Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 28 septiembre 2022
02:47
h

Edelmiro López: “Galicia é das comunidades que menos depende das subvencións da PAC”

O economista da USC relativiza o peso das axudas europeas: representan menos dun 12% da renda agraria das explotacións galegas // Un webinar do proxecto FunCAP organizado pola Fundación Juana de Vega adianta os cambios que traerá a nova política agraria europea para os produtores

A nova Política Agraria Común (PAC) prevista inicialmente para 2021 a 2027, e que finalmente se aplicará dende 2023, traerá certos cambios para os produtores galegos. Un dos maiores expertos en política agraria, Edelmiro López, abordou esta mañá os principais retos e oportunidades que suporá para Galicia a nova PAC, no webinar organizado polo proxecto divulgativo FunCAP, coordinado pola Fundación Juana de Vega.

Xunto con López, o seminario online tamén incluíu un debate no que participaron Javier Iglesias, responsable da área de política agraria de Unións Agrarias, e Jorge Piñeiro en representación do Fondo Galego de Garantía Agraria, organismo adscrito á Consellería de Medio Rural. O debate foi moderado por Tania Gesto Casás, xestora de proxectos europeos da Fundación Juana de Vega.

Á hora de determinar o impacto da PAC en Galicia, o experto contextualizou as achegas que percibe a comunidade procedente das axudas europeas en comparación co resto de España. “As axudas directas son un complemento relevante para as explotacións galegas, pero que cómpre relativizar”, sinala Edelmiro López, que é ademais profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela.

Así, as subvencións europeas representan en Galicia menos dun 12 % da renda agraria, mentres que noutros territorios chega a supoñer máis do 30 % dos ingresos agrarios. “Galicia é das comunidades que menos depende das subvencións da PAC o que tamén indica que o xeito no que se foi configurando a PAC non foi especialmente favorable para o acceso a axudas do primeiro pilar”, concreta López.

Novidades

Entre as novidades que presenta a nova PAC 2023-27 figuran a maior ambición ambiental e a acción polo clima, así como o obxectivo de establecer axudas máis xustas e mellor orientadas. As novas políticas agrarias europeas tamén están destinando maiores esforzos para lograr unha remuda xeracional no agro e a igualdade de xénero, ademais de poñer un maior énfase na formación e na innovación.

“As principais novidades non están no ‘que’ , é dicir nas medidas dispoñibles a nivel europeo, senón no ‘como’ , no modelo de aplicación que estará baseado nos Plans Estratéxicos da PAC (PE-PAC), que cada país membro elaborou atendendo ás súas necesidades”, explica López. Así, o Plan Estratéxico indicará como se van organizar as medidas e recursos da PAC, precisando que ferramentas se van utilizar e tamén se establecerán metas específicas.

A efectos prácticos estes cambios, tal e como sinalou López, ofrecen unha maior autonomía ós países para programar no seu territorio as diferentes medidas da PAC e poñerase o foco nos resultados e non no cumprimento de normas.

Outro dos condicionantes que modificou a nova PAC foi a presentación de documentos como o European Green Deal, presentado en decembro de 2019, así como as estratexias Da granxa á mesa ou da Biodioversidade 2030, cuxa influencia nas novas políticas agrarias aínda está por determinar. O estalido da Guerra de Ucraína pode ter aínda un impacto nos plans agrarios europeos, tal e como apuntou o experto.

Aínda que inicialmente se prevía unha redución dos orzamentos destinados ás políticas agrarias, finalmente suavizouse o recorte de fondos da PAC e no contexto derivado da crise da covid-19 introduciuse unha dotación extraordinaria para a reconstrución das economías europeas nos anos 2021-2024 cos fondos Next Generation. “En canto a euros correntes, o orzamento da PAC 2021-2027 increméntase nun 3% respecto do período anterior”, detalla o experto.

Impacto na autonomía

En canto ás novidades que suporá a nova PAC 2023-27 nas axudas directas ós agricultores aprécianse cambios significativos:

-As axudas correspondentes ata o de agora polo Pago Verde e o Pago Básico vanse refundir nun único pago denominado Axuda Básica á Renda para a Sostibilidade (ABRS). Isto implica que para cobrar a axuda básica vai ser preciso cumprir os requisitos da axuda do Pago Verde.

-Outra das novidades é a aplicación da axuda redistributiva. Esta medida xa existía no período anterior da PAC, pero España decidira non aplicala.

-Os eco-réximes, chamados inicialmente eco-esquemas, son a gran novidade deste novo período da PAC.

En canto ó impacto a nivel económico que vai ter a PAC en Galicia neste novo período, e pese a que López recoñece que é complexo facer unha previsión, estímase que se manteña o volume de axudas que chegan ás explotacións galegas, pero cunha certa redistribución interna entre sectores. “Manteranse ou mesmo pode haber un incremento moderado das axudas, grazas ó aumento das axudas asociadas ás ganderías de vacún de leite, ó saldo favorable do pago redistributivo e a melloras logradas no deseño dos eco-réximes”, sinala López.

