El Correo Gallego

Noticia 72 de 516 noticia anterior de espazoAbalar Galicia » espazoAbalar

O ránking Shanghai mantén a USC entre as mellores universidades do mundo

A Universidade de Santiago tamén figura entre as máis destacadas do mundo polo ránking da National Taiwan University

A capacidade investigadora é un dos aspectos mellor valorado polos ránkings referidos.  - FOTO: RQ
A capacidade investigadora é un dos aspectos mellor valorado polos ránkings referidos. - FOTO: RQ

SANTIAGO  | 15.08.2018 
A- A+

A de Santiago de Compostela é unha das dez universidades españolas presentes un ano máis no listado das mellores universidades do mundo que elabora anualmente dende 2003 o Academic Ranking of World Universities (ARWU), tamén coñecido como ránking de Shanghai. A Universidade de Santiago de Compostela está emprazada no intervalo 401-500 das mellores institucións universitarias do mundo e entre as dez mellores de España. Para esta clasificación tomáronse en consideración os datos relativos a máis de 1.500 universidades, concretamente todas aquelas que contan nas súas comunidades con premios Nobel, Medallas Fields, investigadores altamente citados e artigos publicados nas revistas Nature e Science. Tamén se destacan aquelas universidades que teñen unha cantidade significativa de traballos indexados por Science Citation Index-Expanded (SCIE) e Social Science Citation Index (SSCI).

Para a elaboración final da clasificación tómanse en consideración catro criterios, como son calidade da educación e do persoal, produción investigadora e rendemento per capita. O maior peso na cualificación final de cada institución recae concretamente nos de produción investigadora, a través dos indicadores de artigos publicados Nature e Science (20% da nota final) e artigos indexados en SCIE e SSCI (20%);e calidade docente, en base aos integrantes do cadro docente premiados (20%) e investigadores altamente citados de entre 21 categorías (20%). Os indicadores de calidade da educación, en base ao alumnado premiado co Nobel ou as Medallas Fields, supón o 10% da valoración final e o rendemento per capita o 10% restante.

Nesta edición inclúese unha universidade española menos que en 2017. Así, ademais da USC, de España atópanse incluídas entre as mellores a de Barcelona, Complutense, Pompeu Fabra, Granada, Autónoma de Barcelona, Autónoma de Madrid, País Vasco, Politécnica de Valenci e Valencia. O reitor Antonio López mostrou a súa satisfacción polos logros da USC que lle permiten figurar un ano máis entre as mellores do mundo, “grazas ao traballo conxunto e o bo facer de todos os integrantes dos distintos sectores universitarios, persoal docente e investigador, de administración e servizos e estudantes”.

Materias

Ademais desta clasificación global, o mesmo ránking publicaba a finais do pasado xullo outra clasificación das institucións universitarias organizadas por materias concretas en base á súa capacidade investigadora. Tamén nesta clasificación figuraba a USC cun total de dezasete áreas temáticas entre as mellores do mundo. Ciencias Veterinarias é o ámbito no que a USC alcanza a súa mellor clasificación, no intervalo 76-100. Tamén acada unha posición destacada en Tecnoloxía e Ciencia dos Alimentos ao posicionarse no intervalo 101-150.

NTU

De xeito paralelo, hai uns días tamén se coñecían os resultados do ránking de rendemento investigador das universidades do mundo que elabora a National Taiwan University, segundo o cal a USC atópase na posición 440 de entre 800 institucións de todo o mundo. A selección das mellores universidades baseouse en información obtida de Essential Science Indicators (ESI). Así, dunha mostra inicial de más de 4.000 institucións de investigación enumeradas en ESI, este sistema de clasificación seleccionou as principais en función do número de artigos e citas publicadas.

Ademais da clasificación internacional global, esta clasificación inclúe unha listaxe en función de seis campos, de entre os que a USC destaca no de Agricultura (posición 281) e ascende ao intervalo 351-400 nos de Ciencias da vida e no de Ciencias naturais. En Medicina clínica atópase na posición 401-450 e no de Enxeñaría na 451-500.

Por materias concretas, a Universidade de Santiago de Compostela figura destacada en Matemáticas (posición 108), así como en Ciencias da Agricultura (193), Farmacoloxía e Toxicoloxía (206), Ambiente e ecoloxía (252), Enxeñaría Civil (273) ou Química (288), entre outras áreas.