aire. Fai falla ­unha superestrutura, neste caso a Xunta, que planifique a ordenación do territorio.

_ ¿Para saber o que se pode poñer en cada sitio?

_ Efectivamente. Galicia é un país moi pequeno e, ó mesmo tempo, moi grande. Temos territorio case para todo, pero sempre que se organice o país de maneira que se saiba perfectamente en qué áreas non se pode instalar determinado tipo de empresa e en cales si.

_ ¿Hai empresas que teiman en instalarse en terros da Red Natura?

_ Instalarse nun sitio que hipoteca o futuro é unha atrocidade desde o punto de vista social, económico e ambiental.

_ ¿Os incendios forestais gardan relación cos usos do territorio?

_ Ti sabes que a min me tocou defender unha iniciativa popular no Parlamento, no ano 1988; cúmprense agora 20 anos. Se necesitaban 15.000 firmas, e xuntamos 34.000 en tres meses. Foi a primeira iniciativa popular levada ó Parlamento galego, e tocoume defendela a min; a perdemos por dous votos, e nela ían unha serie de medidas que non se adoptaron polos gobernos anteriores nin polo actual. Propoñía facer un cambio nas repoboacións forestais; tratar de potenciar espazo para as especies autóctonas galegas, etc. Nós temos un medio moi idóneo para producir madeira de calidade, que non ten un crecemento rápido, pero que vale cen veces máis que a de crecemento rápido. Falamos de castaños, carballos, cerdeiras, etc. Estas eran as especies que tratabamos que se introduciran no monte pouco a pouco. Os incendios forestais son produto dunha mala xestión do monte, dunha inadecuada repoboación forestal, que primou os piñeiros e os eucaliptos exclusivamente, cando as outras árbores non arden con tanta facilidade.

_ ¿O piñeiro e o eucalipto son economicamente máis rendíbeis?

_ Son especies dunha rendibilidade económica a curto prazo; pero a medio e longo prazo son máis rendíbeis as especies como o carballo, o castaño, a cerdeira. Fai falla un espazo dedicado a cultivos forestais, un espacio para bosque autóctono e un espazo para agricultura e o que sexa, pero todo iso ben delimitado. Na iniciativa popular, propoñiamos tamén que o Goberno galego fose comprando terreo destinado ao patrimonio galego forestal, ata chegar ó 15 ou 17 por cento do territorio. Eu proporíalle ó Goberno actual que se lera a nosa iniciativa popular, porque ó mellor podería retomala.

_ ¿Galicia ten menos auga?

_ O problema é importante. Se están desperdiciando grandes cantidades de auga. Nas cidades, do auga tratada que sae das depuradoras paras as vivendas non chega entre o 35 e o 45 por cento; eso quere dicir que, a través da rede de subministración, se perde máis da terceira parte do auga que leva. Tampouco as tarifas de abastecemento de auga que cobran un mínimo potencian o aforro. O racional é cobrar polo auga consumida, caso de Ferrol, que xa adoptou este modelo tarifario. Tamén hai mala xestión no rego do xardíns, como en Santiago, que en pleno verán se fai ás 2 da tarde, co cal se está perdendo a metade do auga por evaporación, e na posta de algunhas especies de plantas que consomen moita auga, e poderían ser substituída por outras que consomen moito menos. E é probable que, como consecuencia do cambio climático, chova o mesmo pero peor repartido.

_ ¿Faranse novos encoros?

_ En Galicia xa non hai sitio para máis encoros hidroeléctricos. Ademais, ecoloxicamente son problemáticos e teñen unha vida entre 40 e 60 anos.

_ ¿Cáles son as repercusións que pode ter en Galicia o cambio climático?

_ Cabía esperar que na cumbre de Bali se adoptaron unha serie de medida, porque o Panel Intergobernamental do Cambio Climático o dixo moi claro a principios deste ano, o cambio climático existe, e se está a manifestar de diversas formas: derretimento dos glaciares, secas e inundacións máis fortes e cada vez máis acotío, e iso vai depender de cómo evolucionen as emisións dos gases de efectos invernadoiro. Tamén porque no 2007 algúns países reticentes, caso de China, empezaron a pensar en controlar as emisións de CO2. Como xa todos sabemos, Estados Unidos plantouse diante de Europa, que pretendía reducir as emisións de CO2 ata acadar o límite do 40 % no ano 2020. Iso lévanos a que Galicia sexa vítima, igual que os demais desta situación de desleixo por parte do cumio de Bali, e, a súa vez, responsable, xa que está a emitir 40 millóns de toneladas de CO2, o que representa o 11 % do total emitido polo Estado español, moi por riba do que nos corresponde en función da poboación e do territorio.

