Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Encalla a negociación do novo convenio dos grupos de emerxencias

As propostas da Xunta foron rexeitadas por tres deputacións e Agesca di que non se lles escoita

    Ponteceso. O proceso de negociación do novo convenio regulador dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) está bloqueado, logo de que as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra rexeitasen a proposta da Xunta de Galicia.

    Dende a Administración autonómica lamentan ese “rexeitamento” e aseguran que o obxectivo da súa proposta é “mellorar a prestación dos servizos de emerxencias e completar o mapa que cubre o territorio galego”. Entre outras medidas, engaden, proponse aumentar o persoal para que “tódolos GES teñan 12 efectivos, equiparar o custo dos catro servizos municipais de emerxencias ao resto dos GES, actualizar o custo salarial e crear un subGES con seis efectivos no Grove”.

    Pola súa banda, as tres deputacións xustifican a súa oposición en base ao reparto do financiamento, e aseguran que o novo convenio “non debe supoñer novos incrementos para as deputacións” que, afirman, “xa duplicaron as súas achegas no periodo 2019-2021, en tanto que a Xunta reducía a súa achega do 60 ao 52,5 %.

    Tamén rexeitan que se utilice o Fondo de Cooperación Local para “alimentar” as achegas autonómicas, xa que “son cartos que corresponden aos concellos”.

    Dende as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra reclaman ademais que o novo convenio se basee “nun cambio de modelo de contratación do persoal para evitar responsabilidades dos representantes municipais ante as reiteradas sentencias xudiciais que ditaminan que para a prestación dos GES non se pode acudir á contratación laboral temporal por obra ou servizo determinado, tal e como se está facendo”.

    Tampouco está de acordo cos plantexamentos que se puxeron sobre a mesa a Asociación dos GES de Galicia (Agesca), que rexeita, sobre todo, as peticións da Fegamp, que é a terceira parte implicada na negociación. A este respecto, o vicepresidente de Agesca, Javier Ordoñez, denuncia que, a pesares, de que presentaron as súas propostas para mellorar os servizos tanto á Fegamp, como á Xunta e ás catro deputacións, “non están contando con nós nesta negociación”.

    Dende Agesca queren que os GES deixen de depender dos concellos “porque non teñen capacidade nin medios axeitados para xestionar un grupo de emerxencias”, sinala Ordóñez Barca. Ademais rexeitan a petición da Fegamp para que se inclúa entre as funcións destes grupos a axuda na limpeza de espazos públicos. “Se estamos limpando, no caso de que se produza unha situación de emerxencia esta non poderá ser atendida a tempo debido a que o persoal non estará dipoñible para actuar nas isócronas marcadas”, engade.

    Rexeitan tamén a eliminación das quendas de 24 horas, pois iso suporía “ter unhas emerxencias de segunda por vivir no rural”, e pregúntanse se esa proposta “será unha medida de represalia contra os traballadores e traballadoras dos GES que gañaron os seus dereitos nos xulgados, ou acaso pretenden eliminar a quenda de noite?”.

    Javier Ordoñez asegura “en ningún caso estamos demandando melloras salariais, tan só que se nos recoñeza como bombeiros, que é o que somos, e que se dote aos GES de máis medios materiais e humanos para mellorar o servizo aos cidadáns”. J. M. r.

    12 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.