Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Emigración ofrece 500 bolsas a universitarios galegos do exterior

Van dirixidas a alumnos con currículos excelentes // O departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda destina preto de 1,3 millóns de euros cada ano para financiar mestrados

Este novo curso universitario optaron a desenvolver a súa formación nas tres universidades públicas galegas un total de 150 mozos que residían no estranxeiro e que optaron por ampliar ou completar estudos nesta comunidade autónoma, segundo manifestacións do secretario xeral da Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda.

En total, dende a posta en marcha desta iniciativa xa se pudieron beneficiar 500 alumnos de diferentes países, non só dos tradicionais de América do Sur, senón doutros coma México, Países Baixos, Reino Unido, Italia, Canadá, Rusia, Alemaña ou Portugal.

Este é o cuarto ano que o departamento da Xunta destinou Bolsas de Excelencia para a Mocidade Exterior (denominadas BEME), coas que o Goberno galego posibilita que outros 150 titulados universitarios galegos que posúan un currículo brillante poidan cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas. Un dos requisitos é que sexan residentes no estranxeiro e teñan unha titulación de grao, licenciatura, enxeñería ou arquitectura.

O obxectivo das becas é atraer aos galegos que viven fóra e que desexan completar aquí a súa formación especializada, de xeito que poidan traballar en Galicia e fixar definitivamente aquí a súa residencia.

A iniciativa pretende non só captar para a comunidade autónoma o talento máis brillante de entre as mozas e mozos residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo, contribuíndo a fixar novos residentes no territorio.

A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Os beneficiarios son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditando un mínimo de dous anos de residencia no exterior e, a maiores, estar admitido na preinscripción dalgún dos mestrados das universidades galegas.

Os estudantes que obtiveron esta beca en 2020 contan con unha axuda económica de entre 7.000 e 7.650 euros, dependendo de se proceden de Europa ou do resto do mundo, por curso completo de 60 créditos ECTS (Sistema Europeo de Transferencia de Créditos polas súas siglas en inglés), que deben ser destinados a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención durante o curso.

Aqueles que se matricularon en 90 créditos dispoñen dun presuposto total de ata 11.475 euros, en función do continente de procedencia do alumno.

Na primeira convocatoria deste programa, en 2017, foron 184 as solicitudes presentadas, superando neste 2020 as 500, aínda que algunhas delas non puideron completar a súa tramitación a raíz das dificultades provocadas pola actual pandemia do covid-19.

CUARTA CONVOCATORIA Nesta cuarta convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) incorpóranse dous países de orixe aos 25 que foron integrando a lista de beneficiados das tres edicións anteriores.

Así, un bolseiro residente ata o de agora en Rusia e outro que vivía nos Países Baixos engádense á relación, na que destacan Venezuela, Arxentina, Brasil e Uruguai, entre outros, dos que viñeron un mayor número de mozos desde a creación desta iniciativa, por parte do Goberno galego, no ano 2017.

Dos bolseiros da convocatoria do curso académico 2020-2021, 23 naceron en Galicia e volven agora á comunidade a seguir os seus estudos universitarios, cumprindo así un dos obxectivos prioritarios do programa. Neste grupo están precisamente os dos bolseiros procedentes de Rusia e Países Baixos.

OUTRAS ORIXES Do resto de beneficiarias e beneficiarios,

pola súa parte, 54 residen na Arxentina, 20 en Venezuela,

16 en México, 13 no Uruguai, 12 en Brasil, 10 no Reino Unido, 6 en Cuba, 3 en Chile e outros 3 en Alemaña, 2 en Portugal, 2 en Italia, e 1 en Canadá, Ecuador, Francia, Países Baixos, Rusia e Suíza, respectivamente. 59 cursarán o seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 57 na Universidade de Vigo (UVigo) e 31 na Universidade da Coruña (UDC).