_ ¿Que pode pasar en Galicia?

_ Segundo os estudos que hai ata agora, haberá secas pronunciadas en determinados períodos do ano, e a chuvia diminuirá entre 50 e 100 litros ó ano, o cal é pouco, dado que en Galicia chove bastante, pero virá repartida de forma desigual. Polo tanto, haberá que adoptar medidas, e tratar de reducir as emisións contaminantes. O 80 % das emisións de CO2 procede das dúas centrais térmicas, e logo están as da Refinería de petróleo, Ence, Alumina-Aluminio e as tres fábricas de Ferrosilicio de Villar Mir en Cee, Dumbría e Arteixo. O Goberno tería que poñer un imposto por altas emisións de CO2 , e controlar as emisións do transporte, así como mellorar o transporte público para que se deixe o coche na casa.

PERFIL
“Son partidario da arruga é bela”

¿Que está a escribir?
Acabo de rematar de escribir un libro sobre as sete grandes empresas máis contaminantes que hai en Galicia. E, igual, non chega a publicarse, porque as editorais que teñen interese nel, a min non me interesan, e as que a min me interesan, non lles intereso eu a elas.
¿E a ler?
Estou a ler material propio da miña especialidade, así como cousas que me axudan a pasar o tempo. Hai un libro que a min me gusta sempre volver coller, Cómo ser rico, de Paul Getty, ou , Os piares da Terra, de Ken Follett.
¿Gústalle escoitar música?
Si. Son asiduo do Auditorio de Galicia. Dúas veces ó mes alí vou, normalmente escoitar música clásica, que é a que máis me gusta.
¿En arte, cales son as súas preferencias?
De vez en cando vou ver algunha exposición; a última foi de Quintana Martelo, un pintor que me gusta; en acuarela, Varela Aylló.
¿Vai con frecuencia ó cine?
Vou pouco, pero me gusta velo na casa, sobre todo as cousas de Historia. Esta semana vin un documental, relacionado coa agricultura, sobre cómo os chineses foron os grandes impulsores de novidades – como a carretilla ou un tipo de arnés colocar sobre o peito do cabalo que triplicaba a forza do arnés europeo– que tardaron miles de anos en chegar a Europa.
¿Acostuma ir ó teatro?
Pois sí, sempre que haxa unha obra que o mereza. O Centro Dramático Galego puxo en escea algunhas obras que me gustaron, como A piragua, Noite de reis, e algunha outra.
¿Cociña habitualmente?
Cando teño vacacións cociño case todos os días, e gústame facelo ó aire libre. Fago desde peixe á brasa ata o churrasco.
¿Melloraron moito os viños galegos?
Penso que si; sobre todo os da Ribeira Sacra, que son os meus preferidos.
¿Fai a cama?
Cando me toca, si.
¿Cose?
Agora cósese moi pouco, pero sei coser e se teño que coser, coso.
¿Pasa o ferro?
Non. Sou partidario da arruga é bela. Ahora, se teño que facelo, tamén o fago.
¿Sendo vostede biólogo, adoita preguntarse que é a vida?
Moitas veces. Hai preguntas que están aí, sempre dando voltas. Todos os biólogos teñen que formularse, antes ou depois, aspectos relacionados coa vida, aínda que non sexan parte da súa traxectoria profesional, no sentido de que se dediquen a outra cuestións. Pero esa é ­unha pregunta que está en todalas persoas, e non somentes nos biólogos.
¿E tense preguntado que é a morte?
Si, tamén. Ninguén ten unha variña máxica para darnos unha definición mestra, que nos permita agarrarnos a ela e dicir: isto xa está solucionado.
¿Segue militando no ecoloxismo?
Hai 12 anos que deixei a presidencia de Adega, mais sigo asesorando os compañeiros. Tamén estou na comisión de Medio Ambiente do concello de Santiago en calidade de experto.