Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A gandería en tempos de crise

Elena Vázquez: “Si que está máis visto que os homes sexan gandeiros, pero as mulleres no campo creo que valemos moito”

Son tempos de crise para todos e todas, o campo e o rural non son unha excepción. Estamos a falar dun sector, o gandeiro, que non tivo unha traxectoria fácil en Galicia ao longo do tempo. Fai 20 anos enfrontáronse á epidemia da enfermidade das “vacas tolas” e agora a outra moi diferente que non lles afecta desa maneira ao seu modo de vida, os animais. Pero de tódalas formas, trátase dun dos elementos principais que compoñen a nosa cultura, o campo. Un elemento tan importante e ás veces tan esquecido pola sociedade e as institucións.

Un exemplo da situación que vive o sector é Elena Vázquez, gandeira en Castenda de Parada, unha aldea no concello de Ordes. Ela leva sendo titular da súa pequena explotación desde o ano 1995, aínda que tense dedicado toda a vida a este oficio e aos seus 54 anos segue no pé do canón demostrando a valía das mulleres do rural e a súa importancia. Por todo isto, quixemos falar con ela.

-Como definirías a situación da gandería no rural galego?

Eu diría que a situación é bastante inestábel porque tanto o leite como a carne están a un prezo moi baixo, un prezo de fai moitos anos. Pero as materias primas como é o penso pois están moi altos. Incluso en 3 ou 4 meses, o penso subiu de maneira brutal, a min suponme uns 300 euros máis ao mes.

-É posíbel vivir da gandería en Galicia de maneira estable?

Claro que é posíbel, pero hai que controlar todo, é dicir, que non se che escape ningún gasto. Ademais, ter uns animais en boas condicións porque senón ao mínimo despiste como existen estes cambios nos prezos e tan pouca marxe, pois tes que controlar moito a situación.

-Crees que existe un apoio importante a gandeiras “pequenas” coma ti, por parte das institucións?

Non, non hai apoio nin ás pequenas ganderías nin ás grandes. Por exemplo, se pides unha subvención para ampliar un cortello eu creo que non che contan se es pequena ou grande.

-Como ten afectado a crise da Covid-19 á túa situación?

A crise da Covid-19 no noso traballo pois non nos afectou considerablemente, baixaron algo o número de vacas que levaban ao matadoiro pero xa teñen baixado máis veces. Creo que fomos un dos sectores que mellor levamos esta crise.

-Crees que as mulleres teñen a mesma visibilidade que os homes no sector gandeiro?

Eu creo que as mulleres na vida no campo e en xeral, creo que valemos tanto ou máis que o home. Desempeñamos a nosa función ata mellor, diría eu. O traballo no campo tenche que gustar, eu por exemplo crieime nisto. Eu penso que as mulleres facemos tan ben ou mellor o noso traballo ca calquera home. Pero si que está máis visto que os homes sexan gandeiros, pero as mulleres no campo creo que valemos moito.

-Consideras que debido ao despoboamento pode verse en perigo o futuro da gandería en Galicia?

Eu creo que non, porque hai xente que marcha do rural buscando unha vida mellor pero no sector gandeiro hai máis gando, aínda que hai menos explotacións. Isto é debido a que as pequenas explotacións van desaparecendo, porque os fillos non queren continuar co negocio. Por exemplo, na miña aldea antes había vacas en tódalas casas e agora non, pero o número delas triplicouse.

06 abr 2021 / 10:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.