El Correo Gallego

Galicia » Educación

a experiencia

"O ensino non está a atender a demanda laboral do alemán"

O profesor Laureano Araújo reclámalle á Xunta que aposte por unha materia con moito que dicir no futuro dos rapaces // E con menos dificultade, asegura, da que se lle atribúe

18.03.2007 
A- A+

Laureano Xoaquín Araújo imparte clases de alemán no IES Xelmírez I, o único instituto de Galicia que ofrece este idioma como primeira lingua estranxeira. A materia existe desde hai décadas neste centro compostelán, no que nos últimos anos está a rexurdir grazas ao labor de difusión do profesor, e a pesar da sona de difícil do idioma.

- No ensino público, esta lingua non se ensina en Primaria. Os rapaces que a escollen, teñen xa algunha idea? Como se consegue que se decanten por ela?

- A inmensa maioría chegan á ESO sen ningún contacto previo co alemán. Na Asociación Galega de Xermanistas facemos cursos piloto cos nenos de sexto de Primaria, moi curtiños e fóra do horario lectivo, para que se acheguen ludicamente a el. Ademais, dou charlas aos pais dos alumnos dos colexios que fornecen de estudantado ao meu centro. Explícolles a importancia do alemán en Europa e a nivel internacional, e o que pode supoñer para os estudos e o traballo.

- E anímanse moitos alumnos?

- Nos últimos anos moitos máis. Detrás hai moito traballo de concienciación, de esforzarse por facer viaxes e o tipo de iniciativas que axudan a que se animen a optar por unha lingua que ten sona de difícil. E aquí, en Galicia, a xente sabe que é unha lingua importante en Europa máis claramente pola emigración.

- Sen embargo, a súa oferta en Galicia é case anecdótica...

- O ensino está a desatender unha demanda futura real do alemán no mercado laboral. Estamos privando aos nosos cidadáns de ocupar postos con ese perfil. Por eso os profesores demandamos a normalización da súa oferta no sistema educativo, que se oferte de forma xeralizada. Agora a demanda nin se manifesta porque non ten canles para facelo. Cando se ofrece, hai moita xente que se encarreira cara ó alemán de forma natural. De feito, no ensino de adultos, nas escolas oficiais de idiomas, ten moi boa aceptación.

- E que hai da súa dificultade?

- Ten, como dixen, sona de moi difícil, pero é moi agradecida para moitos alumnos. Sobre todo para os que teñen unha mente moi sistemática, porque ten unhas estruturas e unhas normas moi claras. Unha vez as sabes, filtras todo e atópaste con moi poucas excepcións.

- O problema quizais sexa a falta de referentes para os mozos.

- Si. O inglés élles moi familiar polo cine ou a música. Co alemán é máis difícil buscar referentes. Podes volverte tolo para falarlles, imaxina, de Marlene Dietrich porque nin lles soa. Co que tes o éxito asegurado é co grupo heavy Rammstein.

Ramón Escuredo

FOTO: Ramón Escuredo

En 2º de la ESO, Laureano Araújo tiene seis alumnos de alemán como primera lengua. Ernesto se animó por curiosidad, quizás por escuchárselo hablar a parientes de una zona germanohablante. Los lazos de la emigración acercan a una parte del alumnado al alemán, pero la mayoría , como Zoe, no han tenido antes contacto con esta lengua. "Todo el mundo dice que es muy difícil, pero se va llevando. Además, tiene mucho que ver con el inglés", apunta ella. En el Xelmírez I estudian la materia unos 60 chicos.

O DATO

Onde?

O alemán é lingua oficial en Alemaña, Austria, Suíza, Luxemburgo e Liechtenstein. Tamén é lingua minoritaria noutros países de Europa (o 30% dos europeos fálaa), Asia, África e América .