El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

‘Dinámicas Urbanas’

A USC participa nun proxecto europeo para xestionar os problemas sociais, culturais e territoriais das cidades

Presentouse este martes 20 no Centro de Estudos Avanzados da Universidade compostelá

De esquerda a dereita, Anxo Lorenzo, Almudena Hospido, Isabel Rodríguez-Moldes, Anne-Marie Autissier, Rubén Lois, Javier Gómez e Victor Ferretti - FOTO: USC
De esquerda a dereita, Anxo Lorenzo, Almudena Hospido, Isabel Rodríguez-Moldes, Anne-Marie Autissier, Rubén Lois, Javier Gómez e Victor Ferretti - FOTO: USC

USC  | 20.10.2015 
A- A+

A Universidade de Santiago participa no proxecto europeo Erasmus+ ‘Dinámicas urbanas’ que busca desenvolver un modelo de formación válido para xestionar os problemas territoriais, sociais e culturais aos que se enfrontarán no futuro as grandes cidades desde a previsión da súa evolución. 

No proxecto, liderado pola Universidade alemá de Kiel, participan docentes e especialistas das Universidades de Santiago de Compostela e París 8 (Francia), e como asociados extracomunitarios as Universidades Federal de Pernambuco (Brasil) e do Salvador (Arxentina). Trátase dun dos primeiros Erasmus+ concedidos a grupos destas institucións, no que traballa persoal investigador dos ámbitos das Ciencias Sociais e Humanidades, en especial Socioloxía, Xeografía, especialistas en crítica literaria e expertos en estudos culturais. Concretamente, da USC participan Rubén Lois González (coordinador), Anxo Abuín (coordinador adxunto da USC) e os profesores Fernando Cabo e María José Piñeira. 

Os pormenores desta asociación estratéxica déronse a coñecer este martes no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) nun acto no que participaron o coordinador xeral do proxecto, o profesor da Universidade de  Kiel Javier Gómez-Montero; o profesor da USC Rubén Lois; e a profesora da Universidade de París 8, Anne-Marie Autissier. Asistiron ademais o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; as vicerreitoras de Investigación e de Internacionalización, Isabel Rodríguez-Moldes e Almudena Hospido, respectivamente; o coordinador adxunto da USC, Anxo Abuín; o director do CEA, Fernando Cabo; e o profesor da Universidade de Kiel Victor Ferretti, que presentou a plataforma on line que servirá de nexo entre as institucións participantes e como ferramenta de intercambio de materiais didácticos. 

Nese encontro explicaron que, ademais de impulsar estudos de posgrao e máster sobre a cidade e os procesos de urbanización en Europa, entre os seus obxectivos está o de desenvolver perfís profesionais urbanos con competencias técnicas e humanísticas sólidas para afirmarse como intermediarios entre os arquitectos eurbanistas e osasistentes-animadores sociais. Neste sentido, “ a cidade é o escenario da sociedade contemporánea”, afirmou Rubén Lois. 

En alusión á importancia do proxecto ‘Dinámicas urbanas’, a socióloga Anne-Marie Autissier tamén aludiu á cidade como polo de contacto e intercambio ao sinalar que “queremos que se consiga unha grande interacción entre estudantes e entre competencias nun proxecto que debe ter unha ampla formación intercultural”. Para conseguir estes fins, o proxecto inclúe ciclos de conferencias, programas de prácticas profesionais, escolas de verán ou simposios nas distintas universidades participantes. 

O resultado colectado “proporcionará aos xestores competentes neste eido elementos de utilidade e valor engadido para realizar o seu labor de xeito correcto e favorecendo a participación da cidadanía”, afirmou Anxo Lorenzo na súa quenda de intervención. Pola súa banda, mentres que a vicerreitora Almudena Hospido agradeceu a amplitude do proxecto tanto no relativo a contidos como a espazos xeográficos incluídos, Isabel Rodríguez-Moldes apelou a conexión directa desta iniciativa co Campus da Cidadanía que a USC está a poñer en marcha, “na USC estamos orgullosos da capacidade e da traxectoria dos nosos investigadores nestas áreas de coñecemento que sempre poderán contar co noso apoio”. 

Pechando as intervencións, Javier Gómez-Montero explicou os obxectivos do proxecto centrado na formación de xestores que medien entre administracións e que axuden a resolver os problemas das cidades nos vindeiros anos.