No que atinxe á idade media das e dos bolseiros desta cuarta convocatoria das Becas Excelencia Mocidade Exterior, sitúase en 29 anos, aínda que o grupo máis numeroso deste programa financiado pola Secretaría Xeral da Emigración é o que vai entre os 22 e os 30 anos de idade.

Ademais, as mulleres volven concentrar o 56 por cento das bolsas, mantendo un ano máis a tendencia iniciada xa no primeiro curso, o de 2017-2018.

Este programa, incluído dentro da Estratexia Galicia Retorna, posta en marcha polo departamento da Xunta que encabeza Antonio Rodríguez Miranda, persegue incentivar a volta dos cidadáns e cidadás galegos do exterior, non só das persoas emigradas, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos e fillas nos centros de ensino secundario da comunidade autónoma, así como no sistema universitario de Galicia.

Requisitos que hai que cumprir, trámites a facer e outras dúbidas

Que requisitos debo cumprir? No momento de solicitar a bolsa hai que ter menos de 40 anos, nacionalidade española, residir fóra de España e acreditar un mínimo de 2 anos de residencia fóra inmediatamente anteriores á data da solicitude. Tamén é preciso estar vinculado/a a Galicia ben por ser emigrante nacido/a en Galicia ou non nacido pero que vivises de forma continuada durante 10 anos con nacionalidade española antes de emigrar. Outra das posibilidades é ser descendente por consanguinidade (fillo, neto, bisneto...) dun/a emigrante nacido en Galicia ou que residira durante 10 anos con nacionalidade española antes de emigrar, neste caso se o solicitante da bolsa naceu no estranxeiro. Ter finalizada algunha titulación universitaria de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico ou outro expresamente declarado equivalente, que dé acceso a un mestrado. No caso dos descendentes de galegos e nacidos fóra, hai que estar vinculado a un concello gallego no PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro). Esta última condición pode acreditarse con posterioridade á data da solicitude. Tamén tes que estar matriculado/a nun máster universitario de un mínimo de 60 créditos na modalidade presencial ou semipresencial antes da concesión da bolsa.

Que MESTRADOS SE OFERTAN E EN QUE UNIVERSIDADES? As bolsas concédense para a realización de 80 mestrados diferentes das áreas de Arte e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, así como Enxeñería e Arquitectura. Realízanse nunha das tres universidades publicas de Galicia: UDC (campus da Coruña e Ferrol), USC (campus de Santiago e Lugo) e UVigo (campus de Vigo, Ourense e Pontevedra).

Como é o procedemento para solicitar as bolsas? Son dous procedementos paralelos que cada aspirante debe realizar de xeito separado. Un é o trámite de solicitude da bolsa á Secretaría Xeral da Emigración da Xunta e outro, o trámite de solicitude de admisión nalgún mestrado dos ofertados nas universidades galegas.

Como se solicita a bolsa? As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través dun formulario normalizado, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia: https://bolsasexcelencia.xunta.gal.

É necesario estar matriculado nun dos mestrados antes de solicitar a beca? Non. No momento de solicitar a beca simplemente terás que cubrir o nome dun mestrado ou mestrados ofertados na convocatoria, nos que vas solicitar a túa admisión. Con posterioridade terás que matricularte nun dos mestrados ofertados nos que esteas admitido pola universidade e enviar o xustificante de matrícula.

Podo solicitar a admisión ou matricularme nun mestrado diferente ao que sinalei na solicitude? Si. Non hai ningún problema. O único importante é que sexa algún dos da convocatoria das bolsas.

Cando podo viaxar a España? Podes desplazarte a España unha vez que presentes a solicitude da bolsa con toda a documentación necesaria. O imprescindible é que no momento de solicitar a bolsa residas fóra de España.

beme
que gastos financian?

Coa contía asignada deberás afrontar todos os gastos que se xeren para poder realizar o mestrado:

• De preinscrición, administrativos e de matrícula na universidade correspondente.

• De viaxe desde o teu país de orixe.

• Aloxamento e manutención en Galicia.

• Subscrición dun seguro médico, se é o caso.

15 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito