Jueves 17.10.2019 Actualizado 00:37
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

O universitario con letras capitais

A USC recoñece co Premio Luís Porteiro Garea o traballo a prol do galego do profesor emérito Xosé Antón Gómez Segade. "Intentei ser leal co país e a lingua", dixo

Gómez Segade recibe de mans do reitor o Premio Luís Porteiro - FOTO: ECG
Gómez Segade recibe de mans do reitor o Premio Luís Porteiro - FOTO: ECG

REDACCIÓN  | 17.09.2019 
A- A+

"O galego é a nosa forma de estar no mundo, unha lingua vella e de moitas caras" que, malia atoparse afectada por moitos riscos e unha sensible perda de falantes "aboiará pero non se agotará a pesar das tempestades". Era inevitable que o profesor emérito Xosé Antón Gómez Segade dese onte a súa opinión respecto á saúde do noso idioma, que el tanto defendeu -segue a facelo- dentro e fora das aulas. A Universidade de Santiago, a súa, recoñeceulle onte coa entrega do II Premio Luís Porteiro Garea o seu empeño en promover o uso do galego nas aulas, incluso en tempos en que esta opción supuña practicamente un demérito.

"Eso converteuno en referente lingüístico para centos de alumnas e alumnos que hoxe en día son profesionais da Xustiza, da Administración ou da empresa", salientou o xurado do galardón na súa acta, lida onte polo responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala.

Gómez Segade, ao que se lle recoñece tamén o compromiso co galego no eido da propiedade industrial -onde goza dun enorme prestixio- manifestouse esperanzado ante a situación actual do galego e declarou que a defensa do idioma é un deber para protexer a "biodiversidade cultural". Dixo ademais non considerarse merecedor dun galardón cara o que sente o máis fondo agradecemento logo de poñer, ao longo de toda a súa carreira, o seu modesto prestixio ao servizo do país. "Intentei ser leal co país e a lingua", afirmou.

Pola súa banda o reitor destacou a condición de Gómez Segade como "universitario con letras capitais". Antonio López definiu ao premiado como un "pioneiro no uso do galego nas aulas que abriu todo un camiño para os que viñeron detrás".

O catedrático de Historia e ex reitor da USC, Ramón Villares Paz, foi pola sua banda o encargado de realizar unha loa do premiado. Así, referiuse a el como exemplo de compromiso intelectual coa lingua, a cultura e as súas institucións. E destacou no mesmo sentido que traballou na creación de "persoas conscientes con obriga non só institucional, senón tamén, moral".

Catedrático de Dereito Mercantil dende 1981 na USC, Gómez Segade despregou unha intensa actividade académica e de investigación, en particular en España, Portugal, Alemaña e nos Estados Unidos.

Resultado dese traballo foron varios libros, máis de 130 artigos en revistas estranxeiras e nacionais, 15 teses de doutoramento, participacións en cursos ou congresos. Foi decano de Dereito, director do Instituto de Dereito Industrial, vicerreitor da USC, membro do Consello Asesor de Investigación da Oficina Europea de Patentes, ou membro do Comité Científico de denominacións de orixe da Unión Europea. Actualmente, dende 2009, é membro da Academia Europea de Patentes da OEP e do comité executivo da International Association for Teaching and Research in Intellectual Property. En 2002 foi recoñecido co Premio Galicia de investigación Montero Ríos.