El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

GALICIA SÉCULO XXI. ACTORES DO CAMBIO.

Xan López Facal: "A capacidade exportadora de Galicia é potente e sólida"

Economista e enxeneiro industrial // A empresa que non sexa capaz de estenderse a novos mercados, non poderá crecer // A nosa capacidade para atraer investimento directo exterior é pequena

LUIS POUSA  | 17.10.2010 
A- A+

Antonio Hernández
Xan López Facal, no paseo central da Ferradura en Santiago
FOTO: Antonio Hernández

Xan López Facal (Cee, 1940; economista e enxeñeiro industrial; ex profesor da Universidade de Santiago de Compostela; ex director económico-financeiro de Sodiga; ex deputado no Parlamento de Galicia polo PSG-EG) segue traballando intensamente, con distintos servizos de estudo, na análise e debate da situación da economía galega, á vez que participa como docente en cursos máster da USC.

Esta entrevista con Xan López Facal xurdiu por mor da súa intervención no Foro Chaves de Economía Galega 2010, celebrado en Santo Estevo de Ribas do Sil os días 23 e 24 do pasado mes de setembro, co relatorio Oferta de crédito e crise. Segundo el, restaurar o fluxo de crédito é vital para as empresas, que aínda que poden "aprazar o investimento en inmobilizado, dificilmente poden prescindir do refinanciamento do circulante comercial".

Na entrevista, Facal explica de forma moi clara os requisitos que debe reunir un clúster para funcionar ben, fala da importancia decisiva que teñen a internacionalización e a innovación no tránsito cara a un novo modelo de crecemento, no que boa parte do peso recaerá nas exportacións. A súa conclusión é que Galicia é hoxe unha economía exportadora. Sen esquecer o impacto positivo que supón para Galicia e o Norte de Portugal consolidar a eurorrexión.

¿Que condicións teñen que darse para que funcione un clúster?

Un clúster o primeiro que ha de ter é unhas empresas que se impliquen no proxecto clúster. É dicir, se a cousa se crea artificialmente, e non hai ningunha empresa comprometida co avance do clúster, o clúster non funciona. É indispensable que teña un equipo humano mínimo que proxecte que programa hai que adoptar e cales son as actividades colectivas que hai que facer. Despois, ese equipo ten, ademais, a gran responsabilidade de ligar coas administracións públicas. Pois, por exemplo, para facer presente estas empresas nos mercados exteriores; para facer programas cooperativos de innovación, porque cada empresa desconfía, en principio, das do resto do sector.

¿Iso é moi complicado?

Pode ser moi complicado porque hai segmentos industriais nos que hai unha empresa moi grande e outras pequeniñas; dúas empresas que mandan e lévanse mal entre elas, etc. Non hai máis que pensar no sector téxtil, onde hai unha cabeza inmensa; ou no sector do automóbil, onde hai unha cabeza única que disciplina a todo o cluster; ou no sector da madeira, onde Fimsa pinta moito.

Vostede adoita referirse con insistencia á relación que existe entre internacionalización e innovación (I+i). ¿Por que lle concede tanta importancia a esa relación?

Creo que son, realmente, os dous vectores do progreso económico. O economistas falaban con moita frecuencia de que o fundamental é o investimento, pero sabemos que o investimento pode habelo nefasto, absurdo, sobreabundante, etc., e hai exemplos en Galicia para dar e tomar. Medir por renda per cápita é un mal indicador, medir por investimento é un mal indicador, con todo a innovación é algo fundamental.

¿Que é innovar?

Innovar é a capacidade dunha empresa para adaptarse ó mercado. Para dar produtos con valor engadido e a prezo adecuado. Para conquistar novos mercados, e que neses mercados abertos te compren o teu e non o do outro. Todo isto é innovar, e pode innovar desde unha panadaría ata unha empresa de electrónica. Hai xente que pensa que innovación ten que ser as tecnoloxías da comunicación; pois non é certo, pode innovar e debe innovar calquera.

¿E que é a internacionalización?

A exportación é o segundo gran reto, porque xeralmente as empresas nacen no ámbito local, esténdense a un ámbito exterior, a Europa, por exemplo, e neste momento aquela empresa que non é capaz de ir estendéndose a mercados sucesivos, non poderá crecer, e decaerá ou morrerá. Aí tes a Emilio Pérez Nieto, cuxa empresa naceu en Ourense e neste momento está en Gran Bretaña, en Alemaña e en Vladivostock, entre outros sitios. Este é o camiño. Volvendo ó anterior, precisamente o clúster é un instrumento adecuado para establecer cooperación e intentar facerlle fronte a estes retos, ó reto da innovación e ó reto de acceder ós mercados exteriores.

