El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Sánchez reprende a Villares por actuar de xeito "destrutivo"

Asegura que a fractura no grupo parlamentario non ten nada que ver coa designación de senador

Antón Sánchez, voceiro nacional de Anova e deputado de En Marea na Cámara galega
Antón Sánchez, voceiro nacional de Anova e deputado de En Marea na Cámara galega

MATEO GARRIDO SANTIAGO  | 20.06.2019 
A- A+

Antón Sánchez, voceiro de Anova, acusou onte á dirección de En Marea, e en concreto, ao líder, Luís Villares, de "non entender" o que significa o espazo de unidade popular, ademais de actuar dun xeito "pouco responsable e moi destrutivo".

O deputado pronunciouse a este respecto, tras as verbas emitidas no día de antonte dende a coordinadora do partido instrumental, que esixía aos deputados críticos, entre os que se integra o propio Sánchez, a renunciar ás súas actas por teren apoiado a José Manuel Sande como candidato a senador por designación autonómica, en lugar de Mariló Candedo, que era a proposta de Luís Villares e da coordinadora do partido instrumental, onde o xuíz conta cunha unanimidade.

Sánchez reivindicou que de producirse unha fractura dentro do grupo, "nada tería que ver" coa designación do senador, unha decisión "tomada de xeito democrático" cos votos a favor de Sande por parte da maioría dos deputados do grupo parlamentario.

O certo é que a ruptura do grupo parlamentario é unha realidade de facto, case que dende o bronco plenario de outubro e as posteriores eleccións ao Consello das Mareas onde cunha gran polarización Villares resultou gañador. Todo este proceso resultou na ruptura da confluencia e no grupo parlamentario esta división xa viña sendo tamén claramente palpable.

Sánchez dixo a este respecto que "nos próximos días pretendemos seguir co noso traballo como parlamentarios". Ante a pregunta de se a súa preferencia é seguir facendo tras da marca de En Marea ou dende o grupo mixto cos deputados de Esquerda Unida e Podemos, Sánchez puxo por diante os valores das siglas; "eu pase o que pase, defenderei os principios polos que viñen ao Parlamento galego".

Sobre as críticas de En Marea ás supostas imposicións de Podemos, o líder de Anova enmarcou as acusacións "nunha mostra máis de que se está a utilizar o debate público para conseguir ventaxas internas" e reprochou a Villares que o funcionamento do que viña sendo unha confluencia "non pode ser por ordeno e mando" xa que actuacións deses calado "nos teñen custado moito debate na cidadanía".

Agárdase unha semana intensa, pois o venres remata o plazo para inscribir candidatos á senador. Con Sande inscrito polos críticos, todo dependerá de Villares, que de incribir á súa candidata, Mariló Candedo, sería a mesa a que con arreglo a dereito decidiría cal é a proposta que sae a votación. Ante a posibilidade de que os servizos xurídicos validen a proposta de Sande por contar co voto da maioría do grupo, a dirección podería optar por defender o seu terreo, co que En Marea deixaría de ser segunda forza. e o PSdeG podería propoñer senador. O Consello das Mareas trata hoxe a cuestión.

OS 2 SECTORES

Sector integrado polos afíns a Luís Villares: Integrado polos tres parlamentarios de Cerna (Paula Verao, Pancho Casal e David Rodríguez) xunto a Villares e Flora Miranda que nesta cuestión móstrase partidaria de Candedo.

 

Sector crítico: Integrado polos membros de Esquerda Unida, Podemos e o sector "oficial" de Anova que apostan por Sande.









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...