Con todo, as principais incógnitas que presenta esta nova PAC para Galicia veñen da man da resposta que fagan as explotacións aos eco-réximes deseñados. Así como a incorporación de novas superficies con dereitos de axuda a través da Reserva Nacional da axuda básica, unha cuestión vinculada á nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

“Cómpre ter en conta un problema básico do que parte Galicia e que axuda a entender o reducido volume de axudas directas. Galicia ten un reducido volume de superficie con dereitos de axuda”, incide o experto. Así, ten apenas un 21% de superficie agraria útil e ademais a superficie con dereitos de axuda en Galicia non chega ó 60%, mentres que a media española é do 80%. “Corrixir esta desigualdade a curto prazo é unha necesidade”, reivindica.

Outra das vías de financiamento da PAC son as medidas de desenvolvemento rural e neste novo período agárdase que España reciba un volume de fondos similar ó que viña percibindo. Porén, variarán as taxas máximas de co-financiamento europeo. “En Galicia a redución desa taxa suporá pasar do 75% ó 60%. A consecuencia será o incremento do co-financiamento aportado pola Administración Central e a Xunta de Galicia, é dicir un incremento do gasto público total”, explica.

En canto ás intervencións financiadas polo Feader en Galicia para este novo período da PAC, acordadas entre a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura recóllense as seguintes novidades:

- Nas liñas de axudas agroambientais incorporaranse novas liñas e aumentaranse os fondos. “Van supoñer novas oportunidades. Propóñense liñas para pequenas explotacións de horta que comercialicen directamente os seus produtos, así como para viñedo en pendente ou plantacións de froiteiras ou variedades de cereais autóctonas”.

- Proporcionarase apoio a novos agricultores (novos entrantes), ademais das axudas pensadas para os produtores mozos. Esta liña está pensada para produtores a partir de 40 anos.

- Incorporarán instrumentos financeiros, xunto coas subvencións, nos mecanismos de apoio a investimentos.

- Proponse un maior uso das medidas de cooperación.

-Novo deseño das medidas relativas a formación, aconsellamento e innovación.

“Globalmente a nova PAC vai incrementar as esixencias para os produtores, pero sen proporcionar dende Europa unha dotación de fondos suficiente para asumir estes novos requisitos a nivel medioambiental. Galicia, polas súas condicións ten moito a gañar nunha evolución a longo- medio prazo cara unha produción máis sostible, pero a curto prazo supón un desafío para os produtores”, explica López.

Proxecto FunCAP
“Traballaremos cuns 400 mozos e mozas de 15 a 18 anos e cos seus profesores para presentar dunha forma lúdica a importancia da PAC”

Este webinar inclúese nas iniciativas complementarias desenvolvidas no marco do proxecto FunCAP, que ten como obxectivo achegar dun xeito dinámico as políticas agrarias comúns europeas á xente nova. Trátase dun proxecto financiado polos Fondos para medidas de información sobre a PAC (IMCAP) da Unión Europea e coordinado pola Fundación Juana de Vega, e nace do convencemento de que “a PAC é fundamental, e coñecela ben é o primeiro paso para aproveitala o mellor posible para mellorar o noso país”, tal e como indicou Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega.

O proxecto FunCAP comezou a desenvolverse en agosto do 2021 e prolongarase ata xullo deste ano. Á marxe deste webinar, tamén se levaron a cabo outras iniciativas de divulgación como a publicación de artigos divulgativos e a elaboración de materiais didácticos. Ademais, está previsto a realización doutro seminario online para seguir abordando a contribución da PAC no norte de Portugal.

A actividade central do proxecto FunCAP está dirixida a xente nova e consiste na creación dun xogo de mesa co que explicar a PAC dun xeito lúdico, unha ferramenta que se empregará en escolas de Galicia e Portugal. “Traballaremos cuns 400 mozos e mozas de 15 a 18 anos e cos seus profesores para presentar dunha forma lúdica a importancia da PAC”, explicou Alfonso Ribas Álvarez, director de Innovación da Fundación Juana de Vega durante a sesión. O xogo didáctico sobre a PAC, que está a piques de rematarse, será presentado nos próximos meses en 14 centros educativos de Galicia e Portugal, entre os que se inclúen institutos así como Centros de Formación Agraria.

Como actividade final do proxecto FunCAP celebrarase un seminario online e presencial no que abordar tanto os resultados da iniciativa e que servirá tamén para un intercambio de experiencias entre as escolas e axentes relevantes, un punto de encontro entre estudantes, profesores, expertos na PAC e representantes das Administracións Públicas.

24 mar 2022 / 00:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.