¿As empresas nacen exportando, como vostede afirma?

É certo. Se miras o primeiro informe que fixo o CIEF (Centro de Investigación Económica e Financeira, da Fundación Caixa Galicia), que está financiado polas Cámaras de Comercio, eu na parte que me ocupe, á parte de traballar cos clústers e as empresas, fixemos unha sondaxe entre as empresas. Pois ben, hai un gráfico absolutamente rechamante: pregúntase ás empresas en que ano naceron e en que ano empezaron a exportar, e ves que segundo vai avanzando a creación de empresas máis novas vaise achicando o lapso entre o comezo da actividade e o comezo da exportación. Ata tal punto é así que as empresas agora nacen exportando. Hai empresas pequenas que naceron o ano pasado e xa teñen unha parte do seu negocio no exterior, por exemplo, en Francia, en Alemaña, en Holanda.

¿A balanza comercial galega en que situación se encontra nestes momentos?

Hai puntos positivos e puntos negativos. O punto máis chocante é que o investimento directo exterior, que son as empresas que chegan a un sitio para montarse, é moi débil en Galicia. Practicamente concéntrase en Madrid e en Cataluña, por motivos obvios. Co cal cabe preguntarse por que Galicia non é percibida coma un espazo atractivo para o investimento da empresa exterior. Se se exceptúa núcleos como o do automóbil, atractivo porque está Citroën, a capacidade que nós temos para atraer iniciativas externas noutros campos é moi débil. É moi débil en alimentación, en madeira, etc. Con todo, se o miras desde outro punto de vista, a capacidade exportadora de Galicia é moi potente, crecente e sólida.

¿Galicia é un economía exportadora?

Non só é unha economía exportadora, é unha economía notablemente exportadora, dentro do contexto de España. E está gañando cotas cada vez máis. Galicia exporta, exporta ben e conquistou mercados. Isto é unha evidencia. Por certo, a empresa galega internacionalizouse enormemente. Mira, por exemplo, o segmento da conserva, que é hípermaduro, que tivo os seus primeiros éxitos nos anos vinte do século XX; estas empresas teñen centros produtivos en Marrocos e Hispanoamérica de grande importancia e compraron empresas alí. E iso que estamos falando dun segmento en ocaso, con dificultades.

¿Vostede defende que Galicia e o norte de Portugal conformen una eurorrexión. ¿Por que?

Por varios motivos. A Galicia iso dálle acceso a ter unha masa crítica de carácter económico. Por masa crítica cómpre entender a existencia dun grupo de empresas que hai que interconectar e, ao mesmo tempo, cun grupo de consumidores ós que hai que atender. É moi diferente traballar para unha provincia que para un grande espazo, que se metes a grande área do Porto, o gran polo do sur, pasas por unha rede de universidades, caso das de Braga, Santiago, Coruña e Vigo; pasas polo sistema portuario... En fin, esa é unha área que está en pleno desenvolvemento neste momento, e é exemplar en Europa. En Europa o espazo Galicia-Norte de Portugal é recoñecido como un caso de éxito transfronteirizo. Xa que logo, masa crítica por unha banda e complementariedade en certo sentido. A experiencia maior que teñen en Portugal en asuntos de internacionalización -o empresario portugués é un empresario internacional por necesidade, desde hai moitos anos- pode beneficiarnos

¿Pese a que non está moi claro que xa saíramos da crise, vostede ten unha visión en positivo da economía galega?

Empezo pola pincelada negativa: a situación demográfica é o auténtico fracaso de Galicia, e o mellor indicador de que isto non acaba de arrincar. Galicia empezará a arrancar cando a xente nova comece a ter fillos e eses fillos teñan emprego e os nosos propios fillos teñan emprego. Galicia empezará a arrincar cando sexamos capaces de recibir inmigración. En Galicia apenas hai inmigración; ó contrario, estamos tendo emigración. Esa é a parte negativa. A parte positiva é que hoxe Galicia posúe unha capacidade de exportación e un grupo de empresas, con algunha fóra de toda discusión como é Inditex, que fai que as vellas estampas da Galicia rural non sexan certas. Outra cousa é que o crecemento relativo respecto de España fluctúa. E hai que tomar decisións. Agora ben, a estrutura económica de Galicia é unha estrutura económica moderna, competitiva e en crecemento, e con campos de crecemento que aínda están a medio explotar.

¿Que campos de crecemento están a medio explotar?

