El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

San Sadurniño pecha o círculo da historia: as propiedades da nobreza pasan a mans do pobo

O antigo Pazo da Marquesa funciona como Concello // A inauguración oficial celebrouse sen placas nin cortes de cinta // O edificio da aristocracia é agora "a casa de todas e todos nós"

PATRICIA HERMIDA. SAN SADURNIÑO  | 03.07.2014 
A- A+

Con bombas de palenque e na festividade de Santa Isabel. Así celebraron os veciños de San Sadurniño a apertura oficial do novo Concello. As antigas propiedades da aristocracia pasaron a mans do pobo, nunha auténtica revolución social. O Pazo da Marquesa funciona xa dende o día 23  de xuño como novo consistorio. Pero este mércores tivo a súa festa especial, coa participación dos alcaldes da zona e do presidente da Deputación de A Coruña. Despois de tres anos de traballos, coa colaboración do Ministerio de Cultura e a Deputación, o Concello abriu todas as dependencias aos veciños. Onde antes xogaba ao tenis Alfonso XIII... agora pasearán e farán os seus trámites os habitantes do pobo.

A inauguración fíxose sen placas nin cortes de cinta. Segundo o Concello, "trátase dun xesto que supón toda unha declaración sobre a finalidade do antigo pazo, ser desde agora a casa de todas e todos nós". Ata agora, o consistorio funcionaba no antigo convento do Rosario dende o ano 1863. Unha parte é propiedade eclesiástica e mesmo conta cunha igrexa. Outra pertence ao Concello: onde antes funcionaba o consistorio agora adicarase á Garda Civil. Os espazos sobrantes continuarán con usos municipais. Segundo o alcalde Secundino García Casal, (BNG), "culminamos o soño de que o Pazo da Marquesa sexa a casa do pobo". Cando faleceu a marquesa en 1953, as súas propiedades pasaron a mans da Igrexa. E o pazo funcionou durante décadas como escola-fogar. O mandatario agradeceu a labor da Fundación Hijas de Cristo Rey e da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, "polas facilidades para que o patrimonio pasase a mans do muncipio". Pero tamén criticou á Xunta de Galicia "porque non nos prestou ningunha axuda, malia solicitala formalmente en varias ocasións".

Ao acto asistiu o presidente da Deputación, Diego Calvo, natural de San Sadurniño. Tras lembrar as súas vivencias de neno no pobo, Calvo destacou a importancia da colaboración entre administracións. E calificou como "un acerto a rehabilitación do edificio e o traslado ao Concello, para que sexa a casa de todos por moitos anos". O sábado celebrarase a primeira sesión plenaria no novo consistorio. As vellas propiedades aristócratas xa están en mans dos descendentes dos servos: dos que traballaron nelas ata o último esforzo.