El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Ribeira, 28 de agosto: Algúns asustáronse...

Carga de auga dun hidroavión contraincendios en Ribeira o pasado 28 de agosto - FOTO: FRAN DOMÍNGUEZ
Ver galería
Carga de auga dun hidroavión contraincendios en Ribeira o pasado 28 de agosto - FOTO: FRAN DOMÍNGUEZ

SANTIAGO. X. CEA  | 16.09.2013 
A- A+

Está claro que os pilotos dos avións contraincendios realizan un gran labor, moi importante, que axuda a protexer o patrimonio medioambiental, os inmobles e mesmo as vidas das persoas que en ocasións se ven ameazadas por incendios moi agresivos. Todos sabemos tamén que ás veces os pilotos arriscan as súas propias vidas para conseguir os obxectivos sinalados. E sen embargo, todo iso non impide que ante determinadas actuacións, as xentes que os admiran se sorprendan, se asusten e se pregunten se determinadas manobras poñen en perigo a poboación.

As imaxes que acompañan este texto foron tomadas por Fran Domínguez na localidade coruñesa de Ribeira o pasado 28 de agosto. Corresponden a unha manobra de carga de auga nun avión que combatía un lume forestal. A serie de fotos, que poden ver nesta galería, e o vídeo (abaixo), mostran como a aeronave se desliza moi cerca das vivendas, das persoas ou das lanchas para coller a súa carga de auga moi preto da costa. Detrás da sorpresa, as preguntas xorden rápidas: hai risco para a poboación?, por que non se fai a carga un pouco máis lonxe da costa? É aceptable esta manobra?


Os pilotos, moi respetados e admirados, recoñecen que o seu traballo na extincion de incendios forestais é dos máis arriscados que hai. Explican que voan moi baixo e que no verán, ao facer calor, hai moita turbulencia. Hai que contar coa propia calor do incendio e que se opera en lugares que a veces non están preparados nin balizados para cargar a auga. Na zona do lume concéntranse moitas aeronaves en pouco espazo, co que teñen que estar moi atentos, e esa atención constante provoca estrés, unha carga de traballo importante.

Tamén afirman os pilotos que se senten gratificados porque o seu labor é de gran utilidade para a comunidade e que cando marchan do lugar do sinistro e o lume queda apagado senten unha gran satisfacción.

Na descarga de auga no lugar do lume hai persoas implicadas en terra. Os brigadistas que loitan contra o lume no monte están sempre sobre aviso desas descargas de auga. O axente forestal, director de extinción, está en contacto cos pilotos, que lle comunican as accións, co que non hai perigo. Retíranse ou protéxense.

Os brigadistas alertan, non obstante, de que as descargas si poden chegar a ser perigosas para os civís que ocasionalmente andan pola zona do lume, mesmo sen avisar. No caso dos avións grandes, a caída do manto de auga é tan poderosa que pode chegar a partir piñeiros ou eucaliptos secos ou comidos polo bicho.