Por exemplo, o sector agrario. Practicamente estamos centrados na produción láctea e na madeira, e sabemos os problemas que teñen, pero hai exemplos como o do sector do viño, que demostran como se poden conquistar mercados. Algo que podería ocorrer o mesmo se te estendeses noutro tipo de actividades no mesmo sector agrario ou no sector pesqueiro.

¿A operación Breogán, así bautizada polo Banco de España, é dicir, a fusión de Caixa Galicia e Caixanova en que situación deixa o sector financeiro galego?

Operación Breogán é un nome moi bonito. Creo que superamos un primeiro obstáculo importante, pois había, digamos, pulsións centrífugas. Xente á que, por distintos motivos, non lles gustaba este asunto. Había pulsións localistas, xente que quería ter a súa andrómena e seguen por aí vociferando. Tamén había pulsións renacionalizadoras desde o punto de vista español: evitémonos problemas, e fusionemos Caixa Galicia e Caixanova cunha gran caixa madrileña, que poida facer fronte á forza que ten A Caixa en Cataluña. E logo posicións do tipo de xeometría variable: imos esperar a que escampe e mentres tanto seguimos como estamos. Superar todo isto creo que foi un grande éxito do conxunto da sociedade galega. Máis aínda, diga o que se diga, en tales circunstancias, é das poucas cousas nas que a Xunta de Galicia foi sensata e tamén o Bloque. Non así a postura do PSOE, que estivo ata última hora torpedeando a operación de fusión. En canto ó sistema, o outro polo é o Banco Pastor, cuxo grande activo é ser comandado por unha gran fundación, a Fundación Barrié, e non por capital privado. E iso significa ancoralo moi fortemente na sociedade galega.

Cando vostede sinala que, sobre todo, o que debe facer a caixa resultante da fusión de Caixanova e Gaixa Galicia é transformar os activos, ¿en que sentido?

Imos ver. Caixa Galicia conseguiu unha gran carteira industrial, CxG. Esa carteira industrial, en momentos nos que crecían as cotizacións en Bolsa, foi un éxito. A proba é que hoxe se está desinvertiedo con plusvalías moi importantes que, en momentos de crise, lles permiten fortalecer o balance. Pero esa carteira, que forma parte do seu activo, está chamada a desaparecer por esixencias do guión. E a carteira deixa de ser prioritaria. Tampouco é prioritaria a disposición de fondos de débeda pública; tena aí por motivos cautelares, para pedir créditos, para facer operacións repo -préstame os cuartos que eu respondo con isto- . E despois ten unha carteira de créditos deteriorados, como todos; non só Breogán, todas as caixas españolas. De maneira que se ven obrigados a facer a cobertura desa carteira deteriorada con activos inmobiliarios que agora son occiosos. Pois ben, todo isto téñeno que facer converxer co negocio básico, que é a concesión de préstamos a familias e a empresas. Entón fortalecer ese vínculo, do que é a banca tradicional, e fortalecer o capital propio, o core capital, son as súas dúas tarefas importantes, e en función disto os activos e os pasivos teñen que sufrir unha enorme transformación. Ese é, xa que logo, o principal problema que teñen neste momento. No que hai que incluír a competencia e consolidación da nova caixa nunha contorna aberta, así como a especialización para facerlle fronte ós novos desafíos. Pero, como eu digo, benvida a volta á banca aburrida.

O PERFIL "HABERÁ QUE CAPITALIZAR BREOGÁN"

¿Breogán, é dicir a caixa resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova, necesita recapitalizarse?

Sen dúbida ninguna. O primeiro reto que debe superar Breogán, á parte de homoxeneizar os equipos xestores e optimizar a rede produtiva que ten, é devolver o crédito ten previsto pedirlle ó FROB. Apelar ó FRIOB significa que non dispón de suficientes recursos de corte capital. De maneira que, por suposto, necesita capitalizarse, e iso expón cal vai ser o futuro da nova caixa. Somos moitos os que desexamos que Breogán siga tendo unha compoñente pública e social, pero é certo que pode verse parcialmente ameazada por un proceso de capitalización que aínda non sabemos moi ben como se desenvolverá.

¿Coa nova normativa de Basilea III hai que dar com moi probable que as caixas darán entrada a accionistas nos seus consellos de adminsitración?

Non o sei, pero teño a impresión de que aínda cando iso ocorra a especifidade das caixas será respectada. Será respectada porque así o queren amplos segmentos da sociedade, e, ademais, as caixas demostraron que cumpriron un papel importante no financiamento de actividades sociais. Agora ben, non sei ata que punto sufrirán transformacións internas dese calibre, porque é evidente que todo cambio significa transformación.