El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Ana Pontón Mondelo Portavoz nacional do BNG

"Son optimista e creo que o cambio en Galicia é imparable"

FOTO: Fernando Blanco
FOTO: Fernando Blanco

XAIME LEIRO SANTIAGO   | 19.02.2020 
A- A+

Ana Pontón Mondelo, licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago e líder do BNG, arranca a precampaña do 5-A coa ilusión de converterse na primeira muller e nacionalista presidenta da Xunta. “Para que se produza o cambio real en Galicia o Bloque ten que liderar á alternativa”, sostén.

O adianto electoral dos comicios galegos truncou a placidez dos primeiros momentos da súa maternidade. Como leva anímicamente a súa reincorporación anticipada as tarefas políticas?

Esperaba ter algún tempo máis para poder adicarlle en exclusiva ao coidado da miña filla Icía, pero son unha persoa a que non lle gusta nada o lamento e, a verdade, é que agora xa estou mentalizada de que o que toca, as eleccións do 5 de abril, son un reto moi importante e vou facer todo o posible para manter ese equilibrio entre atender a Icía e atender as miñas responsabilidades como candidata.

Non a estresa só pensalo tendo en conta a intensidade que supón a precampañpa e campaña? Levará a Icía a algún mitin?

Espero levala o menos posible. É certo que estou co aleitamento materno e iso require dunha certa constancia entre ela e eu para poder mantelo. Pero, estou convencida de que vou a ser capaz de equilibrar todo iso. Estou facendo acopio dun banco de leite para poder manter o aleitamento materno e ademais o meu compañeiro está moi mentalizado de que neste mes e medio el vai ter que cumprir aí un doble esforzo. Bótase en falta poder durmir un chisco máis, que sería importante para unha recuperación total e que para o ritmo da campaña sempre se agradece, pero tamén debe ser verdade que as hormonas son capaces de provocar cambios importantes no noso corpo e de momento o estou levando ben e sin sobresaltos. Antes, é certo, saía da miña casa sen preocuparme do que ocorría alí dentro e agora teño que planificar máis os tempos e as saídas porque os ritmos son moi diferentes. En todo caso, é todo moi bonito e moi emocionante e estou moi feliz da chegada de Icía.

Cambiando de tema, parece que de entrada todos os factores se conxugaron nesta ocasión para xogar nas urnas a favor do BNG sobre a base da cohesión interna e liderazgo asentado. Con que ánimo ve a organización de cara o 5 de abril?

Vexo ao BNG hipermovilizado e con moitísima forza á hora de enfrontar o debate e a campaña electoral e co ánimo de ir a por todas. Saímos a gañar o partido. Hai que derrotar o Partido Popular, pero para que se produza un cambio real o Bloque ten que liderar a alternativa. Imos a dar o mellor de nós mesmos para que o 5 de abril consigamos facer historia logrando que neste país teñamos por primeira vez una presidenta é do BNG.

Todas as enquisas que se coñecen dan que o Bloque sube, mesmo duplica os seus escanos actuais. Esa cara ten unha cruz: o PPdeG de Alberto Núñez Feijóo mantería a maioría absoluta.

As enquisas son enquisas. Veremos que vai haber para todos os gustos. Estou convencida, eso sí, de que o 5 de abril se vai producir un cambio político. Estamos vendo o PP nas horas máis baixas dos últimos anos e, aínda que as enquisas nos digan que está todo moi axustado, teño a firme convicción de que as galegas e os galegos van apostar por darlle carpetazo a unha década gris na que o PP deixa unha Galicia peor que a que atopou. Nós imos traballar para que ao frente desa alternativa estea o BNG. Son das optimistas e das que creo que o cambio en Galicia é imparable.

Empeza a circular nos ambientes xornalísticos e políticos que vostede non se sumaría a un tripartito, senón que, chegado o caso, apoiaría dende fóra un bipartito. É certo?

