El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Unha firma coa que multiplicar as visitas ao porto de Vigo

Fundamar e Viajes InterRías inclúeno na oferta do principal turoperador de España

Enrique Lorenzo (esquerda) e Javier Touza (dereita) no momento do acordo - FOTO: ECG
Enrique Lorenzo (esquerda) e Javier Touza (dereita) no momento do acordo - FOTO: ECG

FRANCISCO CERNADAS   | 15.05.2019 
A- A+

A Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar) e Viajes InterRías firmaron esta semana un convenio de colaboración que pretende multiplicar as visitas turísticas ao porto olívico a través da inclusión do programa Vigo Pesqueiro na oferta de servizos do principal turoperador de grupos e circuítos de España.

O presidente de fundamar, Javier Touza Touza, e o director de grandes contas da compañía de transportes, Enrique Lorenzo, foron os encargados de subscribir o documento. Mediante este acordo de cooperación, que impulsará o turismo mariñeiro no peirao vigués, esta comprométese a promover a visita de conxuntos de turistas para coñecer de primeira man as instalacións portuarias e as actividades que se desenvolven nelas.

"Esta ruta permítenos achegar aos viaxeiros a unha industria, aos seus produtos, á historia e ao labor de moitas persoas que dedican e dedicaron a súa vida ao mar, un traballo duro que estendeu o nome de Vigo e as súas empresas por todo o mundo", destacou o máximo responsable da organización pesqueira. Pola súa banda, o xerente da firma de viaxes explicou que esta unión "amplía o noso catálogo de servizos e oferta aos nosos clientes, un novo exemplo de turismo experimental que contribúe tamén á desestacionalización do sector".

Ademais dunha excursión a pé polo casco vello da cidade, os visitantes que contraten esta experiencia visitarán as diferentes construcións portuarias (a lonxa, viveiros de mariscos, un buque pesqueiro...). Posteriormente, a comitiva desprazarase en autobús ata a vila de Bouzas, onde pasarán polos estaleiros da emblemática avenida de Beiramar, coñecendo as ocupacións e a industria que neles se desenvolve.