El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Volven avalar a calidade do Laboratorio de Radiacións da USC

08.11.2011 
A- A+

O Laboratorio de Análises de Radiacións da USC (LAR-USC) acaba de renovar por segundo ano consecutivo, co apoio da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade da USC, a certificación do seu Sistema de Xestión da Calidade segundo norma ISO 9001:2008 no ‘Deseño e realización de análises de radiactividade ambiental en matrices líquidas e gasosas’.
 
O LAR-USC, que forma parte do Grupo Experimental de Núcleos e Partículas vinculado ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, dedícase fundamentalmente ao estudo das radiacións emitidas por mostras medioambientais en diferentes matrices. E se ben dedica unha importante parte da súa actividade á investigación aplicada, mantén ademais un servizo aberto tanto á comunidade universitaria e organismos públicos como a particulares e empresas. Entre os traballos realizados destacan as medicións de concentración de gas radón no interior de edificios empregando diferentes métodos de cara a propor solucións correctoras.
 
Investigacións
Na actualidade este laboratorio está a traballar nunproxecto que rematará en 2012 no que analizan os desequilibrios isotópicos en augas da provincia de Ourense. Anteriormente finalizaron dous importantes estudos, un financiado polo Consello de Seguridade Nuclear sobre a saúde das augas galegas minerais, minero-medicinais, de manancial e de consumo humano e outro sobre a exposición a gas radón en edificios destinados ao ensino secundario de Galicia. Os resultados definitivos destas dúas investigacións publicaranse proximamente en cadanseu artigo científico.
 
A profesora Dolores Cortina é a responsable do Laboratorio, no que tamén traballan Juan José Llerena Cristobo, José Benlliure Anaya, Ignacio Durán e Raquel Sorribas.