El Correo Gallego

Noticia 91 de 516 noticia anterior de espazoAbalar Galicia » espazoAbalar

Un estudante galego saca á luz os segredos do primeiro dinosaurio descrito en España

Artai Santos sentou no seu TFG as bases dun artigo publicado agora en 'Cretaceous Research' // O 'Aragosaurus' viviría hay 145 millóns de anos nun delta en Teruel

Artai Santos nun laboratorio do Edificio de Ciencias do campus de Vigo - FOTO: DUVI
Artai Santos nun laboratorio do Edificio de Ciencias do campus de Vigo - FOTO: DUVI

DUVI  | 13.07.2018 
A- A+

Desde que comezou a cursar o Grao en Bioloxía na Universidade de Vigo no curso 2011-2012, Artai Santos López (Vigo, 1993) participou todos os veráns, dirixido polo docente e investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio Bienvenido Díez, en escavacións paleontolóxicas, principalmente en Aragón e Castela. Chegado o terceiro curso e baixo a tutela de Rafael Royo, o estudante vigués realizou as súas prácticas na Fundación Paleontológica Teruel-Dinópolis, onde tivo ocasión de escavar e estudar en Teruel a flora fósil do xacemento de Las Zabacheras para o seu Traballo Fin de Grao (TFG), que presentou no curso 2014-2015 co título Estudio del registro paleobotánico del yacimiento “Las Zabacheras” (Galve-Teruel). Tres anos despois, e con novas achegas, froito de escavacións realizadas durante este período polos propios investigadores da Universidade de Vigo, da Universidad Nacional Autónoma de México e da Universidade Chuo de Xapón, xunto á Fundación Dinópolis, o TFG do estudante da Universidade de Vigo converteuse nunha parte do artigo científico Palaeobotanical records associated with the first dinosaur defined in Spain: Palynostratigraphy, taxonomy and palaeoenvironmental remarks, recentemente publicado pola revista Cretaceous Research

“O meu TFG é unha parte do artigo científico que acabamos de publicar, concretamente o estudo da macroflora atopada en Las Zabacheras, non obstante, foi necesario cambiar certas cousas e engadir outras, xa que un TFG ten unhas características diferentes ás que esixen as publicacións científicas”, explica Artai Santos, que engade, que para este traballo, ademais da macroflora tamén realizaron análises palinolóxicos do xacemento, concretamente do nivel de Aragousaurus ischiaticus, o primeiro dinosauro definido en España, “permitindo xunto coa macroflora, unha reconstrución máis completa das comunidades vexetais que habitaba este saurópodo, do seu contexto ecolóxico e ambiental, así como unha datación estratigráfica máis precisa”.

Os resultados dos estudos dos fósiles de plantas publicados na revista científica céntranse en dous tipos de restos: 1298 mostras de graos de pole e esporas, que tras un proceso de mostraxe e separación do sedimento, estudáronse utilizando un microscopio electrónico de barrido e 712 restos de follas de plantas, que se conservaron impresas nas rochas.

UN TERUEL XURÁSICO "A PÉ DE PRAIA"

A macroflora descrita en Cretaceous Research, que xa fora detallada polo investigador vigués no seu TFG, identifica fundamentalmente fentos leptosporanxiados, algúns como Eboracia lobifolia de porte arbóreo (fentos leñosos e grandes coma árbores), adaptados a temperaturas relativamente cálidas e elevados niveis de humidade nun sistema deltaico con influencia mariña, “polo tanto o Teruel do Xurásico-Cretácico estaría ‘a pé de praia’ e cun clima tropical-subtropical”, explica Santos.

Pola súa banda, as análises palinolóxicas evidenciaron a presenza doutros grupos de plantas coma as ximnospermas, aínda que probablemente, o feito de non atopar ximnospermas entre a macroflora indicaría que os graos de pole deste tipo de plantas viaxaron polo aire dende outras zonas próximas. “Entre macro e microflora identificamos 49 especies botánicas diferentes, principalmente pteridofitas e ximnospermas, pero tamén atopamos un gran de pole de Tucanopollis, que é unha anxiosperma, as coñecidas como plantas con flor, que hoxe en día son o grupo dominante, pero que eran moi escasas no tránsito Xurásico- Cretácico”, detalla o investigador.

Precisamente o estudo desenvolvido polos científicos da Universidade de Vigo, xunto cos paleobotánicos Uxue Villaneuva da Universidad Nacional Autónoma de México e Luis Miguel Sender da Universidade de Chuo, e os paleontólogos de Dinópolis tamén permitiu realizar unha datación estratigráfica máis precisa das comunidades vexetais que habitaba o Aragosaurus. “O último artigo publicado sobre este saurópodo, defendía que a súa idade era Berriasiense tardío-Valanxiniense (Cretácico Inferior). Cos datos que achegamos, interpretamos que a idade máis probable é o Berriasiense basal, practicamente no límite Xurásico-Cretácico, hai uns 145 millóns de anos”, detalla Artai Santos.