El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

A vida dentro dunha mochila

Patricia Casal, unha das Enfermeiras en Loita, relata a penosa inestabilidade do seu colectivo.

PATRICIA HERMIDA  | 19.01.2020 
A- A+

Patricia Casal finalizou a carreira de Enfermería en 2006. Pero nos seus 14 anos como titulada só constan sete e medio como traballados para o Sergas. Sucedéronse numerosos contratos de só uns días de duración, e ante a imposibilidade de poder pagarse as súas facturas tivo que traballar un tempo na privada. A súa historia é só unha máis entre as miles das Enfermeiras en Loitas, colectivo formado en maio de 2019 para denunciar a súa "precariedade laboral". Moitas destas profesionais acumulan 800 contratos en dez anos, as máis afortunadas 200 en dez anos: "Datos verídicos que se avalan con certificados de vida laboral ou na base de datos do Sergas". Pero o exemplo de Patricia Casal serve para coñecer esta problemática en primeira persoa: "Os primeiros anos tiven contratos dun ou dous días de duración, e para poder traballar apunteime nas chamadas listas de curta duración... con dispoñibilidade absoluta as 24 horas, os 365 días do ano".

Esta enfermeira, agora cun contrato nun centro de saúde de Ferrolterra, acabou con toda a súa vida nunha mochila. Sempre disposta a incorporarse a un posto de traballo descoñecido. "Nesas listas de curta duración ou pool vas sempre cun teléfono e sen posibilidade de programar nada familiar ou privado, vivindo nuha mochila no coche coa muda e os zocos porque en calquera momento tes que incorporarte a un posto de traballo", indica Patricia. "Tamén poden enviarte a destinos nos que non recibimos formación específica, como as unidades especiais (reanimación, queimados...)", continúa.

A maior parte da súa actividade laboral foi no ámbito hospitalario: "Non me quedou unha das sete plantas do complexo hospitalario de Ferrol sen percorrer, varias unidades especiais e todos os servizos". Ata que no 2009 e durante case sete anos tivo que buscar outras saídas laborais e entrar na empresa privada. "Un centro xeriátrico da zona deume a oportunidade de traballar, porque os contratos do Sergas non chegaban para un salario digno, non podías pagar aluguer ou recibos", explica a enfermeira. Ademáis, "tiven que compaxinar ese traballo na privada cos poucos contratos que chegaban do Sergas, porque isto é como unha roda dentada: se saes da administración e non acadas os puntos necesarios, non logras subrir postos nas listas e traballas menos".

Sobre as reclamacións das Enfermeiras en Loita, a Consellería de Sanidade indica que neste ámbito "Galicia é a única comunidade que mantivo as convocatorias anuais de ofertas públicas de emprego, esgotando a taxa máxima de reposición e ampliándoa ata chegar ao 108%". E recalca que "o Sergas conta con máis de 10.500 profesionais de enfermería, 700 máis que en 2008 e o 88% estables". Que reclaman os profesionais á Xunta? "Pedimos estabilidade, nunca solicitamos un incremento salarial, só queremos o cese dos contratos fraudulentos para lograr por fin unha vida laboral digna", indica Patricia Casal. En canto ás oposicións, lembra que entre as de 2009 e as de 2016 pasaron sete anos sen máis convocatorias: "E nas últimas só había 100 prazas, é imposible que en sete anos en toda Galicia se retirasen só 100 enfermeiras".

Tamén preocupa como afecta todo isto aos usuarios. "Hai un detrimento da calidade asistencial, moitas veces chegas a unidades onde nunca estiveches, cambias cada día e podes descoñecer os motivos dos ingresos, os procesos e as altas", explica Patricia. A maiores, en Ferrolterra os inconvintes agudízanse pola falta de pediatras, denunciada polos propios pais e nais cos seus fillos nun video de gran éxito nas redes sociais.