Nunca dixen iso. Quen diga iso no meu nome falta a verdade. Saimos nestas eleccións a por todas. Temos un proxecto sólido que ofrecerlle a sociedade, organización unida e cohesionada, temos experiencia e capacidade acreditada que demostra que somos quen de transformar a realidade: aí están os nosos gobernos municipais e, dende logo, asumiremos a responsabilidade que nos den os galegos e as galegas nas urnas.

A imaxe dun tripartito con problemas para entenderse non cree que pode lastrar a alternativa a Feijóo entre a cidadanía?

O que creo é que o número de forzas políticas que integran un goberno non é o determinante. O que hai que valorar dun goberno son as súas políticas. Hai gobernos monocolores do PP que son un desastre. A propia Xunta está destrozando a sanidade pública, acrecentou a sangría da emigración da xente nova do nosos país, descapitalizou boa parte das empresas galega e nos está deixando unha crise industrial moi grave. Polo tanto, non son bos ou malos en función do número de partidos que os integran senón das políticas que aplican. O exemplo do desastre do último goberno local do PP en Santiago ou o dislate do bipartito do PP en Ourense con Gonzalo Pérez Jácome son boa proba do que digo. Ese reproche é un argumento moi flebe. A sociedade e plural e os gobernos de coalición son a normalidad en España e a nivel europeo. Ademais superar o que fixo o Goberno de Feijóo e fácil.

Que balance fai das tres lexislaturas de Feijóo e dos 34 anos dos 40 de democracia que leva o PPdeG na Xunta.

O Goberno de Feijóo foi o peor Goberno da historia de Galicia. Hai moitos motivos para a crítica, pero, sintetizando, se nos fora tan ben, tan ben, tan ben, como é posible que Galicia teña unha sangría demográfica como a que vemos e que a xente teña que seguir marchando por falla de alternativas aquí. Son dous elementos que mostran con claridade o fracaso do modelo do PP. En todo caso, ese fracaso esconde o fracaso da dependencia. Galicia precisa abrir un tempo novo que signifique acabar co sucursalismo e con esa dependencias das forzas de ámbito estatal. A organización que ten as mans libres para defender os intereses de Galicia e para poñer en marcha un proxecto novo de país é o BNG. Chegou o momento de buscar unha alternativa frente o fracaso do bipartidismo de sempre.

Vostede fala de problemas derivados do PP pero tamén do PSOE. Feijóo pon o foco nos incrumprimentos con Galicia do Goberno socialista de Sánchez: deuda IVE, retraso do AVE...

Creo que Feijóo non é crible. Entre outras cousas, porque Feijóo se algo é, é sinónimo de dependencia de Madrid. Estivo durante anos coas mans atadas por Mariano Rajoy e agora segue coas mans atadas por Casado. Realmente foi incapaz de defender algunha alternativa para este país. Que o PP fale dos retrasos do AVE case me parece un sarcasmo, porque se hoxe non está en Galicia é porque o PP incumrpiu a palabra: primeiro, cando o prometeu no ano 2009 con Goberno de José María Aznar e despois en todos es prozos que deu o goberno de Mariano Rajoy. Aí Feijóo estivo calado e mudo. Non dixo nada. Os galegos non van a seguir comprendendo esta sobreactuación que é electoralismo puro e duro. Quen defende os intereses de Galicia é o BNG. Con só un deputado no Congreso para asinar o acordo de investidura de Pedro Sánchez puxemos unha axenda galega en marcha que non ten precedentes e puxo moi nervioso ó PP, porque se nos últimos anos non se activou algo semellante foi pola súa sumisión a Madrid.

"As galegas e galegos van apostar por darlle carpetazo o 5 de abril a unha década gris na que o Partido Popular deixa unha Galicia peor que a que atopou"

"Feijóo non é crible na súa sobreactuación para reclamar o IVE ou o AVE. Estivo anos coas mans atadas a Rajoy e agora actúa por puro e duro electoralismo"