Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
investigación da USC

La clave do éxito nos centros de menores está na educación e non no control

Hernández defende na súa tese doutoral valorizar o traballo dos educadores e demanda que non se acabe a protección dos adolescentes ao cumprir os 18 anos

As causas son múltiples, dende historias persoais dolorosas ata conflitos familiares e abandono escolar, pero todos eles chegan ao Centro Santo Anxo cunha ilusión compartida: ter un futuro ao saír de alí. A investigadora Mª Soledad Hernández Hernández analiza a protección á infancia e adolescencia na súa tese de doutoramento titulada ‘O Centro Santo Anxo. Unha resposta para menores en dificultade e conflito social’ que vén de presentar na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago.

A investigadora Mª Soledad Hernández asegura que os nenos e adolescentes continúan sendo un dos colectivos máis vulnerables da sociedade sometidos aos cambios sociais, á explotación e aos conflitos armados. Ademais critica que, unha vez que os adolescentes cumpran os 18 anos, quedan desamparados de protección, pero eles seguen precisando apoio na formación e orientación laboral. “Cando traballamos coas persoas, partindo dos seus dereitos e tendo en conta os seus intereses e necesidades, algo cambia”, indica Hernández, ao que se formula a seguinte pregunta: estamos interesados en tecer unha rede que sosteña e permita crecer aos que debemos protexer?

Para atopar unha resposta a esta cuestión, a doutora Soledad Hernández centra o seu estudo de caso no Centro Santo Anxo, onde desenvolveu gran parte da súa vida profesional. “Parecíame necesario recuperar parte da súa historia e validar o modelo de atención residencial como resposta educativa deste centro, por ser un referente en Galicia na atención á infancia e á adolescencia”, explica a investigadora.

Na súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores da USC, José Antonio Caride Gómez e Antón Costa Rico, Soledad Hernández recolle as percepcións reais das persoas que viviron esta experiencia dende dentro do centro. Os rapaces e rapazas que chegan ao centro de Rábade son moi conscientes da súa realidade, de aí os seus enfados, sentimento de desconcerto e esa necesidade de escapar de todo, incluso de eles mesmos, indica. A maioría deles valora de forma positiva o seu paso polo centro Santo Anxo, a pesar de ser unha opción obrigada e non elixida. Todos eles “queren imaxinar un futuro igual ao de calquera persoa da súa idade: cun traballo, amigos fieis e unha familia que lles queira”, mantén Hernández.

O principal problema que detectan, tanto menores como os profesionais que alí traballan, é o excesivo control fronte á educación. A normativa e o modelo xerárquico de organización poden facilitar o acordo e a actividade diaria, pero son unha limitación para a acción educativa. “Temos que evitar que os regulamentos e protocolos ocupen todos os espazos e deixen sen función á figura do educador”, explica.

A investigadora pon en valor a importancia dunha lexislación que defenda o respecto e o exercicio efectivo dos dereitos de protección da infancia e adolescencia por ser de recoñecemento universal e interdependentes entre si. “O marco legal actual non promove este enfoque, xa que sigue centrado nas consecuencias das situacións, retraído en cuestións socio-políticas que alentan á desigualdade e a exclusión dos individuos máis vulnerables”.

Tras realizar esta tese de doutoramento, a investigadora prevé un futuro incerto no que os menores xogarán un papel cada vez menos activo e no que se creará un ambiente hostil. “Isto débese ao pouco peso concedido á educación, a escasa valoración da súa contribución e dos seus profesionais que parece que teñen que xustificar continuamente a súa presencia”.

Tribunal de tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Soledad Hernández estivo presidido por catedrático Paulí Dávila Balsera. Os profesores María José Méndez Lois e Miguel Melendro Estefanía completaron o tribunal. A autora da tese de doutoramento obtivo a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

29 ago 2018 / 12:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito