El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

"A sentenza do TSXG tumba os piares do decreto do plurilingüismo"

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística denuncia en Radio Obradoiro a interpretación "interesada" que ó seu xuízo está facendo o PP do fallo // Carlos Callón confirma que se a Xunta non recúa, "estudaremos accións de mobilización e accións xurídicas, ó tempo que continuará a liña de denuncia internacional"

Carlos Callón - FOTO: Antonio Hernández
Carlos Callón - FOTO: Antonio Hernández

Radio Obradoiro

Radio Obradoiro

Entrevista

Carlos Callón, pte. A Mesa pola Normalización Lingüística


SANTIAGO. RO  | 26.11.2012 
A- A+

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de invalidar o artigo da norma 79/2010, máis coñecida como decreto do plurilingüismo, que establece que a lingua materna predominante do alumnado en Educación Infantil será determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará os pais, nais, ou titores legais. 

Deste xeito, o TSXG decidiu "estimar parcialmente" o recurso presentado pola Mesa pola Normalización Lingüística contra o devandito decreto, e anular os artigos 5.2 e 12.3 por ser "contrarios a dereito". A respecto do artigo 12.3, establece que "en todas as áreas, materias ou módulos" o alumnado "poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia", aínda que se buscará que "utilice a lingua" na que se imparte a materia. O TSXG considera que dende o momento en que, segundo a Lei de Normalización Lingüística e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario, o mencionado artigo "é ilegal", ao deixar liberdade ao alumno a utilizar unha lingua diferente á que se imparta na materia. 

Logo de coñecer as sentezas, o conselleiro de Educación en funcións, Xesús Vázquez, rexeitou a derrogación do polémico decreto, e sinalou que a consulta ós pais "se pode facer igual". Ben distinta é a interpretación feito da sentenza por parte da Mesa pola Normalización Lingüística. Este luns, en Radio Obradoiro, o seu presidente ironizaba con que a interpretación da Xunta lévanos a pensar que estamos a falar de "universos paralelos". En opinión de Carlos Callón, "a sentenza é contundente e clara. Se o decreto naceu morto, agora ninguén pode dubidar que é un zombi". Engadiu neste sentido que o fallo do TSXG "tumba os piares sobre os que foi aprobado o decreto".

Lembraba Callón que este decreto "foi unha imposición do PP por orde de Alberto Núñez Feijóo, que tivo en contra ó consello escolar de Galicia, a tódolos sindicatos do profesorado, a tódolos movementos estudantís e ós movementos pedagóxicos, e a tódalas asociacións de pais excepto a unha vencellada ó PP". Para o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, "o único camiño digno que lle queda á Xunta é derrogar este decreto e comezar un proceso de diálogo coa comunidade educativa. Non facelo suporía unha actitude chulesca, imperdoable nestes intres".

Insiste en que a sentenza "elimina eses dous artigos, non propón eliminalos como argumenta o PP, que está manipulando ese fallo". Callón reiterou que "o único que pedimos é que o galego non sexa excluído do sistema educativo en ningunha etapa". Se a Xunta non recúa "estudaremos accións de mobilización e accións xurídicas. Ademais continuará a liña de denuncia internacional".