El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Retorno de emigrantes, un dos eixes da nova Lei de Impulso Demográfico

Implicará a todo o Goberno galego // Emprego de calidade para a mocidade, conciliación e potenciación do rural, claves

Nenos estreando os seus xoguetes o día de Reis na Alameda de Santiago de Compostela - FOTO: ECG
Nenos estreando os seus xoguetes o día de Reis na Alameda de Santiago de Compostela - FOTO: ECG

SALOMÉ BARBA   | 18.02.2019 
A- A+

A Lei de Impulso Demográfico de Galicia fará que a comunidade sexa a primeira en elevar a ese rango a loita contra a sequía demográfica. A norma verá a luz nas vindeiras semanas, segundo asegurou esta semana a conselleira de Política Social, Fabiola García, -o primeiro trimestre do ano, din fontes do propio departamento autonómico- e implicará a todas as consellerías pola súa transversalidade. Ademais, e unha das cinco medidas estrela anunciadas por Feijóo no último debate do estado da autonomía.

Un dos eixes sobre os que incidirá é no retorno da emigración, tanto de primeira como de segunda xeración, unido a estratexias de atracción de migrantes, de retención do talento e da volta do que xa se foi. Esta é unha idea que xa se manexaba cando se elaborou o Plan para a Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016, Horizonte 2020. Nese momento, a Xunta plantexaba a posibilidade de que a chegada de extranxeiros podería poñer freo á caída da natalidade. Non obstante, o mesmo Goberno galego, no seu Plan Estratéxico 2015/2020, consideraba preciso que a inmigración neta superara os niveis dos anos anteriores á crise para compensar.

Ente multudisciplinar. O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica foi o órgano creado no 2016 para avaliar o problema da comunidade neste eido e no que están representados, ademais de todas as administracións, os grupos políticos, sindicatos, empresas, universidades e entidades sociais, entre outros. Despois da súa análise, dividida en cinco grupos de traballo temáticos -coordinados pola catedrática María Xosé Rodríguez Galdo-, o 19 de decembro de 2018 aprobou por unanimidade as liñas estratéxicas coas que loitar e responder á tendencia poboacional de Galicia. Estas iniciativas son as que están guiando a Política Social para a futura norma.

Na súa análise, este equipo utilizou o método DAFO, co que se coñecen de forma concreta as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades da comunidade, para posteriormente visualizar as medidas máis axustadas para correxir debilidades, afrontar ameazas, mellorar fortalezas e explotar oportunidades. Explican no seu documento final que é "un cambio a gran escala" e que "seguirá acentuándose nos vindeiros anos".

Transversalidade As transformacións que se requiren son amplas, "ligadas a importantes cambios sociais, económicos e de valores, que entrañan unha recente diversificación e complexidade nas traxectorias de vida individuais, familiares e sociais", explican dende a institución.

A estratexia que recomenda, polo tanto, é transversal implicando a todos os departamendo da Xunta e con medidas que, nalgúns casos, xa están funcionando ou acaban de aprobarse. Entre os eixes ou claves da nova lei están o impulso a políticas de retorno de migrantes e de captación e retención de talento; o fomento da corresponsabilidade nas tarefas de coidado de nenos e dependentes, así como a mellora da conciliación -Fabiola García adiantou esta semana que se impulsarán máis prazas públicas para gardarías de cero a tres anos, "que xa son 24.000, o dobre que hai unha década", e a posta en marcha de Casas Niño en municipios do rural, co que prevé que ao final da lexislatura haberá 76 instalacións deste tipo en Galicia-, o emprego non precario para a mocidade e as facilidades para acceder a unha vivenda.

Outras claves serán mellorar a Formación Profesional; seguir coa educación en igualdade, loitar contra a pobreza con medidas como a recentemente aprobada mellora da Risga; máis gasto en I+D+i; potenciación do rural con medidas como o aproveitamento multifuncional do monte, facilitar o acceso ao solo agrario, fomentar a innovación e os novos modelos de negocio rurais ou a reestructuración da propiedade e dos usos da terra; así como un mellor acceso ás TIC e o fortalecemento dos sistemas públicos de educación, sanidade e dependencia.

SALDO VEXETATIVO

-9.135 EN GALICIA, é dicir, morreron 9.135 persoas máis das que naceron no primeiro semestre do 2018. É o peor dato de España. No 2017, último ano completo publicado polo INE, o saldo vexetativo foi de -13.517. É a diferenza entre as 31.962 defuncións rexistradas fronte a tan só 18.445 nacidos na comunidade.