El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Un total de 16 agrupacións participan no XI certame provincial de bandas de Pontevedra

29.09.2011 
A- A+

O XI Certame  Provincial de Bandas de Música, que se celebrará do 30 de setembro ó 2 de outubro no Pazo de Congresos de Pontevedra, foi presentando hoxe pola deputada Ana I. Vázquez na Deputación de  Pontevedra, entidade organizadora do concurso.

Nesta edición participarán 16 agrupacións musicais de toda a provincia (o ano pasado foron 13) agrupadas en tres seccións. Na terceira, que terá lugar o venres ás 20 horas, intervirán 4 bandas de ata 45 músicos: as de Coruxo, Vertula, Bembrive e a Agrupación Musical de Belesar que, ademais, de obras libres tocarán a obrigada 'Fantasía sobre cancións galegas' de Daniel Costa. Nesta xornada actuará, como formacións invitadas Vaamonde, Lamas & Romero e a Banda de Música de Pontevedra, dirixida por Juan Lois Diéguez.

O sábado, a partir das 16 horas, celebraráse a sección segunda do certame, para bandas de 45 a 60 compoñentes, que tocarán como composición obrigada 'Os muiños da Barosa' de Adrián Silva Magdalena. Serán as bandas Popular de Moaña 'Airiños do Morrazo', Xuvenil de Xinzo (Ponteareas), Goián, Xuvenil de Torroso, Popular de Rubiós e a Agrupación músico-cultural de Ribadumia.

Este mesmo sábado, na sección primeira do certame para bandas de entre 60 e 70 músicos, tocarán como peza obrigada 'Iter per Gallaeciam', de Juan Lois Diéguez, as formacións Atlántida de Matamá, Municipal de Valga e Agrupación Musical de Vincios. Nesta xornada a formación invitada será o Cuarteto de Saxofóns 'Agasax'.

Finalmente, o domingo, dende as 17 horas, terá lugar a sección especial do certame na que as bandas Musical de Meaño, Municipal de Caldas de Reis e Unión Musical Valladares tocarán, como peza obrigada 'O camiño das ánimas en pena' de Ferrer Ferrán. A agrupación invitada será o grupo 'Ensemble Keep in Touch Project' que, dirixido por Alfonso Molla Castells, realizará unha homaxe a Mel Culbertson.

A Deputación de Pontevedra  repartirá máis de 50.000 euros en premios para incentivar e apoiar ás bandas de música da provincia.

Ana I. Vázquez lembrou que as bandas de música son as escolas de música por excelencia de Galicia e continúan a ser un dos grandes referentes culturais da nosa provincia.

Un membro do xurado, autor da versión oficial do Himno de España
E destacou o altísimo nivel dos participantes e do xurado, que estará formado por Xosé Carlos Seráns, director da Banda Municipal de Santiago de Compostela; Manuel Bonachera, director de banda e de orquesta de Valencia; Ferrer Ferrán, compositor; Francisco Signes Castelló, compositor e director da Banda de Música de Castellón; e Francisco Grau Vegara, compositor, director de orquesta e Académico de Bellas Artes.

Grau Vergara tén 13 premios internacionais de composición, foi director da Orquesta Nacional de España, da Sinfónica de RTVE, das sinfónicas de Madrid, Barcelona e Buñol e é o autor da versión oficial do Himno Nacional de España. A un brilante currículo suma o feito de ser o primeiro xeneral músico das Forzas Armadas Españolas.