El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Recoñecemento aos mellores estudantes

719 alumnos de centros de ensino medio de toda Galicia recibiron un diploma por obter as notas máis altas nas probas de acceso á Universidade.

SILVIA CASTIÑEIRAS  | 05.07.2019 
A- A+

"Cada ano este salón vaise quedando máis pequeno". Así comezaba o reitor da Universidade de Santiago o acto de recoñecemento ao alumnado cos mellores expedientes tras ter realizado o Bacharelato e as probas ABAU. A afirmación de Antón López non podía ser máis acertada para resumir o que está a pasar nos últimos anos. E é que cada vez son máis os estudantes que acadan elevadas notas para acceder aos seus estudos universitarios.

ANTONIO HERNÁNDEZ
O reitor da USC, Antonio López, presidiu o acto no que 719 alumnos de centros de ensino medio de toda Galicia recibiron un diploma por obter as notas máis altas nas probas de acceso á universidade
FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

Nesta ocasión recibiron o tradicional diploma polo seu distinguido expediente académico un total de 719 mozos e mozas nunha cerimonia celebrada no Palacio de Congresos e Exposicións, en Santiago. Son 258 rapaces e 461 rapazas, pertencentes a 212 centros de ensino medio de toda Galicia, que acadaron unha puntuación de 9 ou máis sobre 10. Trátase da media do Bacharelato (que conta un 60%) e das probas de selectividade obrigatorias (que suma un 40%). Entre os galardoados estaban tamén os que sobrepasaron esa nota de 10 presentándose aos exames da fase voluntaria, cos que podían acadar ata un 14 de nota media. É o caso de Pablo Manuel Piñeiro, un boirense que cun 13,86 foi o mellor estudante de Galicia neste 2019. El foi precisamente o encargado de dirixirse ao auditorio en representación de todos os seus compañeiros.

ECG
Grupo de estudantes recollendo o seu diploma por obter un dos mellores expedientes
FOTO: ECG

"Superamos un proceso difícil, cheo de nervios, inseguridade e incerteza, sabendo que unhas décimas podían cambiar o futuro desexado". Así comezaba un alumno que rozou a perfección o seu discurso, para continuar agradecendo o apoio de familiares, amigos e profesores. Destes últimos dixo que "foron os que nos orientaron e nos guiaron, adicándonos horas non lectivas e transmitíndonos valores como a colaboración e o compañeirismo nun mundo tan competitivo".

O momento máis emotivo foi o adicado aos tres mozos do IES Mendiño de Redondela, falecidos hai pouco máis dun mes nun accidente de coche. A directora do centro, Eva Cortés, que falou en representación das entidades educativas, recordounos cun poema de David Harkins que comezaba así: "Puedes llorar porque se ha ido, o puedes sonreír porque ha vivido...".

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo quixo destacar "o traballo e esforzo da xuventude e das súas familias" 

REACCIÓNS

Iria Peniza

Alumna de A Guarda

"Teño un 13,3 e chégame para estudar o que quero, o dobre Grao de Xornalismo e Comunicación Audiovisual. Teño claro o de ir por esta rama dende principios da ESO. Sempre me foi ben nos estudos, todo consiste en coller bos hábitos para chegar ben ao Bacharelato".

Antón Maceira

Alumno de Burela

"Cun 13,83 din que son o mellor expediente da provincia de Lugo. Fun indo pouco a pouco e cheguei ata aquí sen problemas nos estudos. O que mellor se me deu sempre foron as matemáticas e iso vou estudar. Aínda que me gusta a arte e a historia".

J. Antonio Ortigueira

Pai dun alumno

"Vengo en lugar de mi hija Rosario, que no puede estar aquí. Estudia en el Colegio Peleteiro y estou muy satisfecho con sus notas. También me siento agradecido a los profesores por conseguir tan buenos resultados. Ella quiere hacer Medicina, algo que ya le viene de familia".

Manuel Rico

Alumno de Santiago

"En total teño un 13,54 de nota media. Quero estudar medicina aquí en Santiago e penso que entro sen problema. Xa o tiña claro dende hai moito tempo e creo que iso tamén é unha sorte. Sabía que tiña que estudar moito e esforzarme para conseguir o que quería".

Pili González

Avoa dun alumno

"Veño a ver ao meu neto Javi. Estou moi contenta e orgullosa del. Paréceme moi ben que sexa tan estudoso e saia adiante. A verdade é que sempre foi ben, sempre tivo moi boas notas e foi moi bo rapaz. Agora que estude o que lle guste a el".

Conchi Sobrino

Nai dunha alumna

"A miña filla está en Madrid de vacacións vivindo a vida que ben o merece, así que veño no seu nome dende A Guarda. Esto orgullosa dela e a ver se entra na universidade en Madrid, porque sempre quixo marchar. Alá están os seus padriños así que estou tranquila".